Juan Traba é o presidente da Asociación de Mergulladores da Confraría de Pescadores Nuestra Señora de las Arenas de Fisterra. Esta agrupación móstrase "totalmente en contra" da prohibición de extraer recursos específicos en apnea que o Ministerio de Fomento quere establecer mediante un regulamento que xerou numerosas queixas dos mariscadores galegos.

- Que supón para o sector que se prohiba esta técnica?

-Nas praias que temos podemos ir con compresor e en apnea, como se foi toda a vida. Nalgunhas, nas que traballas a dous ou tres metros, non precisas ir co compresor. A lei di agora que nos vai quitar a apnea, aínda que polo momento non o fixo. Di [o Goberno] que é pola saúde, pero ata o de agora nunca tivemos problema ningún, non morreu ninguén; se fora pola saúde, tamén tería que quitar o tabaco e o alcol. Está en contra da prohibición todo o colectivo de mariscadores, e non só de Fisterra, tamén o de Corcubión, Muxía, Camariñas, Laxe, Ribeira, Aguiño...

- Cantos afectados hai pola posible prohibición en Fisterra?

-Os compañeiros mais eu empezamos hai uns 30 anos con apnea. Eramos uns 200 pescadores e agora somos 57 mergulladores na agrupación de Fisterra, pero tamén os hai en Corcubión, Muros, Ribeira? Todos vivimos disto; uns imos á navalla, outros ao longueirón. Eu ando co compresor, pero tamén en apnea, coa que traballamos ata os seis metros tranquilamente nalgunhas praias. Empezamos hai tres ou catro anos a andar co compresor. E que agora nos quiten a apnea? Esta xente que está nas oficinas debería vir falar con nós para poder explicarlles en que consiste.

- Que medidas de seguridade toman cando usan esta técnica?

-O plan de seguridade é igual para todas as confrarías. Eu teño un compresor a bordo. Somos tres, baixamos dous e queda un xefe de equipo arriba. Agrupámonos todas as lanchas que traballan na mesma praia e nunca hai ninguén só, sempre estamos varios. Hai un xefe de equipo que controla que non pase nada. Co compresor igual, tes un xefe de equipo arriba e dous abaixo, onde tes a botella de seguridade por se falla o compresor.

- Que condicións físicas se requiren para este traballo?

-Pasas o mesmo recoñecemento que para ir co compresor, cunha proba de esforzo, outra pulmonar...

- É preciso un barco de apoio?

-Quérennolo poñer, pero para que é esa embarcación se traballamos conxuntamente? Fan as leis e non saben o que fan, non falan con nós, que somos os que andamos en apnea. En Fisterra fomos pioneiros. Empezamos con carné, despois obrigáronnos a unha embarcación de terceira lista, agora co tema profesional? É un pau moi grande porque é un oficio de toda a vida e quérennolo quitar, pero imos facer o que sexa posible para evitalo.

- Ir en apnea implica riscos para a saúde?

-Con 51 anos teño baixado a sete, oito, nove e dez metros sen problema ningún. Paso dous recoñecementos ao ano como o resto dos mergulladores, un coa cartilla do mar e outro polo privado, que che esixen. Teño compañeiros que se xubilaron con 60 anos sen problemas. Aquí saías do colexio, comprabas un traxe de neopreno, unhas lentes, unhas aletas e xa ías. Un compresor custa 2.000 e pico euros, e despois os reguladores. En apnea, co teu carné, non precisas tanta inversión.

- O compresor supón unha inversión maior que a apnea...

-Si, claro, pero todos nós temos compresor, non é que o teñamos que comprar agora. Son dúas artes que se poden combinar. O noso carné antes poñía recolector en apnea e agora pon recolector de recursos específicos con técnicas de mergullo. Imos coas dúas técnicas, sempre co plan de seguridade que temos pola Marina Mercante.

- Que vantaxes ten a recollida por apnea?

-A burbulla do compresor provoca que o longueirón non saia tanto ou que marche, mentres que facéndoo en apnea baixas tranquilamente e aguantas un minuto ou máis para collelo.

- É máis fácil acceder aos recursos?

-Igual, porque as praias ás que imos son cristalinas, non hai rochas, e tanto baixas co compresor como en apnea.

- Longueirón e navalla son os recursos aos que máis afecta a medida?

-Claro, porque ao ourizo vas co compresor. E varías os dous. Eu estou traballando na zona de Corcubión, que hai máis navalla, e imos á praia de Fornelos, con dous ou tres metros e interesa máis ir en apnea. A partir de abril, que pecha alí, empezamos en Fisterra.

- Por que cre que a quere prohibir o Goberno?

-Eso é o que queremos saber nós. No verán vén xente en apnea porque lle gusta e a nós, que é un oficio de toda a vida, quérenola quitar porque aseguran que é malo para a saúde.

- En quen buscaron apoio?

-Nós non estamos de acordo con que se prohiba a extracción en apnea; nin nós nin outras confrarías. Somos socios do pósito de Fisterra e co patrón maior fixemos os escritos explicando como se traballa en apnea e a Federación Galega de Confrarías tamén enviou outro. A nivel persoal tamén se remitiu un documento explicando como se traballa para que [o Goberno] se dea conta [da importancia que ten].

- Recibiron apoio da Consellería do Mar?

-Esto ven de Fomento, non da Consellería do Mar, que sempre nos mandou o permex poñendo se é en apnea ou co compresor. Mar manda o plan de marisqueo todos os meses e este chegou o día 1 coma sempre.

- Cre que Fomento vai dar marcha atrás?

-Despois de todas as alegacións dos colectivos e das confrarías penso que imos poder seguir practicando a apnea porque [o Goberno] ten que darse conta de que se o queremos é por algo e que se fose malo para a saúde, non seguiríamos con isto. De momento traballamos en apnea e co compresor ata que nos digan se a prohiben ou non.