A Asociación Profesional Colectivo de Gardacostas de Galicia constituise o pasado 3 de marzo e á súa fronte está Manuel Becerra. Este representante dos inspectores do servizo dependente da Consellería do Mar asegura que un dos obxectivos da organización recén creada é mellorar as condicións dos profesionais do sector, "sobre todo as vinculadas a aspectos físico e psíquicos que son inevitables", e colaborar coa Administración e co administrado (os traballadores da pesca).

-Por que xorde a asociación?

-Porque vemos a necesidade de darlle un impulso ao servizo. Estamos un pouco deixados ao ser un grupo pequeno dentro da Administración e os sindicatos, onde temos algún representante, queremos que teñan máis en conta as nosas preocupacións concretas. Estamos un pouco aillados e decidimos agruparnos nunha asociación para mirar polos temas que nos afectan.

- Buscan facer máis forza...

-E tamén unha representatividade que non tiñamos ata este momento. A entidade comezou a xurdir a mediados do ano pasado. Como estamos repartidos en bases, tamén é tratar de cohesionarnos, porque cada un está no seu territorio e non hai unión.

-Acusan á Consellería do Mar de "xerarquizar a dedo". En que postos se produce máis?

-Os postos de xefaturas de unión operativa, sobre os que xa hai unha sentenza de que teñen que ser por concurso. Tratamos de que a maioría de postos se asignen por concurso, mentres que a Administración tende á libre designación.

-Esta última é máis habitual?

-A partir dos xefes de unidade operativa é onde está o tema; en xefaturas de sección son de concurso e as de servizo son de libre designación. A escala vai de axente a xefe de unidade operativa, xefe de sección, xefe de servizo, e logo xa está o subdirector.

- Propoñen que o acceso a todos os postos de traballo se faga por concurso?

-O que pretendemos é que haxa unha carreira profesional e que poidamos ir promocionando dentro do servizo. Iso é fundamental.

- Cal é a formación que se precisa para entrar en Gardacostas?

-Hoxe en día unhas oposicións, que están rematando, de C1 (bacharelato). Está pendente de desenvolver algo coa Lei de Gardacostas, a escala de unión operativa, na que se integrarían patróns e mecánicos. De tódolos xeitos, no servizo están todos metidos (mariñeiros, patróns, mecánicos) na escala de axentes.

-Piden unha diferenciación nesta escala?

-Sí, claro. Falamos de promoción e ter unha carreira administrativa profesional para que a xente poida acceder a postos superiores.

-Polo decreto de funcións, o persoal doutras administracións pode acceder a un posto en Gardacostas. Que lle parece?

-Sí, pode acceder a algunhas prazas. Parécenos que debería haber unha reciprocidade neses temas porque nós non podemos ir a outros postos e eles sí poden vir aos nosos, e aí estamos en inferioridade.

-Queren que se igualen as condicións?

-Efectivamente. Se a xente doutras administracións pode acceder ao noso servizo, que os axentes do servizo poidan ter a posiblidade de saír e concursar noutras prazas.

-Tamén falan de inferioridade no tema da xubilación...

-En Asturias, por exemplo, os coeficientes redutores son do 0,15 puntos. O problema co que nos atopamos é que nós, polo feito de ser funcionarios, non temos ese dereito. Temos o mesmo traballo e incluso máis, porque temos competencia en control e vixiancia do sector, loita contra a contaminación e salvamento marítimo. Non temos recoñecido ningún coeficiente. É máis, nos barcos do servizo hai empregados dunha empresa que pon a tripulación coa que nós imos facer as vixiancias e o traballo efectivo, e esta sí ten redución, de 0,35. O que queríamos é intentar solventar isto, porque o cadro de persoal xa ten unha idade considerable que para facer o traballo en embarcacións, de salvamento e mesmo retirada de aparellos, require unhas condicións psicofísicas determinadas, e estas merman cos anos.

-Que supón isto?

-Neste asunto temos bastantes casos de patoloxías determinadas polo traballo que desenvolvemos dende fai moitos anos como son as de espalda, hernias ou protusións discais, e outras de idade como artrose e algunhas máis graves. Precisamente por iso consideramos moi necesario acadar un coeficiente ou reducir dalgún xeito a idade de xubilación, porque non somos como os funcionarios normais. Se imos levantar algo, facer un esforzo, físicamente se tes unha hernia discal xa sabes que o vas acusar. Non estás nin físicamente nin psicolóxicamente preparado. Consideramos importante ter o coeficiente redutor polas condicións do traballo.

-Que coeficiente estiman que se debería aplicar no seu caso?

-Os servizos de inspección doutras comunidades teñen o 0,15, pero nós estamos enrolados con salvamento, e os traballadores destas embarcacións teñen 0,35. Todo o que sexa restar está ben e habería que negocialo, pero cremos que nos corresponde o 0,35.

-É necesario que entre xente nova a traballar?

-Evidentemente. As condicións físicas que se necesitan no servizo son as axeitadas para desenvolver o traballo porque nós non somos só un corpo represivo con decomisos e sancións senón que estamos para axudar ao sector con salvamento ou na loita contra a contaminación, que son aspectos que non se publicitan tanto. Xa hai tempo que non hai ningunha desgraza, pero a maioría dos meus compañeiros estivemos no Mar Egeo, no Prestige e en afundimentos dalgún pesqueiro.

-Cre que o traballo é atractivo para que haxa incorporacións?

-Sí. A parte de contacto co medioambiente, a protección dos recursos, o salvamento e a loita contra a contaminación son bastante atractivos para a xente de aquí.

-Que se pretende coas RPT (Relación de Postos de Traballo)?

-Hai postos que se amortizan e pensamos que fai falla xente porque de momento, e dada a longa transición da crise, o envellecemento e as xubilacións quedan prazas vacantes que son moi necesarias.

-Reciben o apoio da Consellería do Mar?

-Tivemos reunións co subdirector e coa conselleira e en principio dixéronnos que nos ían apoiar e que estaban de acordo coas demandas, aínda que non con todas. Co tema da libre designación e o concurso, a Administración ten un punto de vista e nós outro, pero na renovación do cadro de persoal e de facer cursos de reciclaxe e formativos estamos totalmente de acordo. Tamén en tratar de adiantar a xubilación o que se poida, porque hai trabas como o de ser funcionarios? Buscamos unha solución.

-Como axuda a colaboración co sector?

-Na información a nivel de Administración e administrado e tamén ao estar con el se xorde calquera problema: estamos aí na evacuación de accidentados ou cando unha embarcación ten un percance. É unha interrelación. Xa existe a colaboración e queremos que se sepa que a hai.

-É algo habitual ou plantexaron medidas para aumentala?

-É habitual e penso que o sector ten coñecemento disto. A que non o ten é a sociedade en xeral. Pero o sector sí, [a colaboración] é fluida, excepto algún caso concreto. Queremos que vaia a mellor, ser un nexo de unión entre o sector e a Administración.

-E a relación cos furtivos, como é?

-Quedan conflitos latentes que son de difícil solución porque hai moita xente con problemas que ten este recurso dende hai tempo [para vivir] e é difícil cambiar esas dinámicas. Agora, dende que entraron os delitos contra a sostibilidade no Código Penal, esas reincidencias ou as reiteradas comisións destes delitos pensamos que se solventarán. Evidentemente hai quen cumpre as normas estrictamente, outros que a medias e tamén quen non as cumpre, pero iso está dentro do que é admisible e vaise reducindo.

-Entón, caeu a presenza dos ilegais dende que está tipificado o furtivismo como delito no Código Penal?

-Sobre todo ao principio sí que se notou unha redución. Despois pasou un tempo e parece que agora [os furtivos] están intentando ver ata onde poden chegar, pero en canto saian algunhas condeas volverá a retraerse.

-Temen pola súa vida?

-Tanto como que a vida corre perigo non, pero sí a integridade física. Hai xente agresiva e cando lle queres quitar unha cousa, revírase. Hai e houbo casos nos que te atopas con xente violenta, pero tamén se van reducindo. Os incidentes de violencia non van desaparecer, porque cada un é como é, pero sí que van a menos e neste aspecto hai que agradecer a colaboración das forzas e corpos de seguridade, en especial da Policía Autonómica e da Guardia Civil.