10 de abril de 2018
10.04.2018

España pediralle á UE que a frota artesanal quede exenta da obriga de desembarque

10.04.2018 | 01:26

España solicitará no próximo Consello de Ministros da Unión Europea que quede sen efecto a norma que regula o desembarque dos descartes para a frota artesanal, segundo acordou onte o Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios.

"A decisión política dos descartes cero tomouse precipitadamente, sen ter feito os estudos correspondentes e sen ter en conta as pesquerías multiespecíficas nas que traballa boa parte da nosa frota", asegurou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que particupou na reunión. A representante do Goberno galego incidiu en que "agarda" que se sumen máis estados membros a esta declaración para deixar sen efecto esta obriga "como mínimo" para a frota artesanal.

Quintana tamén mostrou o seu apoio á proposta de Bruxelas de regulamento sobre o plan plurianual para os stocks pesqueiros en augas occidentais, pero defendeu que o proxecto ten "pouco en consideración" os aspectos sociais e económicos da actividade pesqueira.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine