A carpintería de ribeira sobrevive con dificultades e unha das causas da súa caída foron as normativas europeas que promoveron a construción de buques noutros materiais, segundo o presidente da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari), Ramón Collazo. Agora, a organización aposta por un regulamento moderno -o anterior, de Bureau Veritas, é de 1963- que permita diferenciar o bo facer destes carpinteiros.

- Está viva a carpintería de ribeira?

-Si, por Agalcari, que une ás carpiterías de ribeira de Galicia, e si porque aínda están en activo. Que pasa? Hai pouca construción de barcos de madeira e vivimos sobre todo porque no seu momento diversificamos o traballo e facemos reparación, modernización de barcos e transformación, embarcacións de recreo? O carpiteiro de ribeira adaptouse, a construción baixou moito porque certas normativas europeas están enfocadas sobre todo a outros materiais, favorecendo o poliéster e o aceiro.

- Cantas carpinterías quedan?

-Somos 18 ou 19 na asociación.

- E trala adaptación, seguen a construirse pesqueiros?

-Si, un barco de cerco en Astilleiros Lojo (Rianxo) e un para artes menores en Astilleros Triñanes Domínguez, ademais dalgún outro máis pequeño para recreo.

- Constrúen algún cunha finalidade cultural?

-As connotacións culturais da carpintería de ribeira son innegables pero agora mesmo non se están a construir. Estamos moi orgullosos da obra que fixo un carpinteiro de ribeira da nosa asociación, Francisco Fra, de San Cibrao, para o Museo do Mar de Vigo, pero queremos que a nosa labor vaia máis alá do patrimonio.

- Elaboraron un novo regulamento. Para que?

-Cando hai uns sete anos Agalcari redactou un regulamento de construción naval en madeira financiado pola Administración autonómica e impulsado por Gerardo Triñanes intentámoslle dar validez na Dirección General de la Marina Mercante. O anterior é de 1963, de Bureau Veritas, e non inclúe certos avances técnicos e incorporacións en canto ao tratamento da madeira que xurdiron co tempo e que si recolle o novo, xunto co bo saber facer dos carpinteiros de ribeira.

- En que punto están?

-Agora estamos nun parón despois dunha serie de actuacións ao longo destes sete anos. Tivemos unha reunión coa Dirección General de la Marina Mercante en outubro e esta asistiu a unhas xornadas en novembro. En encontros posteriores que xurdiron dunha mesa de traballo que se celebra na Capitanía Marítima de Vilagarcía con representantes da Marina Mercante, de Agalcari, de Culturmar e da nosa asesoría técnica de referencia, que é Igemar, chegamos a acordos e tras un encontro o 20 de febreiro en Madrid parece ser que imos conseguir o tan ansiado aval da Dirección General de la Marina Mercante respecto a ese regulamento. Esperamos acadar un informe favorable conforme non vai en contra de ningunha norma vixente, como é o caso. Tras anos de loita, está relativamente preto a súa consecución.

- Unha vez lle dea validez, estarán máis preto da aprobación do Goberno?

-Si, para ter unha ferramenta máis de cara a conseguir un selo ou unha marca de calidade da construción naval en madeira galega. Non sería a única condición, pero si indispensable, que fora avalado pola Dirección General de la Marina Mercante. Ademais, estamos iniciando contactos para que ese mesmo regulamento estea amparado por unha sociedade de clasificación como pode ser Aenor.

- Queren diferenciarse...

-Por suposto. Evidentemente queremos que as nosas construcións conten con ese selo. Os barcos de madeira sofren unha discriminación na obrigación de varada anual de cara á inspección técnica por parte da Marina Mercante. Estamos loitando para conseguir que se equipare e que esa parada non sexa segundo o material no que está construido senón en función de como se encontre o barco. Que queremos acadar co regulamento? Un selo de calidade daríanos maior validez á hora de lograr equiparalos na discriminación.

- Por que fala de discriminación?

-Nos barcos que son superiores a sete metros e medio é obrigatorio facer unha varada anual en seco. Nos outros é cada 24 meses e ademais pódeno prorrogar un tempo. Os outros materiais, en cinco anos teñen que facer unha especial e unha intermedia, mentres que os de madeira teñen unha anual.

- Por que teñen que parar máis os de madeira?

-No seu momento modificouse o real secreto (se non me trabuco 543/2007) seguramente baseándose en sinistros acontecidos. Principalmente nos barcos de esloras de entre sete metros e medio e 24 construidos dende 1996 cara aquí a estatística de afundimentos é superior á de outros materiais. O patrón ao que responden os naufraxios dos de madeira sempre é o mesmo: embarcacións de máis de 30 anos cun mantemento nulo ou escaso. Xa que o número de barcos de madeira é moi superior ao doutros materiais xuntos (poliéster e aceiro) e dado que os afundimentos son menores, quedaría demostrado que non son inseguros, todo o contrario: responden perfectamente aos estándares de seguridade, estabilidade e navegabilidade. Co regulamento pretendemos crear un produto moderno de diferentes prestacións. Tamén hai certo descoñecemento da madeira por parte dos inspectores e nós abogamos por crear un libro de rexistro coa historia do barco en materia de mantemento e de cambios.

- É un proxecto a longo prazo, máis alá de acadar o selo.

-Non é a finalidade única. Sería un recoñecemento tamén. De cara ao futuro, gustaríanos que permanecera aí. É moi probable que esta iniciativa de Agalcari respecto ao regulamento e os contactos con Madrid se exporte a todo o ámbito nacional. Non existe unha formación regrada de carpinteiros de ribeira; houbo cursos de A Aixola de Marín e estamos en contacto coa Administración e coa Consellería do Mar para recabar información da situación noutros países.

- A formación pode axudar a que haxa relevo xeracional?

-Evidentemente. Non debemos deixar caer este bo facer dos carpinteiros de ribeira en saco roto senón mantelo no tempo. Espero que tomemos exemplo de países como Francia e Suecia nos que a pesares de que xa non hai carpintería de ribeira en activo, si crearon esa formación regrada. Aquí aínda estamos no último reduto de Europa onde quedan unhas 20 carpinterías de ribeira en activo ás cales nos gustaría darlles pleno sentido produtivo e comercial, que xa lle concedemos con dificultades.

- Que vantaxes ten un barco de madeira?

-Fálase moito de econavegación e de pesca sostible e a este respecto hai unha análise do CIS-Madeira de Ourense de ciclos de vida dun barco de madeira en comparativa cun de poliéster de similares características: a pesares de que no seu despezamento se desprende o CO2 retido pola madeira, hai unha diferencia de seis veces a un entre este e un de poliéster. As pezas dese barco de poliéster almacénanse, mentres que o de madeira non representa ningún efecto de contaminación excepto as poucas micras que poida ter de pinturas e de protección da propia madeira. O comportamento dun barco de madeira en cuestión de estabilidade é estupendo, navega perfectamente, e en moitos casos hai máis barco por debaixo do mar que por riba en contraposición doutros que son superestructuras altas con moi pouco peso abaixo e que intentan contrarrestrar esa estabilidade con lastres artificiais nos puntos máis baixos. O comportamento é moitísimo máis natural nos barcos de madeira pola sua construción e a recuperación da estabilidade dun de aceiro é lenta porque os pesos son demasiado altos arriba.

- Por que se favorece a construción noutros materiais?

-Os lobbies do poliéster e do aceiro son moi poderosos e certas normativas favorecéronos. Nós somos un colectivo moi pequeno. Tamén no seu momento as axudas para construir embarcacións eran superiores para un barco de aceiro ou poliéster que para un de madeira. Despois igualáronse, pero o mal xa estaba feito. Iso empezou por irnos mermando pouco a pouco, e agora quedamos unha última xeración de arredor de 50 anos e algunha persoa con menos idade. Os que quedamos persistiremos ata a nosa xubilación. A pena é que non haxa un legado por detrás. Xa dende hai un tempo, uns dez anos, contamos co apoio da Administración autonómica, senón sería imposible que un colectivo como o noso continuase como asociación.

- Como se pode recuperar a construción en madeira?

-Non vou dicir penalizando as outras construcións, pero si favorecendo dalgunha forma aquelas que sexan medioambientalmente máis sostibles. Outra diferenciación pode ser a patrimonial, pero non queremos quedarnos soamente no patrimonio. É incrible que miles de pezas ensanbladas entre si e procedentes dun ser vivo se convirtan nun barco de excelentes prestacións no mar. Fai uns meses iniciouse o procedemento para declarar ben de interese cultural e material o bo saber facer dos carpinteiros de ribeira. Ata nesta declaración de patrimonio, a pesar de que se nos tacha de antigos, somos novidosos, porque por primeira vez algo inmaterial (sempre é algo físico, un cadro, un edicifio?) se recoñece como ben de interese cultural e inmaterial.

- De cara ao futuro buscan a mellora comercial...

-Un proxecto de país debe preservar e protexer as súas tradicións, toda vez que estas demostraron a través do tempo a súa validez, a súa eficiencia. Sen deixar de lado para nada o aspecto romántico, queremos darlle á nosa actividade un cariz produtivo e material.