"En traballos de administración e xerencia hai homes e no marisqueo en terra son cada vez máis, pero no marisqueo a frote non aumentan as mulleres. A elas cústalles máis meterse en oficios masculinos", denuncia a profesora da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo, María Álvarez Lires, que indica que as mulleres ocupan os postos dos homes cando quedan libres (como foi no caso do profesorado). A crise, sen ir máis lonxe, levou a un lixeiro aumento da presenza masculina no marisqueo, pero non houbo un incremento da feminina na pesca extractiva, a bordo.

Esta investigadora, autora dun estudo sobre a materia, lamenta a falta de datos sobre a situación do emprego por tipo de traballo desagregado por sexos. O mesmo acontece co soldo. "Cóstame pensar que se hai fenda salarial en todos os empregos menos nas administracións públicas, que a pesca sexa unha excepción, pero non teño datos", lamenta Álvarez, que di que hai mulleres que traballan coa súa parella sen estar dadas de alta na Seguridade Social.