As mulleres da pesca enfróntanse a tres invisibilidades acumulativas: a do mar, a dos traballos en terra vencellados e este e a das propias mulleres. Segundo a profesora da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo, María Álvarez Lires, habería que solucionar esta situación en primero lugar "facendo patente a presenza das mulleres dende tempos históricos", xa que resulta "imposible" non supoñer que na época castrexa xa participaban na pesca a pesares de que non hai rexistros.

O mar está "desaparecido" nos currículos educativos, na visión social dos traballos (sempre se pensa primeiro nos relacionados coa terra), na contaminación..., apunta esta investigadora. Esta é a primeira invisibilidade, que se agrava coa segunda: o labor das mulleres sempre estivo vencellado ao marisqueo, á conserva, á elaboración de redes..., oficios do mar pero desenvolvidos en terra que pasan máis inadvertidos ao seren realizados por elas (terceira invisibilidade). Pero a situación cambia pouco a pouco. "Dende finais do século XX as actividades da muller en terra sufriron un proceso de dignificación", explica Álvarez, que elaborou recentemente o estudo titulado As mulleres na pesca: faenando cara a igualdade que presentou o pasado 8 de marzo, no Día da Muller, nunha xornada organizada pola Organización de Productores de Pesca Fresca del Puerto y Ría de Marín (Opromar).

As condicións laborais das mariscadoras (que son maioría abrumadora sobre os homes) melloraron dende que se asociaron, algo que tamén fixeron as redeiras con non tan bo resultado: falla o relevo xeracional ao ser un labor pouco atractivo, "discontinuo" e con malos soldos. Na conserva, elas tamén lideran as estatísticas por xénero, pero a situación é a contraria na actividade extractiva, onde a súa presenza é "anecdótica" e hai modalidades (frota de altura e grande altura) onde ningunha muller está empregada. Neste caso, a profesora universitaria destaca dúas trabas fundamentais: a conciliación e a habitabilidade dos barcos.

"A conciliación segue a ser cousa de mulleres, non hai corresponsabilidade", denuncia Álvarez. O estudo que realizou, no que entrevistou a varias persoas de ambos sexos vencelladas ao mar, revelou que só as mulleres teñen que conciliar, "independentemente" das súas condicións. Así, elas non son só as encargadas de ocuparse dos fillos, senón tamén dos familiares dependendes. Este "discurso social" é algo que as mulleres interiorizan e que as leva a sentirse "culpábeis" se non cumpren co que se agarda delas, o que as condiciona ao buscar un emprego, di Álvarez.

A habitabilidade dos buques é outro atranco á hora do embarque de mariñeiras, xa que existen dificultades para "vivir en mixto" ao non haber camarotes e baños diferenciados. "Algún armador mesmo chegou a dicir que non as contrataba porque lle podía traer problemas coas mulleres dos mariñeiros", explica a profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais. Mentres, as biólogas e as que están ao mando non teñen problemas para traballar a bordo ao ter camarote propio.

Outro estereotipo co que teñen que loitar as mulleres é a carencia de forza suficiente. "Iso en Galicia dáme a risa. Non hai máis que ver os traballos que fan en terra e no mar, cargando os aparellos, a sal, os argazos...", exemplifica Álvarez.

A dignificación do oficio

"A xente non quere para os seus fillos e moito menos para as súas fillas que sexan mariñeiras. Hai que dignificar o oficio e valorar o traballo das mulleres no mar: non se pode pensar na pesca sen telo en conta", apunta esta investigadora. Para isto resulta fundamental o asociacionismo porque, segundo unha das entrevistadas, "¿que fai unha muller soa nun mundo de homes?".

Non é un problema de formación, xa que hai tituladas náutico-pesqueiras e moitas encárganse da xestión administrativas e da xerencia de organizacións e empresas. As directivas adoitan ter un perfil forte e ser asertivas e con decisión. Un dos entrevistados no marco do estudo asegurou: "Valen por tres homes". A pesares diso, a percepción xeral das mulleres sobre o seu traballo é a de alguén que "axuda" fronte á dos homes, que consideran que "fan". "Pero elas non axudan, elas fan o traballo igual que os homes, e esta percepción, esta autoestima, é algo que hai que mellorar", reivindica Álvarez Lires.

Segundo a profesora, entre as accións necesarias que habería que emprender para eliminar a "invisibilidade" están a programación para educar en igualdade ao persoal técnico e político do sector, promover e facilitar a elaboración e aplicación de plans de igualdade nas empresas e a formar ás mulleres no liderado a través da mellora da súa autoestima. Todo isto, sen esquecer o asociacionismo e a corresponsabilidade de homes e mulleres á hora de conciliar vida persoal e laboral, algo fundamental se se quere reverter a situación actual.