Vai xa para catro anos que a Fundación para o Avance Científico da Veterinaria en Galicia (Acivega) presentou na Xunta o expediente para a catalogación da galiña piñeira coma raza autóctona en perigo de extinción. Entón, Acivega e Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña promoveron diversas iniciativas coa fin de dar a coñecer de novo o nome deste animal, que se caracteriza por ter un tamaño menor que o da galiña común e unha carne que recorda á das aves de caza, así coma por seren moi poñedoras, aínda que os ovos non sexan moi grandes.

Traballaron e conseguiron que moita xente se interesase pola galiña piñeira. De feito, os veterinarios coruñeses puxeron en marcha unha granxa en Valdoviño e agora promoven a creación dun laboratorio de investigación para a conservación e certificación da raza galiña piñeira en Abegondo. O seu obxectivo é a realización de controis de calidade para a produción de pitos e de análises que permitan acadar a certificación de raza autóctona, o carné de galiña da terra que xa ten a galiña de Mos, así como a mellora xenética da especie seleccionada para a produción de carne.

Os promotores presentaron o proxecto ao Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Mariñas-Betanzos para que optase así ás axudas do programa europeo Leader e esta entidade vén de aprobar a súa posta en marcha. A iniciativa conta co informe favorable da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que depende da Xunta, aínda que este órgano aínda ten que aprobalo de forma definitiva. O centro de produción e distribución da galiña piñeira proxectado en Abegondo conta cun orzamento duns 200.000 euros e o programa Leader cubriría o 40% dos gastos, isto é, case 90.000 euros. Outros proxectos aprobados polo GDR Mariñas-Betanzos e pendentes dunha resolución definitiva por parte da Xunta son a modernización dunha fábrica de madeiras en Aranga, a ampliacón dun serradoiro en Oza dos Ríos, un proyecto "integral, sostible e divulgativo do sector lácteo" en Miño, outro no mesmo municipio para a produción de "leite biosaludable", a mellora do local da Cruz Vermella en Betanzos e a ampliación do refuxio para animais que a protectora Gatocán posúe no municipio de Coirós.