Valentín García Secretario xeral de Política Lingüística

"Para os galegos que espertaron en Francia o Bataclan é algo entrañable na súa vida"

"Moitos galegos están tristes porque esa sala pertence á súa memoria de xuventude; Alí se coñecían e moceaban"

18.11.2015 | 01:05
Valentín García.

Os pais de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, orixinarios de Silleda, bailaron no Bataclan. Como el explica el, o lugar era algo máis ca unha sala para a diáspora: era "moi emotivo" para os galegos.

-Que papel tiña o Bataclan para os galegos?

-Era onde ían bailar os sábados ou os domingos pola tarde, o único motivo de recreo que tiñan na semana. Porque logo vivían moi aillados uns dos outros e só se atopaban para certas cousas e o Bataclan era unha delas. Estaba cheo de galegos, os camareiros eran galegos, os porteiros eran galegos, alí falábase galego, había un ambiente galego tremendo.

-Por que tiña tanto éxito?

-Coido que é porque está no Boulevard Voltaire, que queda a medio camiño entre o barrio de Saint Germain des Pres, onde hai moitísimos galegos, e toda a zona de Poissy, onde estaban as grandes fábricas de automoción, coma a Simca ou a Ford, que ocupaban moitísima man de obra galega, todos homes. E as mulleres ían a París para traballar no servizo doméstico, e esa sala está na entrada de París que vén das zonas industriais, e traballaban nas casas das familias ben de París e iso quedaba a medio camiño. Supoño que iso faría que fose a sala dos galegos. O que sei é que os meus pais ían, pagaban a entrada e divertíanse alí.

-E como levaron o ocorrido o pasado venres?

-Sinten pena. Alumeoume a bombilla o domingo cando vin á miña nai, que ten 70 anos, triste. Está triste polo Bataclan, porque pertence á súa memoria de xuventude. Entón pensei "cantos galegos non haberá hoxe tristes por unha causa que non entenden máis ca eles", por eses vencellos tan ilusionados para eles, os anos de escaparlle á miseria que tiñan aquí e de prosperidade económica. Alí fraguáronse amizades, mesmo matrimonios. Alí se coñecían e moceaban, e en agosto, cando viñan de vacacións, casaban. Para esa xente, aínda que logo nunca volvera a Francia, ao mellor o Bataclan é unha parte entrañable da súa vida.

-Que procuraban alí?

-Eles estaban feitos a andaren aquí en verbenas e festas e aló non había, entón tiñan que concentrarse nun sitio e para eles foi un descubrimento o das salas de festas. Entón dicíanlle "ir ao Bataclan", en masculino, chamábanlle coma un lugar, non coma unha sala. Aínda que a emigración a Francia non foi dilatada no tempo, eles alá espertaron e coñeceron o que era Occidente, o que era unha sociedade desenvolvida, e a sala Bataclan forma parte desa paisaxe.

-E que bailaban?

-Música española e galega. Un dos grandes recordos que teñen é de cando Julio Iglesias triunfou con Un canto a Galicia. Cando puñan o disco e soaba esta canción, xa te podes imaxinar, era o momento álxido dos galegos. Iso non o tiñan os andaluces nin os extremeños. Pero el non tocou alí, senón os folclóricos todos. Era a música que lles gustaba. Eles non ían para escoitar a Edith Piaf nin aos Rolling Stones.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine