Juan Guisán ou Xan Guisán, tanto ten, foi o noso mestre. Eramos novos. Só sabiamos da dobraxe pola televisión. Eran os primeiros momentos do video e aínda non existía a Televisión de Galicia. Eran os comezos dos oitenta. Daquela eu estaba enamorado da radio e tentaba facer as miñas primeiras aventuras no medio. Facía teatro afeizoado e escribía poesía. E, por suposto, xa me deixaba acariciar polo alcohol. Un compañeiro de pupitre, Antonio Esquivias, que se dedicaba a dobrar en Madrid, chamoume e díxome: "Como lembro as túas leituras na clase. Tes que facer este cursiño". Era un cursiño de dobraxe. Xan Guisán e María Romero, a grande actriz de dobraxe eran os mestres. Logo, o meu propio compañeiro de pupitre sería o meu mestre, tamén. Nese ambiente coñecín a Xan Guisán, a Juan. Un home apaixoado polo seu oficio. Unha persoa cunha capacidade única para analizar as voces, ouvilas, catalogalas... entendelas. El foi o artífice de todo. Malia a que algúns non lles goste recoñecelo. Mais non se preocupen, moitos xornalistas contemporaneos de Cunqueiro, non o consideraban un profesional do medio. E podo lembrar, en teatro, ao señor Magán ou a Iglesias de Souza, e sempre haberá algún listiño que crea que sabe máis que eles. Pois non. Non lembro a moitos que soubesen máis de radio que Pepín Cruceiro ou de teatro radiofónico que Domingo Almendros, ou de teatro que Pepe Struch, ou de cine que José Ernesto Díaz Noriega ou de dobraxe que Xan Guisán, que Juan. A el gustáballe que lle chamase Xan. Moitos anos en Madrid, moita ausencia, moita saudade, moita morriña, moita desesperanza. E, tamén, moitos triunfos. Lembro con que amor me comentaba ou me ensinaba os programas das súas xiras por América recitando aos nosos escritores. Un magnífico recitador do verso clásico castellano, mormente do século de ouro. Un máis que eficaz e interesante actor de teatro. Aí, falleiche, amigo. Prometinlle que, algún día, estaría nun escenario, interpretando en galego a don Álvaro. Merda de vida, que as presas vai. Hai que aproveitar o momento. Só ese momento, o momento do ensoño, cando decidimos que hai que facer algo paga a pena. Logo hai que facelo, senón buaf. Xan Guisán, Juan, trouxo a dobraxe a Galicia xunto con algúns empresarios arriscados e visionarios. Hoxe contemplamos a dobraxe en galego como algo natural. Mais podo decirlles que os comezos foron difíciles e complexos. Non había nen quen traducise ao noso idioma. Eu mesmo tiven que desenvolver ese labor nos primeiros tempos. Botamos o resto. Estabamos construindo algo. Traballamos como bestas para botar aquel soño adiante. Eramos vinte ou trinta ao comezo. Case os vexo a todos e a todas. E iso é moito decir nalguén que, últimamente, ve todo borroso. Juan, chegou a nós cunha alegría, cun proxecto e cunha encomenda. Nos só fomos quen de repetir a súa enerxía, porque se alguén coñezo que se lle poida definir como "a enerxía" ese foi Xan Guisán. Meu mestre. Meu admirado constructor de catedrais da voz. O teu eco pervivirá nos que aprendimos a amar a profisión da dobraxe da tú man. O resto é miseria. E iso sexa para os miserables. No nome dos moitos que te quixeron: gracias por iluminar as nosas vidas co teu maxisterio.