LINO BRAXE
Averdade é que os disturbios producidos hai unhas semanas na antiga Helade déronme moito que pensar. Aquí falamos de mileuristas, mais en Salónica os nosos mil euros, convértense en setecentos. Os problemas dos rapaces do Pireo son semellantes aos dos rapaces de Galiza. Non teñen emprego, están cualificados e a súa esperanza parece esgotarse día a día. Algunhas das cousas que se dixeron neses turbulentos días de protestas son moi significativas do estado de ánimo e da ética da mocidade que se manifestou maioritariamente polas cidades helenas. Unha rapaza escribiu unha carta aberta a un medio de comunicación que resulta moi esclarecedora: Non somos encapuchados anónimos. Somos os fillos de todos vostedes, e vostedes teñen medo e agardan a morte. Xa non soñan, xa non se enamoran, xa non proxectan.Vostedes só mercan e venden. Evidentemente, hai que entender que se trata dun reproche ao conxunto da sociedade porque, como é obvio, a xente maior se enamora, proxecta e soña mil cousas. O que parece claro é que se trata dunhas afirmacións que permiten realizar un diagnóstico. A nosa civilización non ilusiona. Os nosos mozos e mozas sofren de hastío. Os governos detectan que diante deles hai un enfermo, mais carecen da iniciativa e da sabiduría axeitada para curalo. Como dicía un dos lemas pacifistas das revoltas Non necesitan usar gas lacrimóxeno. Choramos de todas formas. Aló no país que baña o Exeo e aquí no que circunda o Atlántico, as angustias son semellantes. Algo terán que facer os nosos administradores se non queren encontrarse nuns meses cunha situación parecida. Irónicamente, penso na resposta que, antes de ser vendido, deu Dióxenes ao tratante escravos cando este lle preguntou que sabía facer: Sei mandar, ¡pregunta se alguén precisa mercar un amo! Parece máis que probado que na Europa actual existe unha falta de liderádego político. Non xurden nen líderes nen propostas que poidan aliviar as angustias dos máis novos. Mentres, lonxe moi lonxe, as mocedades doutros países pelexan por sair do horror. Sí, porque no Congo os nenos e mozos están sendo secuestrados, torturados, violados, obrigados a matar e, en moitos casos, a morrer sen ter sabido o que é a nenez. Ese é outro drama, máis sanguinario: o drama dos nenos-soldados.