Foi un traballo brillante do intervencionismo norteamericano. Máis aínda que a URSS era necesario para os intereses norteamericanos destruír Iugoslavia. Alí rexía un pensamento aberto que se denominaba a si mesmo "autoxestionario". Tal principio era aplicado ás unidades de producción industrial e agrícola. Pesia á inimizade de Tito coa Unión Soviética, Líster sempre mirou con ollos benévolos cara Iugoslavia. Meus amigos e compañeiros (maiores ca min) Lois Soto e Carlos Velo non ocultaban as súas simpatías iugoslavas, o que xeraba unha certa tensión na vella UPG dado que nosoutros eramos maoistas. O problema nacional deixara de existir en Igoslavia. Toda nación, todo grupo étnico, toda comunidade, toda lingua eran respectados. O principio de autoxestión era aplicado ás nacionalidades tamén. Polo tanto, o obxectivo dos EEUU era destruir Iguslavia. Constituía un mau exemplo. Cando o PCE acabou con Joan Comorera e coa autonomía do PSUC acusou o seu líder de "titoísta" e mandouno á prisión de Franco e á morte. Finalmente, os norteamericanos acabaron con Iugoslavia e co "titoísmo". O método era ben coñecido: fomentar o nacionalismo reaccionario. Xa os nazis fomentaran o nacionalismo fascista en Serbia e en Croacia e noutras comunidades de Iugoslavia. Restos daquela barbarie mantíñanse larvados e á espera de reactivación. O nacionalismo converteuse na arma principal que faría estoupar aquela federación de nacións unidas polos principios comunistas. Se a pulsión independentista conducirá os países de Asia, África e América Latina nos anos cincuenta e sesenta do século XX á liberdade, agora esa mesma pulsión os levaría aos caos e ao capitalismo feroz. Resistiuse, até o final, Serbia so o liderado de Milosevic. E cal era o punto feble do derradeiro reducto socialista de Iugoslavia que eran Serbia e Montenegro? Naturalmente ese talón de Aquiles non podía ser outro que Kosovo.

Kosovo é unha rexión de Serbia na que unha parte da poboación, posibelmente maioritaria, fala albanés e non é, por tanto, eslava. Tratábase de estimular os sentimentos nacionais albaneses contra o pan-eslavismo. En realidade o nacionalismo albanés de Kosovo non foi senón un instrumento, e ben utilizado, do imperialismo. O nacionalismo albanés de Kosovo triunfou, con toda clase de axudas dos EEUU e dos seus aliados. Kosovo separouse do que quedaba de Iugoslavia. Pro a mentira quedou á luz. Kosovo albanés non correu a integrarse, como sería lóxico, en Albania. A Albania apos-comunista non recibiu no seu seo materno un Kosovo aparentemente asoballado por Serbia. Polo contrario, os EEUU e a OTAN e Europa Unida e todas esas cousas ocuparon Kosovo e o convertiron nunha cloaca na que prolifera a delincuencia e o primitivismo domina. Esta especie de protectorado ou neocolonia accedeu finalmente a unha falsa independencia que a parte menos putrefacta da comunidade de nacións non acepta. Nun reflexo de decencia e de ética, o goberno de España decidiu retirar o exército (nós pagámolo) daquel sitio. Vexan como a España negra (nunca se equivoca) montou en cólera.