Que vergoña, que falta de pudor! Non é a primeira vez que se vota nas Cortes a porta fechada, mais si é a primeira vez que se fai para evitar que unha das informacións que máis interesan á opinión pública transcenda. Os convidados ese día ao Congreso dos Deputados en Madrid e tamén os xornalistas acreditados para cubrir o pleno da Cámara Alta foron invitados, amablemente, a abandonar o hemiciclo cando as súas señorías ían discutir sobre as incompatibilidades do seu cargo. Hai moitos deputados que teñen empresas privadas, despachos de avogados, asesorías xurídicas e empresariais ás que dedican máis tempo que ao seu labor como deputado. Aquí radica o problema. Necesitamos que os nosos representantes teñan exclusividade no seu traballo. Por que? Porque é un traballo de enorme responsabilidade. Construír un estado non é algo menor. É un deber cargado de honorabilidade para aquel que sustenta un acta de deputado. Tampouco están tan mal pagados, creo. Houbo 240 votos a favor e tan só 90 que votaron en contra. Quixera coñecer os rostros da ignominia e os rostros da razón. Así que só temos 90 deputados con sentido común? Vaia. A min paréceme ben que as súas señorías participen en charlas, conferencias, seminarios, faladoiros radiofónicos ou escriban artigos de prensa relacionados co mundo da política. Son uns observadores privilexiados e están no dereito de facernos chegar as súas opinións. E que cobren por todo isto é o lóxico. Pero que os nosos representantes se ausenten dos plenos para estar presentes nun consello asesor dunha Fundación, dunha Caixa ou dunha empresa enerxética non me parece lóxico. E que cobren por todo isto, tampouco. Non foi agradábel esta noticia para a democracia, como tampouco é agradábel para a democracia que os señores Trillo e Aznar non declaren no xuízo polos mortos do Yak en Turquía. As declaracións dalgúns dos familiares interrogados foron demoledoras. Lembro a unha nai chorando mentres contaba que un tenente coronel a ameazou a ela e á súa familia se se ían da lingua. Moi bonito! Si, señor! Perdes a un ser querido, entréganche un cadáver que non é o seu e por riba os seus superiores ameázanche con que o vas pasar moi mal se falas cos medios de comunicación. En este horror hai moita xente involucrada. Os responsables civís tamén teñen que estar presentes no xuízo. Non poden apandar só os mandos militares con este desaguisado. En fin, agardemos que a querela criminal de Garzón contra os seis avogados estadounidenses que deseñaron o modelo xurídico de Guantánamo prospere. Que curioso, poucos días despois dos atentados contra as Torres Xemelgas xa estaba deseñado. Aínda non comezara a guerra de Afganistán. Vostedes mesmos saquen as súas conclusións. Neste mundo todo se fai por debaixo, de xeito oculto, parodiando a Sartre, "a porta fechada".