De vivir hoxe, o arqueólogo e museólogo don Manuel Chamoso Lamas (1909 Moldes, Boborás-1985 Coruña) na véspera do Día das Letras Galegas cumpriría un século de vida. Póucalas grazas, é pois o tempo de lembralo, de actualizar as súas inquedanzas en tempos difíciles, de preguerra, guerra, posguerra e reconstrucción democrática nesta parte da pel de touro Ibérica. Aplicaremos as súas mesmas receitas : " A flexibilidade de adapatación do historiador a cada un dos infinitos presentes que corresponden a cada época... a capatación dos valores estéticos debe ir precedida da capatación dos valores históricos...".

Chamoso naceu na Habana, fillo de emigrantes, con casa petrucial e propiedades nas terras ribeirás ourensanas de Boborás, no mesmo Moldes, a carón do pazo de Lousada Diéguez, mestre de mestres, quen lle deu clase. Tamén recibiu clases de debuxo de Castelao, naquel sobranceiro Instituto da Pontevedra Modernista. Estudos e doutoramento de Filosofía e Letras e mais de Direito nunha Compostela e nun Madrid de café e tertulias. Compañeiro e coetáneo de Filgueira Valverde, Luis Seoane, de García Sabell, quen neste mesmo tempo celebraría igualmente os cen anos. Alumno de D'Ors e mais de Ortega y Gasset, quen lle transmitiría esa permanente filosofía de amor ás cousas pequenas, normalmente ensobrencidas, consideradas "obras menores": artesanías que tanto transmiten ó arqueólogo que as sabe ler. Con esa poética franciscán contaxiou a algúns creadores amigos, ós que potenciou: Prego, Failde, Elena Gago, Fernández Gago, Gallego Jorreto, Mon Vasco.... e quixeramos incluírnos tamén nesa devoción ás obras mimadas polas mans do fecundo e variado artesanado galego. Producción tradicional hoxe en difíciles momentos, que implican o disciplinado seguimento das directrices dun mestre, da intuición anterga, coa tendencia o kitsch, mais cheas de experimentación e buscas, as que a súa vez inspirarán a outros maiúsculos creadores de formas.

Pons Sorolla, Chueca Goitía, Martín Almagro, Pita Andrade... foron algúns dos moitos amigos, compañeiros en tarefas de salvagarda e difusión do patrimonio cultural. Respetuosa e sempieterna amizade en Madrid. Cando unha España fendida se dividía e se mataba, namentres o legado cultural corría graves riscos, é entón cando Chamoso entra en filas. Reclutado é apoiado polos mestres e amigos para ser incorporado ó Servicio Militar de Recuperación nas arriscadas vangardas e nos encarnizados frentes de Madrid e Levante. Súa misión consistía na recuperación do Patrimonio Cultural. Álvarez de Sotomayor, Sánchez Cantón axudaron ó alferez. Difíciles tarefas organizadas dende o Ministerio de Educación Nacional, baixo as directrices de Eugenio D'Ors. Feitos que Chamoso non esquecería nunca e segundo o permitisen as circunstancias iría contando con liberdade. Isaac Díaz Pardo, amigo de seu, escoitou, recibiu e sabe desas probas por parte dun Chamoso que sempre se prestou a colaborar coa obra de Sargadelos e O Castro. Finalizada a guerra urxe a reconstrucción: os grandes tesouros do patrimonio artístico estaban repartidos entre o polvorín da Algameca, en Cartaxena, o castelo de Perelada, en Figueres, Girona, e o Palacio das Nacións en Xenevra.... Xunto con Graciano Macarrón, o marqués de Lozoya, e o que logo sería o arquitecto do Valle dos Caídos, Muguruza, entre outros, Chamoso leva a maior responsabilidade de recuperación cando en Europa estalaba outra guerra. Dificultade tras dificuldade. Como resultado un traballo meticuloso, honrado e documentado, o que coa perspectiva histórica recibirá os parabéns de ambos os dous bandos. Moito queda aínda por contar dun guión propio de novela histórica.

Finalizada a contenda seguen abertas as feridas, o exilio e os silencios. Inventarios e reubicación do patrimonio, reconstruccións de igrexas, mosteiros, museos, pazos, academias... No 1940 ratifícase a Chamoso como Delegado Inspector General de los Depósoitos dependientes del Servicio de Recuperación. O mesmo Chamoso recoñece os desvelos dos profesionais dun e doutro bando na defensa do Patrimonio Cultural. Nomeado Comisario de la Zona Tercera del Servicio de Defensa del Patrimonio Artístico, que incluía Cataluña, Aragón, Navarra e o País Vasco..., onde deixa pegada imborrable. Até fai pouco tempo pronunciar o nome de Chamoso en calquera mosteiro ou museo do norte español era clave para abrir as portas e o convite. No 1945 pasa a ser Comisario da I Zona do Servicio de Defensa del Patrimonio Artístico, que o achega a súa terra, pois inclúe León, Asturias e Galicia. Co arquitecto Luis Menéndez-Pidal y Álvarez, enfréntase cunha exemplar asertividade a dicisións non moi propicias para o patrimonio de gobernadores, bispos, alcaldes, párrocos... tentando convencer a pé de obra da beleza e da significación do patrimonio e seu genius loci. Entendeu e espallou a necesidade de especializar ós artesanos, de crear escolas de pedra, de carpintería, de ferro... imprescindibles para a restauración. Documentáronse sitios arqueolóxicos, conxuntos etnográficos, igrexarios, incluso tradicións... a fin de protexelas e incluílas como recursos turísticos. Protección de paraxes, espazos singulares con arqueoloxía, historia e beleza propios para ter se museos de sitio, como garantes da salvagarda e sensibilización do seu contexto. Non se esquezou do acopio de pezas, da revisión do mercado de arte, da documentación, da educación, de anovar a lexislación ou da formación dos profesionais do futuro: o Museo das Peregrinacións, o Museo do Ribeiro, o do Castro de Viladonga, o Museo da Montaña no Ribeiro... museos de Arte Sacra, de Monforte, Colexiata da Coruña... era un xeito de "non deixar perder de vista" un rico e variado patrimonio "menor"... entre outros museos e iniciativas que a inercia e a insensibilidade non deixaron crear, como o Museo do Traxe que iría en Betanzos ou o Museo do Mar en Combarro... pese a contar con edificacións en lugares emblemáticos da área histórica para estes fins. Chamoso foi un precursor en aspectos de etnoarqueoloxía, da ecomuseoloxía e mesmo da museoloxía, ciencias aínda hoxe na súa infancia en Galiza. Saber entender no presente os valores de futuro non é fácil, da contra pérdese tempo e patrimonio. Chamoso admiraba a arquitectura de Bar Boo, de Gallego Jorreto, a escultura de Mon Vasco, a pintura de Elena Gago... para os que procuraba becas a través da Fundación March da que foi asesor.

Escavacións arqueolóxicas nas minas de ouro romanas de Barbantes, no seu inmediato Castro de San Cibrán das Lás, en Augas Santas de Allariz, na Catedral de Compostela (1946-1959), para atopar a lauda do bispo iriense Teodomiro e verificar aspectos da lenda da aparición do sartego do Apóstolo... algo que a prudencia e súa educación non lle deixaron contar ó completo, para adiantarse quen fora seu colaborador e logo bispo de Cuenca, Guerra Campos (1982). Persistía nos estudos arqueolóxicos en asentamentos altomedievais que axudarían a entendender mellor a cristianización, a cuestión das reliquias do Apóstolo, ó mundo suevo: Boveda, Tines, Moraime, Bretoña, San Matiño de Mondoñedo, Iria Flavia.... Chamoso priorizaba a potenciación dos camiños de Compostela, con todo o que implican de historia, patrimonio inmoble, moble e intanxible..., constante fluír cultural e turístico que non debe desaproveitarse. Home de íntima amizade con arqueólogos portugueses, como Santos Junior ou Mario Cardozo, co arqueólogo da Tumba de San Pedro en Roma, o Padre Kirschbaum, con Sánchez Albornoz, Otero Pedrayo... gostoso de escoitar, de compartir problemas e un "dedal" de viño tostado da súa colleita con Filgueira Valverde, con Cuevillas, Ferro Couselo , Vazquez Seijas, Luengo Martínez....

Entre as cidades históricas galegas, Chamoso, tiña preferencia polas entón deixadas de man, Muros, Noia, Tui, Ribadavia, Monforte, Viveiro... e entre todas por Compostela. El e outros fixeron o indecible por poñer a salvo o que quedaba do Seminario de Estudos Galegos, tamén vixiaron e asesoran ó cabildo da catedral compostelana ante decisións polémicas, unha delas retirar o coro barroco da nave central da Catedral. Cumpriría unha memoria das décadas do desenrolismo dos sesenta e dos setenta para coñecer o difícil ambiente de despacho, as ameazas, o que se poido facer e non se fixo...e o que se desfixo, para o disgusto, como a demolición do singular edificio modernista da Castromil no corazón de Compostela, os atentados ós locus amoenus, paisaxes apacibles, as Mariñas de Miño, as Dunas de Corrubedo, o Pico Sacro... afectadas por diferentes obras; o intervencionismo en Igresarios, campos de feira e romaría... a perda de construccións significativas, valados, cabaceiros, pontes... Mesmo propuña protexer no interior das parroquias os cruceiros máis antigos e suplilos no sitio orixinario por réplicas artesanais. O tempo agradecería a entrega: as cidades de Ribadavia, Pontevedra e Tui fixérono Fillo Adoptivo, Compostela otorgóulle a Medalla de Prata da Cidade, e recibiu as Medallas de Prata e Ouro do Mérito as Belas Artes. Na transición, no 1977 e dentro dos novos reprantexamentos do Ministerio de Cultura feitos por Pío Cabanillas, foi nomeado Subdirector General de Patrimonio Artístico, cargo ó que renunciou ó cabo dun ano polos reveses burocráticos e a política de moquetas, tan alonxada das realidades dun patrimonio ameazado.

Nestes días o Centro de Estudos Chamoso Lamas do meu Carballiño, nun sentido homenaxe fai xusta lembranza: o 16 de maio ofrenda froral no camposanto de Moldes, castro, castiñeiro,ermida románica que él tanto defendeu. Segue unha exposición biográfica e conferencias sobre canto levamos dito. Na Coruña a Academia Galega de Belas Artes da que foi presidente ten en programa unha exposición; os Amigos dos Museos de Galicia tamén, dalgún xeito, homenaxearemos esta parte da memoria que levamos posta cada día: honradez, sensibilidade, dignididade, constancia, pés no chán, a carón da xente e das súas obras, saber calar e aínda apandar con culpabilidades que non lle correspondían en tempos máis ben de insensibilidades. Esas eran as características e motor dun home esencialmente bo.