ARTURO LEZCANO
Política e corrupción son, se non medias irmás, irmanastras, fillas da mesma nai e pais diferentes.
Quizá por iso reciben un trato tácito de comprensión. Tamén podería ser envexa da mala: "Se un estivese metido a político, quen sabe?".
Testemuños escritos desta contaminación endémica existen desde a democracia grega, como mínimo. Os romanos practicaban xa a sabedoría dos nosos paisanos, como aquel petrucio ao que lle perguntaban os seus veciños que habían votar, e aconsellaba: "Deixade aos que están, porque xa están fartos e os que veñan, aínda teñen que se fartar". Quen mandaba en Roma asemade prefería non cambiar con frecuencia aos procónsules das provinias, pois recén chegados podían acabar coas sobras dos instalados.
Xeración tras xeración, amais, os xubilados pretenden estar, comparativamente, libres de pecado.
Na España de comezos do século XX adoitaba dicirse que "antes, entrar na política saíalles do peto?". Ou como se ironizaba entre os burgueses da revolución triunfante: "Nos tempos de bárbaras nacións/ penduraban das cruces aos ladróns/ Hoxe, no século das luces/ do colo dos/ ladróns colgan as cruces".
Corruptelas, corrupcións, corruptos. Corrupción de corrupcións e todo corrupción?
Incorruptíbeis, habelos, hainos, non sexamos cínicos. Mais incorruptos? Nin o mesmo Lenin mil veces embalsamado para os turistas.
Remedio? Remedio non hai máis ca un: contra a má democracia, máis democracia.