EN DIRECTO
o labirinto do alquimista

Moncho Reboiras, alegoría para unha terra e para un tempo

 18:58  
Moncho Reboiras, alegoría para unha terra e para un tempo
Moncho Reboiras, alegoría para unha terra e para un tempo  

FELIPE SENÉN Non era dos que queren construír un imperio sobre os puños e as pistolas, con alicerces amasados en sangue e vidas. Era dos que o queren erguer verso a verso, que, a pesares dos golpes, é como se fai camiño. Fai trinta e catro anos atrás e tiña vintecinco de vida. Xosé Ramón Reboiras Noia, rapaz da súa terra e do seu tempo, dunha Galiza que lle costa reafirmarse, entre os que coidan que é unha teima, un invento ou unha imposición. Espiral que vén de lonxe. Antes e despois de Castelao moitos entregáronse á causa, de ser de onde se é: radicalidade de raiceiras e ponlas abertas ó universo.

Natural da banda de Laiño, onde agora ten campá no adro parroquial, mirando ó Ulla... e rapaz daqueles anos setenta nos que, atoutiñando, perdíanse os medos e quería dárselle a volta ó mundo. Cando se entonaban tantos himnos que falaban de paz e solidariedade, o Venceremos nós, a Internacional e se completaba en letra e música o Himno da Galiza: eran os derradeiros anos dunha dictadura cuarteleira, de trompetas e tambores, con cuarenta anos de ordeno e mando, demente e que fóra de si daba os penúltimos estertores: o 10 de maio do 72, nas multitudinarias manifestacións obreiras do Ferrol a policía ten a orde de disparar. Daniel e Amador mortos, moitos feridos...e seguiría a provocación até os cinco militantes fusilados naquela alborada gris dun 27 de setembro do 75.....de nada valeron as súplicas chegadas de todo o mundo, nen as do Papa. Por si os máis novos non o sabían, sinalábase onde e con quen estábamos.

Nacido no cincuenta e curtido nas encrucilladas da vida, como a de moitos que, se daquela non escolleron a emigración, axiña viraban de rumbo para sobrevivir no país de seu: no bar familiar do barrio vigués de Teis, na construción, alternando coas horas de estudo para sacar o título de perito na Escola Técnica de Enxeñería Industrial de Vigo... bo estudante, bolseiro nesoutra universidade de patróns e traballadores, que son os astaleiros Barreras, activo nas reivindicacións... e na militancia de impresoras vietnamita, de células, concienciación, cultura... ás agachadas. Fundador da revista Des..tornillo, da Asociaición Cutural O Castro, animador da Asociación Cultural de Vigo.... Cando o exemplo do Che furaba e acougaba nas miras da xente moza . As teorías dicían que formaba parte do compromiso asumir as consecuencias fronte á máquina mortífera dunha ditadura enferruxada. Poden os pulos da mocidade. Vixiado e fichado pola policía retíraselle a bolsa de estudos. Recupera o traballo en cerámicas Álvarez, pero axiña ten que deixalo pola bronquite. Pasa ó Ferrol, a Astano, logo a Intelsa na Coruña. Alí onde estaba era como Irmandiño do noso tempo, nacionalista e comunista galego, rebelde contra o derradeiro i entoleirado franquismo. Militante da Unión do Pobo Galego.

Reboiras foi dos fundadores da Fronte Cultural Galega, a necesidade de artellar o asociacionismo, a fin de concienciar sobre canto tiña feito e dito un Castelao, entón prohibido. Ansias de anovar as teses para as necesidades do acontecer. Seminarios na clandestinidade, alternancia de lecturas, do Sempre en Galiza co Atraso económico de Galicia de Beiras, textos de Altusser, de Martha Harnecker, O Retrato do Colonizado, de Albert Memmi, Franz Fanon, Samír Amin... o psicoanálise de Wilheim Reich.... inevitablemente intuíase o fin da Longa noite de Pedra e abríanse diferentes camiños de compromiso. Dende as tertulias en voz baixa de café, ós contuvernios culturalistas de mesacamilla ou ás células de trastenda. Agradecemos e laudamos naqueles anos a teoría e a praxe de Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo, a través das Industrias da memoria", o Laboratorio de Formas, os intentos pola recuperación do Seminario de Estudos galegos, sementeira. Advirtíase do futuro que é presente: a necesidade de reforzar a identidade fronte á globalización, ou o imperialismo, que é o mesmo, e que nos reduce a incautos consumidores impulsivos. Confundir, desarraigar. 1975: días do derradeiro agosto do dictador en Meirás; grises de todas partes concentrábanse en Galiza e aproveitaban para un escarmento exemplar: na noite do 11 ó 12 de agosto uns trescentos policías cercan o barrio ferrolán de Canido. Saben que alí está Reboiras e dous compañeiros máis, Elvira Souto e Lois Rivas. Moncho despista, en axuda de que os outros fuxan por onde poidan, polos tellados... avístano, disparan, fíreno polas costas, tres tiros de morte.... persígueno, desángase, até pecharse e acosalo con gases lacrimóxenos e ráfagas de metralleta no portal 27 da rúa da Terra. Agora sebemos máis: fanse evidentes as contradicións no atestado, querendo facer ver o suicidio.

Na Historia de Galicia, editada no 1979, e da que era colaborador, na parte de contemporaneidade que correspondía ao hisatoriador Francisco Carballo, este anotaba o feito, "asasiñado pola policía española". Por isto mesmo houbo xuízo e condena tamén mediática. Formaba parte da letanía para demonizar e confundir: terroristas, separatistas, iluminados, nazis, profetas... calificativos que máis caracterizan ó nacionalismo imperial, que impón estruturas, idioma e compás.

O 11 do setembro do 2009, na Delegación do Goberno de España en Galicia, o delegado, o carnotán Antón Louro, nun acto sobrio, exemplar lección de madurez e concordia democrática, en nome do ministro de Xustiza, deu lectura i entregou á familia a Declaración de Reparación e Recoñecemento Persoal de Xosé Ramón Reboiras Noia. Un paso máis. A proposta partía do deputado nacionalista galego Francisco Rodríguez, ó abeiro da Lei da Memoria Histórica (52/ 26-12 - 2007) a fin de reparar a figura de Moncho Reboiras, como unha vítima da ditadura. Despois falou en nome da familia Manuel Reboiras Noia, finalmente Saleta Goi, compañeira do poeta Manuel María, leu a homenaxe dos Poemas para construir unha patria ó galego morto: "Espiral que ven dendes do fondo do tempo para abrirse en craridade e futuro..." Os laios da gaita e a pondalián letra do Himno Galego somellaban feitos para este momento.

Felipe Senén É Museólogo E Técnico De Xestión Cultural

  HEMEROTECA

Sigue las noticias de A Coruña en:

FacebookTuentiYoutubeTwittertwitter deprotesFlickr Google plus
CONÓZCANOS: CONTACTO | LA OPINIÓN A CORUÑA | LOCALIZACIÓN | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
laopinióncoruña.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de laopinióncoruña.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
Adaptado a la Ley de Protección de Datos por
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Faro de Vigo  | Información  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya