X.L. MÉNDEZ FERRÍN
Pertenzo a unha xeración que foi educada na distinción entre ciencias puras e ciencias aplicadas e entre ciencias da natureza e ciencias do home. Hoxe florecen outras nomenclaturas, xeralmente de estirpe norteamericana. Resúltame divertido ver como ranace o concepto, tan renacentista por certo, de humanidades. Xa non existe en ciencia a noción de divinidade, pro volve ter vida o de humanidades referido ao que chamabamos ciencias do home ou así.
Un amigo zoólogo (precisamente entomólogo) quéixaseme moi acedamente.
-Se identificamos unha nova especie de insecto en Galicia temos que depositar os especimes referenciais no Museo Nacional de Historia Natural de Madrid. Non existe un Museo Nacional de Ciencias Naturais galego. En Cataluña si que existe tal e desde os principios do século XX. Parece que entre nós só reciben consideración política as humanidades.
Debo desengañar o meu amigo, que forma parte dos zoólogos que hoxe continúan brillantemente entre nosoutros a vigorosa estirpe de Víctor López Seoane. E voume referir aos estudos de humanidades que mellor coñezo e que son os estudos de literatura galega.
Estes contan cos seguintes centros especializados: as tres Facultades de Filoloxía; a Academia, sen recursos económicos propios; o Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, do CSIC, que é resultado da expropiación franquista do SEG; o Centro Ramón Piñeiro, abondosamente subvencionado. Aínda o Consello da Cultura Galega, cuxo funcionamento está plenamente sostido polos orzamentos da Xunta, actúa ás veces como instituto de investigación en materia de humanidades e de ciencia literaria. Hai outros centros dedicados á investigación literaria pro son menores e de iniciativa particular.
E ben: toda esta multiplicidade de institucións é mostra viva dunha ausencia de política en materia de ciencias do home en xeral e de ciencia da literatura en particular. O que digo é doado de ser representado nunhas poucas amósegas.
O Pai, O fillo e o Santo Espírito da lingua e da literatura galega tal como as entendemos (e outros odian) no noso tempo é o Padre Sarmiento, un claro varón berciano que viviu no século XVIII. Produciu unha obra relacionada coas ciencias do home e da naturaleza que polo seu volumen podería ser caricaturizada como elefantiásica.
O inmenso cabedal de noticias e dictames e xuízos críticos xerados no laboratorio privado de Sarmiento podería dar lugar a toda unha biblioteca de libros impresos. No seu tempo circulou en forma de manuscritos unha e outra vez copiados, ao modo medieval. Aínda hoxe ningunha das institucións dedicadas á ciencia literaria e ás humanidades intentou unha edición impresa, conforme é debido, das Obras Completas de Martín Sarmiento.
As institucións arriba citadas non deron feito edicións críticas sistematizadas dunha biblioteca de autores galegos, sexan estas de expresión latina ou castelán ou galega. Otero Pedrayo non foi editado criticamente, nin tampouco Cunqueiro. Pondal goza deste privilexia debido aos esforzos conxugados do filólogo Ferreiro e do editor privado Sotelo Blanco, e representa unha feliz excepción. Podemos conluír que en Galicia non existe política ningunha no que se refere á investigación en humanidades e, concretamente, en ciencia literaria.
O laio do meu amigo zoólogo pode ampliarse coa punxencia que cobra a voz da avelaiona nos nosos boscos. Non hai Museo Nacional de Historia Natural en Galicia, pro tampouco existe un programa de edición crítica de todo o fondo da nosa literatura.