PLÁCIDO LIZANCOS
Afalsa lenda da Costa da Morte é como a de que "o que pasou a Marola pasou a mar toda".
-¿Saben vostedes a novidade?. Imaxinemos unha tertulia de homes especialistas en temas do mar ou da mar.
-¿De que se trata?, pregúntanse entre eles.
-Unha novela que vai aparecer. Chámase La Costa de la Muerte e nela, un andaluz, o seu autor, describe as traxedias da
nosa costa e a vida dos seus
pescadores.
Todos os mariños ó escoitaren o nome da obra érguense indignados.
-¿Que é iso da costa da morte? ¿Onde está? Un deles tomou a palabra e dixo:
"Está vostede completamente equivocado. A chamada costa da morte non existe máis que na súa imaxinación e na do novelista andaluz. Esta costa que abrangue desde cabo Prior a Corrubedo é, precisamente, o anaco máis esgreviamente fermoso do litoral galego. Déuselle este nome polo gran número de naufraxios ocorridos nos anos de 1900. Daquela os buques non tiñan estación de radiotelegrafía. O cabo Fisterra é o punto de recalada de todos os buques que van ou veñen de Europa e paso tamén para os que van ou veñen dos principais portos de Europa ó Mediterráneo.
Se a recalada se efectúa cos naturais erros, debido á variacións magnéticas, correntes, ventos, desvío do compás, etc. e a néboa sobre o litoral, o naufraxio é seguro. Estes accidentes son comúns a todas as zonas de recalada do mundo enteiro", explicou un mariño.
A fantasía dos viaxeiros atribúelle a esta costa o triste privilexio de ser un cemiterio de vapores, crenza errónea, porque nela, precisamente, existen os mellores portos de abrigo do Atlántico Norte. A Coruña, Ferrol, Corcubión, Muros, Vilagarcía, Marín e Vigo son portos facilmente
accesibles con toda clase de
tempestades.
Hoxe non se perde ningún buque nas costas galegas. Pérdense os que queren perderse como o saben as compañías aseguradoras, o Lloyd, por exemplo.
Se a costa galega se a cualifica da morte, ¿que lle queda para a de Portugal, que triplica en extensión a galega e con menos portos de refuxio que Galicia?
Despois de enxergar con bo ou mal tempo esta fermosa costa hai que rectificar e chamarlle
A Costa da Vida, por todo. Ata polo seu orixinario nome latino, finis fin, e terrae, da terra, que por unha regra filolóxica evolucionou, e non todo o mundo ten por qué o saber: perdeu o n intervocálico, ini=n=i . Fis, e o . final abre e dá a, de aí Fisterra, e non hai outra razón e
non ten porque parecer feo
nin bonito.
Para bosquexar estas liñas sobre a novela La Costa de la Muerte de José Más lemos a noticia que daba algún xornal galego de 1929 sobre esta publicación, con que lle quedou o alcume deste tétrico título A Costa da Morte. Algún di así:
"Por fin cando o menos pensabamos tivo efecto o parto dos montes e viu a luz este abominable monstro produto dunha intelixencia de baratilleiro ou moinante de barracóns de feira".
"Nunca pensamos que Andalucía gardase un enxeño tan esclarecido como o incomparable e bilioso autor da tan decantada novela publicada co fantástico e atractivo nome de La Costa de la Muerte". (E segue a nota publicada). "Referímonos á parte na que a súa desconcertante novela fala do pobo de Fisterra. Pero o señor Más cun criterio incualificable e falto de toda lóxica, non puido ir más alá na súa lamentable aberración".
"Para a ofuscada intelixencia do Sr. Más a ermida de San Guillermo erixida por este no monte que leva o seu nome vén ser o mesmo que a primeira taberna implantada en Galicia e San
Guillermo o máis perfecto
borracho".
Así lle contestaron a José Más varios fisterráns de Bos Aires, cando publicou este bodrio de novela.