FELIPE SENÉN É MUSEÓLOGO E TÉCNICO DE XESTIÓN CULTURAL FELIPE SENÉN
Viticultura e vinicultura: a cultura dos viñedos e do viño, para complementar o xantar, para vivir, compartir e facer festa. Para erguer ó ceo e tintinear copa contra copa, cálices, mellor daquel fino tostado reservado para as ocasións maiores, o que mesmo se lle daba ós moribundos para endulzar as despedida e lanzarse á viaxe final. Viño feito pinga a pinga, delicadamente, con uvas pasas escolleitas, enrugadas na oscuridade e nos silencios dos faiados... néctar do lagar, a facerse nos pipotes pequenos e vellos, entre as sombras e as pantasmas das adegas. Para finalmente brindar coa arela da saude e da sorte. Isto xa pode ser memoria ou etnografía.
Compren políticas sensibles, con resultados sensibles. Saber lindar o uso do ubuso, ensinar a sentir: a ver, a agarimar, a escoitar, uliscar, saborear os xantares e os viños... farase co vagar que requiren, igual que cunha obra de arte, coa música, a literatura, a Historia, a paisaxe, para enxergar a grandeza do ser humano e da sociedade.... E canto máis un sabe, máis saberá valorar, apreciar e compartir a vida persoal e intransferible. Os viños son os sabores das terras, feitos con suma de segredos, tradicións e innovacións, aplicando maxia case de alquimista para alegrar banquetes... por algo cousa dos festíns, dos deuses do Olimpo e mesmo sacramento. Pero "a cabra tira ao monte...e de farta da cos cornos no cu", repetían os sabios petrucios. E somella que xa non abonda saber saborear un "dedal" de herbas, fino, feito sabiamente nas alquitaras, nen un selecto viño da botella que na súa etiqueta presume con arrogancia dunha casa e do bo facer, nen tan siquera unha cunca de tinto espeso de pipote e de adega, daquelas que se servían por metros: "Ponme un metro" era o que se dicía, sen máis, na Taberna do Galo de Celanova, e de seguido o taberneiro enfiaba unha liña de cuncas seguindo o metro marcado na táboa de mostrador, logo íbaas regando coa xerra de louza deica enchelas. Mesmo a queimada, tradición recente, con lume i esconxuros, negras sombras e himnos parece pasar ós anais do folclore. Iso si, vello ambiente de acentos e saberes enxebres, de refráns, contos e cánticos en camaradería. Nas tabernas naceron corais, asociacións e até partidos políticos. E ó borrachín apartábase a un recuncho, para monear e dialogar co pitelo que fumaba, co can ou co chan... e logo seguir co seu monólogo cara á casa. As cousas mudaron moito en pouco tempo, desmadráronse desmesuradamente, esperpentizáronse, entre elas a ansiada, malentendida e administrada Liberdade. O caos, fronte ó cosmos que é ritmo, proporción, harmonía. Como o inferno e o ceo. Hoxe a diversión, ponerse, faise a tope, axudados de elixires de saldo nos supermarket e pócimas chapuceiras en cóctel molotov de pastillas de deseño, alcohol e colas gaseadas .... Bolsas, tetabrik, con tinto de verano, matutes que dirían os ribeiráns vellos... botellas con ron, xinevras rabiosas, whiski... para quimicas e alquimias doentes e explosivas... os grolos longos, a morro, para demostrar a diestralidade. O resultado a inmediata sinisestralide, as convulsións, a soedade debruzada nun portal, entre trousadelas... De fondo a música taladrando a conversa, a palabra e os silenzos, como nunha consentida tortura nazi. Barbarie con todo canto se poña no medio nos spanish neoritos de iniciación. As festas sempre foron para expresarse, para mostrar os logros conseguidos pola tribu, para sociabilizarse e socializarse ben, entre músicas e danzas, lucería de foguetes e os mellores manxares servidos sobre unha mesa, cos amigos... A mesma tribu creaba espazos apropiados, campos de romaría, campas, carballeiras, soutos, amieirais para este encontro anual, onde se conxuntan os Os Catro Elementos: terra, auga, aire e lume. Espazos dalgún xeito sacros, quere dicir respectados por ter un algo que vén de lonxe e debe seguir seu camiño de futuro, o genius loci, a ancestral pantasma do locus amoenus, un xeito de paraíso para encontrarse o ser humano con canto implica a humanidade, tradición, innovación, paisanaxe e paisaxe... por algo en moitos distes lugares sempre vixiante unha ermida, asociada a un santiño ermitaño que din as lendas que por alí andivo facendo misión de humanidade: curando, edificando, prantando frutais e viñedos, domesticando animais, ensinando a convivir e a camiñar polo mundo, a facer festa... Nestas encrucilladas da vida ímonos curtindo para saber sobrelevala, entre tanta innecesarias urxencias, cando o urxente é comprender este primeiro misterio que nos fai sentir.
Despois da moralina vertida arriba, valia este tempiño do San Roque para navegar polo Mandeo, que entre o pico sacro da Espenuca e a acrópole da antiga Untia, o Betanzos dos Cabaleiros, adéntrase polas frondosas paraxes de Chelo e dos Caneiros, templos da natureza. Como moitos outros espazos sacropofanos celebrados, patrimonio do que pode presumir Galiza, os que aquece compartir coa familia, cos amigos, co que queda da tribu nunha sociedade que perde a vella casa familiar, rural, señora de terras, hortas, gando e até de pantasmas para metaforsearnos nun xeito de zombis rutinarios, consumidos consumidores macdonalizados, de galiñeiro ou de piso urbano. As tradicións mudan, viran por outros camiños, os espazos reconvírtense en solares construíbles, en aparcadoiros e as individualidades mozas desfóganse no mogollón caótico, o alcohol e as pastillas vitaminean o desenfreno, forman parte do iniciático ritual festivo. Renda solta, todo se dispara. Dispárase pan, derrámase viño, tradición e vida. Estamos a falar do botellón. E xa non vale un día ó ano para ceibar os instintos, que para iso estaba o Entroido, sempre coa xenialidade sometida á tradición. Agora boa parte das noites da semana son para o botellón, e as festas para o macrobotellón... Produto Made in Spain que exportamos, para preocupar nas tribunas dos concellos e dos parlamentos, que implica dexeneración da convivencia, contaminación que quere dicir invasión e perigo. E velaí as consecuencias: a sociedade dividida, a destrución do patrimonio e da tradición, a contaminación, lixo, ruído... o trapicheo, alcoholismo... os comas etílicos, os accidentes, os hospitais máis cheos... A xuventude e o futuro perdido nas incertezas. Ruín universidade da pseudoprogresía en nome da Liberdade. Ou se educa ou se maleduca, ou se socializa ben ou se vandaliza en individualidades. E velaí as diferenzas que marcan a convivencia. E moitos alleos á cuestión social, atufados nos seus nimbos, entre o incienso dos botafumeiros; non se asume a cuestión da desmedida progresión, súas causas e consecuencias. E non vale logo aplicar a represión, a persecución, os campos de concentración, as ridículas alternativas infantís.
Son os poderes públicos, locais, autonómicos, estatais... tanta delegación, comisión e adminstración as que deben coordinarse, asumir o estado da cuestión, poñer os sentidos no que pasa aquí e no mundo, saber copiar e aplicar boas e progresivas solucións. Somos todos, xa que a educación ou a malaeducación implica a todos e moi especialmente ós medios de comunicación diante dos que pasamos horas para ver beber alcohol e matarse... é o ensino que está nas aulas i especialmente fora delas. Fronte a dexeneración sempre está a rexeneración. Atrás queda moito tempo perdido, moitas sabias tradicións desbaratadas, un patrimonio eivado, esculturas sin cabeza, sin mans, lixo e lixo... e o pior unha boa parte do futuro perdido.