EN DIRECTO
o labirinto do alquimista

A telúrica deusa de setembro

 02:25  
A telúrica deusa de setembro
A telúrica deusa de setembro  

FELIPE SENÉN É MUSEÓLOGO E TÉCNICO DE XESTIÓN CULTURAL FELIPE SENÉN Iso da concentración parcelaria das festas en agosto inzou nas últimas décadas, produto de certa irracionalidade. A tradición sabe ben, e sen que llo digan os xestores turísticos, o que é desestacionalizar: preparar templos, santuraios, alpendres, pendellos, soportais de acollida contra o mal tempo, para repartir e convocar ó longo do ano as feiras, festas e romarías. Aquí é onde se atopa a xente e se move a Lei da Oferta e da Demanda. Un vai de pesca alí onde supón que hai peixe, como un negocia onde hai xente: busca o sitio, a hora e o cebo axeitado. O bo tempo, as vacacións, concéntranse no mes de agosto e nesas boa parte das actividades, pese ó cartel que tamén ollamos de Cerrado por vacaciones... e logo de vuelta al cole. Alguén segue levando posto o chip do almanaque escolar, no que couta a súa actividade laboral. Non se asume que o que ten tenda ten que atendela e competir.


O nome de setembro deriva do sétimo mes do calendario romano, e o noveno do ano gregoriano. O mes que da parto a un novo principio de viño e pan, ó outono, e faino tamén con festas maiores e menores en vilas e campas de romaría, arredor de santuarios. Unha das datas máis celebradas é o oito de setembro, dedicado á Virxe, proba da misión dos moitos santuario marianos que hai na Galiza, os que dalgún xeito aproveitaron o ancestral matriarcado deste cabo do mundo para o negocio. Historias que se perden no tempo e pasan por cultos moito máis antergos en relación coas deusas femininas, as venus da fecundidade, daquelas da Prehistoria, dondas, fartas e cos seus atributos xenitais ben marcados. Ídolos labrados en barro, pedra, hoso ou marfil que parecen nas covas, santuarios da Nai Terra: Brasempuy, Willendorf, Lespugue, Laussel, Dolni... Un xeito de retrato da muller nai, deusas que se entendían nacidas do caos, das augas ou do lume, como a Gaia oriental ou a Gea grega. A Terra ó fin, preñada de vida. Sempre sobre os mortais e de cando en vez mandando avisos, aparicións, milagres. Divindades que ben recolle o Panteón clásico grecolatino para celebralas en mitos, lendas, grandiosos templos e solemnes liturxas: Cibeles, Artermisa, Atenea, Demeter, como a oriental Devi, a exipcia Isis ou a andina Pachamama, a Yemayá afrocubana...


Algunhas fecundas deusas negras, nas que se queren ver os antecedentes de tantas enigmáticas imaxes de cor: as Tres Marías da Camarga, veneradas polos xitanos; a Candelaria de Tenerife, a Virxe de Regla de Chipiona, a Guadalupe extremeña, Rocamadour, Nosa Señora de Dublín...


Os pagui, campesiños, paganos, mantiveron os vellos cultos, e de vagar e serodiamente reconvertírono a outras relixións, especialmente ó cristianismo. Disfrazamos ás deusas segundo as comenencias dos mortais, para facer delas desfogadeiros humans a pedirlle insatisfeitos favores de saúde e sorte. "Deusa do Ceo", celebrada en teimuda letanía, en novenarios e ó longo do seu ciclo vital no calendario litúrxico: Inmaculada Concepción, Visitación, Anunciación, Natividade, Presentación, Dores, Asunción, Rosario, aparicións... asturiana Virxe de Covadonga ou extremeña de Guadalupe, vixiantes dende os seus altares, interesadamente manipuladas para batallas, conquistas e reconquistas. Imaxes que se din aparecidas en covas, á beira de fontes, entre penedas ou na caracochas dunha anterga árbore. Coroadas, vestidas e revestidas polo celo da devoción popular, con traxes de broslados e aderezos de ouro. Así cada pobo de calquera época ou lugar celebra a súa deusa nai, inxenuamente prolonga as súas limitacións humanas á incunmensurable eternidade cósmica.


Festas marianas ben repartidas ó longo do almanaque. Os que tivemos avoa, casa , aldea e tribu... poidemos cumprir un xeito de rito iniciático de ascese e consolidación da tribu: sumarse á xente do camiño, madrugar, cargar de cesta coa empanada e o garrafón e coller a línea deica o punto sinalado, despois a pé, camiño da ermida, para dar as voltas ó seu redor, escoitar misa solemne de cánticos, órgano e incienso, fregar o pano, deixar unha ofrenda, alcender o cirio... procesión, foguetes, gaita e xantar... para retornar por un camiño de troula. Ritos de iniciación ós camiños da vida.


En setembro somellan espertar moitas cousas, maduran e recóllense os froitos do verán, vendímase e a natureza cóbrese cun manto murcho, teixo, ouridourado para aletargarse, entón é cando manda o vento nos cataventos e voltan as chuvas.... Mais denantes cómpre facer festa e romaría e para iso estaban as multinacionais do medievo, as ordes monásticas, o Cister, que tanto humanizou Galiza: mosteiros de Sobrado, Oseira, San Clodio, Carboeiro, Armenteira, Acibeiro, Meira, Oia... promovidos pola monarquía, en relación coa Borgoña e a Provenza, abrindo camiños ó mundo, entre os anxos e os demos.


Unhas festas rivalizan con outras e abonda que haxa unha para que se ensarille un competitivo rosario delas. Festas ás que concorre canto ten que ver con elas. E velaí que este é o país das orquestras e das músicas, dos fogueteiros, das polbeiras, das rosquilleiras , as tómbolas e os tiovivos... Días de setembro nos que Galiza celebra á Virxe Nai, imaxe tan venerada, sempre no reverso dos cruceiros, acollendo no labirinto do seu colo ó fillo morto: luguesa Virxe dos Ollos grandes, pontevedresa da Peregrina, coruñesa do Rosario, Santa María Nai en Ourense... Unhas máis celebradas, outras festas esvaidas por novas advocacións. Ribadavia celebra á Virxe do Portal, patrona dos Ribeiro de Avía, pero tamén os Remedios de Ourense, os Milagros de Baños de Molgas; as Ermitas do Bolo; a Virxe de Guadalupe de Acibeiro en Forcarei, a Franqueira da Cañiza, Os Milgros de Amil en Moraña, a Guía da Guarda, Santa Mariña do Porto en Marín; Valdeflores de Viveiro, Conforte da Pontenova, a Virxe do Monte, padroa da Terra Cha en Cospeito, a Virxe do Faro en Chantada, Nosa Señora do Cebreiro, as Pampornigas da Hermida de Quiroga; a Virxe das Areas de Fisterra, a da Barca en Muxía, a Virxe de Loreto no Son, Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, os Milagros de Caión, a Esclavitude de Padrón, Gundián de Ponte Ulla, Guadalupe de Rianxo, a Pastoriza de Arteixo... tempo feminino no que se entromete o San Andrés de Teixido, en Cedeira... Por algo o bispo de Iria e Compostela, Pedro de Mezonzo, o que tamén aturou a Almanzor, polo século X, compuxo a Salve Regina. A Guía para vistar los Santuarios Marianos de Galicia de Xoan Xosé Cebrián Franco (1984) faise imprescindible para adentrarse neste labirinto.


Sempre, individual e colectivamente empeñados en sublimar ós deuses inmortais coa bioloxía animal e as efémeras virtudes dos mortais. Mais polo de agora que haxa festa e comercio que iso é símbolo de vida.


  HEMEROTECA

Sigue las noticias de A Coruña en:

FacebookTuentiYoutubeTwittertwitter deprotesFlickr Google plus
CONÓZCANOS: CONTACTO | LA OPINIÓN A CORUÑA | LOCALIZACIÓN | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
laopinióncoruña.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de laopinióncoruña.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
Adaptado a la Ley de Protección de Datos por
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Faro de Vigo  | Información  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya