EN DIRECTO
si home si

Un pouco de educación

 

XOSÉ MANUEL PEREIRO Aeducación estase convertendo en carne de reality show, con perdón. Nas últimas horas temos presenciado un tremebundo boureo no Parlamento galego por causa de que colexios mandan as súas señorías os nenos (os seus de cada un) e, por outro lado, hai un clamor indignado porque a OCDE, que é o club dos países aceptablemente desenvolvidos, ten a España clasificada nos últimos lugares pola formación que teñen os seus cidadáns. E non pensen mal, o primeiro non deriva do segundo.

O pifostio no Parlamento do Hórreo, debeuse a que o conselleiro Vázquez (nesta lexislatura hai tanta sobredose de Vázquez que habería que numeralos), o de Educación, levou mal as críticas. Desde as que lle reprochaban que quitase o préstamo universal dos libros e o substituíse pola gratuidade aos menos, pero máis desfavorecidos, ata que subvencionase os colexios que separan aos nenos das nenas. Foi entón cando Jesús Vázquez (o conselleiro, non o presentador) acenou cuns papeis nos que, segundo el, figuraba a lista dos dirixentes da oposición que teñen os fillos neses colexios separatistas. A cousa acabou nese clásico "agárrame, que lles dou", co deputado popular Negreira no papel do amigo que agarra. Sen ánimo de encirrar, en primeiro lugar, que fai un Vázquez coa lista dos colexios dos fillos dos seus compañeiros de cámara? En segundo, os promotores das segregación por xénero argumentan que nenos e nenas teñen procesos de maduración distintos, e polo tanto esixen educacións individualizadas. Procesos de maduración hai tantos como persoas, e sempre é máis doado formar a grupos homoxéneos: por nivel de intelixencia, por extracción social, sen inmigrantes polo medio aos que haxa que explicar de todo? pero na vida real non hai esa homoxeneidade, e a educación pública ten que garantir o acceso universal, non os caprichos, e máis se hai que mirar polos cartos. Se uns pais queren que os seus fillos non anden mesturados, que polo menos os apunten a eses centros concertados que tentan homoxeneizar manobrando coas admisións.

O outro asunto, o habitual informe da OCDE di que por primeira vez, o número de xente con estudos superiores e medios supera aos que soamente teñen os primarios obrigatorios (51% a 49%), cousa que está ben. O que está mal é que a porcentaxe de xente con estudos superiores é lixeiramente maior da media da OCDE e da Unión Europea, pero a dos que teñen estudios medios (bacharelato ou FP) son a metade (unicamente se dá máis abandono dos estudios en México e Portugal), e os que soamente teñen os primarios son un 18% máis ca media civilizada. Sempre que sae este informe hai quen lle bota a culpa ás reformas educativas, e en concreto ás impulsadas polos socialistas. Teñen razón: se non houbera reformas como o ensino universal, obrigatorio e gratuíto, e unicamente estudaran os que queren e os poden (aquí podemos aplicar a teoría dos grupos homoxéneos de antes) e non todos, queiran ou non, habería moito menos fracaso escolar. Pero tamén hai outras causas que recolle ese mesmo informe, pero que non levantan tanta indignación: España tamén é o antepenúltimo estado en gastos de educación. Destinou o 4,3% do PIB, mentres a media é do 5,2%, con cifras de 2006.

Non todo se amaña con cartos, pero investir máis na educación pública seguro que axudaría máis que medidas como a proposta polo Defensor del Pueblo, Enrique Múgica, nun dos seus esporádicos despertares, e que subscribe con entusiasmo o PP: que se acabe o tuteo nas clases. Non digo que non puidera ser efectivo, pero no Hórreo trátanse de vostede e miren o que pasa.

  HEMEROTECA

Sigue las noticias de A Coruña en:

FacebookTuentiYoutubeTwittertwitter deprotesFlickr Google plus
CONÓZCANOS: CONTACTO | LA OPINIÓN A CORUÑA | LOCALIZACIÓN | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
laopinióncoruña.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de laopinióncoruña.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
Adaptado a la Ley de Protección de Datos por
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Faro de Vigo  | Información  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya