ANTÓN BAAMONDE
. stá o mapa político galego xa acabado? Dende logo, as tres opcións dispoñibles expresan o que parecen ser as principais correntes de fondo do país. O que é menos seguro é que o fagan dun modo consistente e que teñan a capacidade de representar toda a diversidade social que cada un deles intenta orientar. O PP de Galicia está, dende logo, en transición. No pasado intentaba asumir un aspecto centrista con eventuais toques galeguistas. Como partido atrapa-todo intentaba abarcar un amplo espectro que ía do paisano de Lalín, ou a señora, recén chegada de Chantada á Rúa Barcelona, con grandes desexos de curarse do complexo de aldea a través da homologación social e política -cun posible toque étnico-, ao Rexistrador da Propiedade dos Cantóns de toda a vida.
A última xeración, sen embargo, está efectuando unha notable redución do perfil: parece dirixirse só a pijos urbanos (en realidade recén chegados á clase media que, por iso, esaxeran os seus signos de identidade dende o polo de Ralph Lauren ao factor lingüístico) influídos polos desbarres dos medios madrileños e pola estratexia da tensión alimentada polo PP central. De feito, Carlos Negreira, Conde Roa ou Corina Porro, pasando polo propio Núñez Feijóo non desentoarían no concello de Madrid á beira de Ana Botella. É unha dereita que non quere saber nada da sanidade pública, nin da educación pública, nin do galego, nin de nada que lles recorde ao lugar de onde veñen.
Os residuos do fraguismo e do centrismo están sendo eliminados a conciencia. Tal vez a explicación deba buscarse aquí: de todos é sabido que a especificidade política española é a inexistencia dunha extrema dereita con representación parlamentaria. De Francia a Austria ou mesmo, hoxe, á tranquila Holanda ten habido nos últimos anos unha remontada dese radicalismo de dereita. O PP intenta evitar a súa aparición en España, dado que faría imposibles as súas posibilidades de lograr a maioría, dixerindo os seus ítems, identificándose co franquismo, e loando a ¡nada menos que Millán Astray!
Tamén, naturalmente, a competencia de UPyD. O discurso fortemente españolista, herdeiro do fondo nacional-católico que o PP atiza -unha tradición ideolóxica que continúa con forza, non sen causar certa sorpresa entre os que crían que España se tiña modernizado, deixando atrás os seus fantasmas- pode provocar a aparición parlamentaria dunha forza que se pretende progresista e ilustrada e, por tanto, pode ser votada sen mala conciencia por xente que se xulga á esquerda e, ao mesmo tempo, polo sector máis populista da dereita que pode ver en Rosa Díez unha opción ( a oferta ao pai de Mari Luz, a nena asasinada en Huelva é todo un exemplo ).
Claro que a atención a eses perfís sociais -que non sabemos o éxito que terá a medio prazo, dado que estamos no comezo da súa franca presentación en sociedade en Galicia- corre o perigo de desatender esa outra socioloxía que sempre se pensou que tiña tanto peso en Galicia do conservador ao que lle desgusta a sobre actuación. Todos os amigos e coñecidos que eu poda ter do PP sitúanse nese campo: e algúns prognostican o inmediato fracaso das consellerías máis ultras do actual goberno galego -e tamén as máis importantes cara o público: Educación e Sanidade-. Non parece probable, sen embargo, que por ese lado, ou polo lixeiramente distinto do centrismo galeguista, vaia a ter o PP competencia. Si abstención electoral e tal vez diferenzas internas. De feito, pode parecerse ao bipartito nese aspecto: fracasar pola man dos seus propios votantes. Pero dificilmente a aparición dun remake de Centristas de Galicia ou Coalición Galega.