EN DIRECTO
o labirinto do alquimista

Historias de cans e cadelas

 01:54  
Historias de cans e cadelas
Historias de cans e cadelas  

FELIPE SENÉN É MUSEÓLOGO E TÉCNICO DE XESTIÓN CULTURAL FELIPE SENÉN Servidor leva tras si as sombras de sagas de cans familiares. Até mesmo preocupou que a uns días de ter nacido recebese na faciana unha lambetada por parte dunha doga negra chamada Mora, á que pouco despois se lle detectaría a rabia. Poderosa cadela da que conservo fotografías de Rizo, co animaliño vixiante a carón do coche de capota e do berce. Días de experimentos de vacinas para os da casa, a un tempo que a xa doente, babuñosa e desnortada cadela era sacrificada na horta, acribillada a perdigóns. Súa cabeza, empaquetada, foi remitida e servida para o análise veterinario. Non hai peor misión para un amo que dar cumprimento a este tipo de cruel eutanasia para co seu leal can. A derradeira e interrogante mirada de acibeche do animaliño quedará cravada no corazón. E veleiquí seguimos noutras no labirinto da vida con aquelo que nos contaron prendido, entre moitas outras lembranzas de cans e cadelas familiares de tódalas razas en convivencia democrática con gatos e loros e que foron marcando os fitos do que somos: Tur, Chicho, Cha, Breu, Tiber, Irocha... Detrás de cada can as alegrías dos recebimentos, a compañía e a fonda tristura dos ollos da súa morte. Aprendendo dos cans, que cada vida coa súa morte. Á forza teremos que lembrar aquel sabio refrán: "tres anos de can novo, tres anos de bo can, tres anos de can vello, tres anos de mal can".Si.

Cans con historias milenarias, fillos do monte, irmáns do lobo, adestrados, teimudamente domesticados a imaxe e semellanza dos humanos, até facelos parte íntima da casa. Usados para querer, para ser confidentes de penas mudas e poucas veces de ledicias. Xenérico para maltratar e insultar, perro xudeo, perro gallego, cadela... Mais "El perro tiene su dios que es el hombre", escribiu Umbral i é ben certo. Por algo nos sartegos medievais, na penumbra dos templos, case sempre a labra dun can deitado ós pes do seu adobiado en atributos amo e señor xacente. Enseña de eterna fidelidade, pronto atento ós aloumiños e parvadas do amo, ós seus asubios, a unhas migallas, ás sobras da mesa e ó enfermo Lázaro, convidado do rico Epulón. Namentres todo muda segundo as comenencias, somentes o can segue leal ao seu bo ou ruín amo, quen tanto o adestrou até somellarse a el mesmo en cara, andares, e translucir o seu espíritu en expresión de orellas e rabo. Aínda non sabemos ben si é o can o que imita ó home -que así debera ser- ou si é o home o que imita ó can. Os dous animais domesticados ó fin. Can obedente, ao mandado, para ser o último en apandar, aturar iras sen rencores, escoitar mágoas e compartir soedades: cans de terapia. Cans estructurados por clases sociais: dende o solemne can do fidalgo, até o homilde acompañante do esmolante, máis propenso ó contaxio do que se atopa nos camiños, sarnas, tiñas, moquillo, piollos ou rabia.... can do labrego, ladrador, dono da eira e da aldea, atento ó intruso, ó pau e ó couce no cu. Uns e outros iguais de fieis ós seus amos. Agudo, homilde canciño do peregino San Roque lámbéndolle as feridas dos xionllos, tras o seu andar... Pero tamén dentudo cancerbeiro negro, Cave canis, advertía nos mosaicos das vilas romanas, como un Anubis infernal, adestrado ou siniestrado ó mando dos demos. Cans experimentais, dende o de Paulov , feito a ritmo de instintos, á científica cadela soviética Laika, despedida nun sofisticado foguete, entre titanios e cables para xirar ó redor da Terra, ou o cinematográfico Rintintín policiaco, pasando polo can xendarme, policía, adestrado para a busca e a guarda polos exércitos nazis.

Cans con nomes breves, axiña perceptibles polo seu instinto, a tono co seu porte, alusivos a temerosos deuses, xerais ou emperadores, mandamais: Ceus, Nelsón, Zar... Tamén cursis para guedelludas feminelas de sofácama, Tití, Lulu, Mimi, Fifí...

Cans que deron moito que entreter na literatura, de fábula con moralexa: cando despois de tan intricado periplo, Ulises retornou a súa Itaca ninguén o coñecía, nen o seu fillo Telémaco, nen a súa muller Penópe, somentes o seu can Argos, xa vello,cego e sarnoso ó escoitalo falar, egueu a testa, empinou as orellas, abaneou o rabo e arrastras achegouse feliz a cheiralo, a reconfirmar así a súa presenza, até rozar o seu corpo co do seu amo e deitarse a morrer quizais de ledicia. Velaí tamén a novela exemplar, seguindo as pautas da picaresca, escrita por Cervantes o Coloquio de los perros, no que a cadela Berganza razona co can Cipión sobre as súas andanzas pola xeografía hispana con diferentes amos ; Franz Kafka escribeu as Investigacións dun can, sobre un can novo con pretensións centíficas... Wirginia Wolf inspiróuse en Flush, a historia verídica dun can de poetisa enferma, enclaustrada entre paredes, afeito ó universo do seu cuarto, até que entra en escea un amor e veñen os ciumes..., Chindo, o can de cego, protagonista nun conto triste do observador Camilo José Cela, propietario de toda caste de cans, de xardín e sofá, de caza, de todo e de nada , os boxer Pancho e Canelo protagonistas literarios dalgunhas crónicas: "Os cans e os nenos son as primeiras víctimas da cidade..." ten dito. Troylo, o amado can literario de Antonio Gala , do que escribe no seu funeral: "No te preocupes Troylo, ni nada dura, ni el amor, tampoco la muerte durará". Adán, o can compañeiro do pintor lucense Tino Grandio, tan pintado en grises e néboa, o que, morto o artista, non quixo abandonar a campa do seu amo, oubeando sobre ela a soedade e a morte. Toxo o cadelo de caza de Manolo Rivas, que hai pouco, olleino vello, uliscando os rincullo das rúas das Atochas coruñesas, ó ritmo peripatético do seu amo, e cunha gola case cervantina posta ó pescozo, por prescripción veterinaria.

Cans de tódalas castas, tamaños e andares para cada dono, función ou adorno. Mascotas, compañeiras de sofá, mesa e alfombra, ós pés do amo. Cans acreedores de orlado certificado sobre andel, selectos, de raza, con historiado pedigree familiar de campeóns e case de sangue azul. Animais merecedores de sofisticados colares, camisas e atencións en clínicas , perruquerías e guarderías especializadas. Fronte ós guichos, rateiros, podengos, sabuesos adestrados pra levar o gando.... e ós espúreos canciños de palleiro, fillos do que lle cadra, da congostra, da eira ou da rúa, dunha nai en celo seguida dunha procesión festiva de apostos, amorais pretendentes, dispostos ó escándalo público, pero con monumento propio en terras pontevedresas de Caritel. Cans sen dono, comunais, de porta en porta nas aldeas , aventando e denunciando ó intruso, vixiantes e voz da noite. Cans senlleiros, señores do barrio, de esquina en esquina, marcando territorio combatido polo xofree a pimenta. Mesmo os cans son retratos sociolóxicos do estado da cuestión social. Así os ollamos nas reproduccións das series da autoría do pintor estadounidense de principios de século Cassius Coolidge: mafiosos cans xogando ó poker, sentados á mesa, en diálogo no sofá...

Razas de cans adestrados para pastor, caza, vixiancia, rescate, para guiar a cegos e minusválidos, para a detención do narcotráfico, de bombas, protección ou simplemente cans de adorno. Camadas, familia numerosa de parsimoniosos dálmatas, san bernardos, como petrucios resabiados; galgos deseñados na esbeltez das curvas, labrador, cans lobo, huski, Rottweiler, Doberman, boxer... até os canciños faldeiros, chihuahuas, os femminelas bichóns, propensos a un laciño na cabeza; os basset, os corgis, longos, ben mantidos, pacentes aguantalotodo, por algo compañeiros inseparables da súa graciosa maxestade da Gran Bretaña... os barbudos schnauzer, yorkshire, diminutos peludos i entrometidos, os pitbull, os cocker con cara de ilustrados de salón barroco, as froridas e peludas pomerianas.... Cans, mascotas para cada dono, para cada fin, para cada país: irlandeses, alemáns, rusos, suizos ou o mastín galaicoleonés, o que aparece retratado nas pinturas románicas do Panteón Real de San Isidoro de León.

Uns cans proxenitores de prole ben repartida, mimados até o fin, enterrados no xardín en particular funeral, outros adestrados para matar, moitos da xauría da perreira, entre alferecías e ferinte oubear, intuindo o final nunha gabia de cal... cans vellos, enfermos, arrastrando o moquillo, cegos... abandonados nas estradas, pero agardando até a morte polo retorno do seu amo.

  HEMEROTECA

Sigue las noticias de A Coruña en:

FacebookTuentiYoutubeTwittertwitter deprotesFlickr Google plus
CONÓZCANOS: CONTACTO | LA OPINIÓN A CORUÑA | LOCALIZACIÓN | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
laopinióncoruña.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de laopinióncoruña.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
Adaptado a la Ley de Protección de Datos por
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Faro de Vigo  | Información  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya