PLÁCIDO LIZANCOS
. non é por aquilo de que vale máis burro vivo que sabio morto. O luns pasado, vinte e un, celebrouse o día mundial do Alzheimer. Xa temos falado da enfermidade do esquecemento. Este xornal contribúe con estas liñas a recordar esta grave enfermidade dexenerativa. Antes era habitual o pensar que co paso do tempo as persoas perdésemos as capacidades mentais e só quedaba o se resignar. Esta idea co paso dos anos trocouse na que hoxe acreditan os especialistas médicos: as persoas maiores, polo feito de selo, non teñen que chochear. A orixe da enfermidade de Alzheimer é descoñecida. Caracterízase basicamente pola perda de neuronas da cortiza cerebral. Desenvolvéronse múltiples teorías que tratan de explicala. Non imos profundar sobre isto pois doutores hai especializados ós que acudir. Só exporemos aquí algúns dos síntomas externos máis rechamantes, e que tan pouco teñen que ser sinais exclusivos desta enfermidade.
Os enfermos empezan a mostrar descoido no aseo persoal, non se bañan ou duchan, non se afeitan, non cortan o pelo, etc. Isto ten que chamar a atención ós familiares. Tamén é moi habitual que se depriman cando notan que xa non se valen como antes, e que van abandonando actividades pouco a pouco. Ó inicio da enfermidade, o enfermo é quen de decatarse do que lle está pasando, e necesita verse apoiado.
Ó comezo da enfermidade os trastornos da memoria poden ir acompañados de apatía, falta de apetito, insomnio, cambios de carácter, que se poden deber, ó principio dunha depresión que ten cura. Cando se fala da enfermidade de Alzheimer, ou das demencias en xeral, resulta xa un tópico insistir en que nos estamos referindo a un dos retos máis duros da medicina actual e a unha das grandes pragas deste século e dos anteriores. E quedámonos curtos ante a magnitude que representa a enfermidade. Trátase dunha praga por moitas razóns; a primeira polo que vai medrando o número de afectados. Cada vez é maior o número de pacientes anciáns con este diagnóstico. Tamén polo drama que representa para o paciente e para a súa familia a obriga de asistir e contemplar o progresivo deterioro psicolóxico, físico e moral no que vai caendo o ser humano. E, tal vez, a razón máis importante, pola sensación de indefensión e impotencia coa que o devenir dos acontecementos nos van convertendo en testemuñas impotentes dun proceso que soe durar anos e para o que a medicina non foi quen, ata o momento, de encontrar solucións razoablemente eficaces.
Como vimos dicindo, lamentablemente, aínda non se puido encontrar o fármaco axeitado no tratamento da demencia tipo alzheimer a pesar do gran esforzo que se está desenvolvendo neste sentido. Non existe elixir máxico nin a solución para unha enfermidade da que aínda non coñecemos a causa. Pero deixando o pesimismo a un lado debemos ver o futuro con esperanza. No Centro Hospitalario Universitario da Cidade, temos experimentados especialistas nestas enfermidades neurolóxicas, como os doutores Rey del Corral, doutoras Miguela Marín, e Marisol López Facal e doutores José Marey e García Sancho entre outros, deste competente equipo, que neste momento non lembro.Estas letras teñen por intención levar ánimo ós coidadores. É doloroso presenciar cómo unha persoa á que se quere vai empeorando paulatinamente.
En España hai máis de 800.000 persoas afectadas da enfermidade de Alzheimer e cada ano aumentan en 1.000. E cos familiares aparte, que tamén sofren a enfermidade, tres millóns e medio. En Galicia hai 50.000, 5.000 deles na cidade da Coruña.
Existe desde 1994 a Asociación Galega para Axudas dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer (Agader) coa finalidade de coidar a estes enfermos e de estimular ás institucións públicas para que se comprometan na resolución dos problemas de índole familiar, sociolaboral, económica e sanitaria que deben enfrontar as familias dos enfermos de Alzheimer ou outras demencias.
E agora un tirón de orellas ós responsables do Gaiás. Despois de ler o tráxico desta enfermidade para o enfermo e os seus familiares, sen as mínimas axudas é máis tráxico que leamos nas portadas dos periódicos "la falta de planificación del Gaiás obliga a hacer costosas obras que serán derribados en tres años"; "Dotar de papeleiras valoradas en 500 euros a unidade, farois de luxo a 773 euros a unidade". É mellor non alongarse na descrición dos gastos deste macromausoleo, lea a prensa do 15 de agosto.
¿E non sería mellor, inaugurar en 2010, no canto dos catro edificios de parte, aínda do Gaiás, para asombrar o mundo, un gran hospital para os enfermos de alzheimer e para subvencionar ós científicos nas súas investigacións? ¡Non teñen idea do que é unha xerarquía de valores! É un malgasto. Esta magna obra foi un gol encaixado a balón parado. É un dispendio innecesario. Do presuposto inicial de 500 millóns de euros a débeda autonómica alcanza case os 4.000 millóns.