ARTURO LEZCANO
Neste país deitase un consciente e ao outro día non sabe se acordou ou segue a vivir o pesadelo.
Que país é este?
Larra segue a estar vixente e a ter razón cando soñaba cunha paisanaxe que se puxese a cambiar o país e non somentes a se laiar de vivirmos en este país.
O gran xornalista falaba de todo o país da vella Iberia, mais hai algo do que poidamos falar nós sós?
Imaxínense ás institución equivalentes á RAG e ao Concello da Cultura de Euskadi e Catalunya manifestándose perante o suposto poder autonómico como se fose alleo?
Ben é verdade, porén, que a Generalitat e o Eusko Jaurlaritza, mesmo agora cos nacionalistas na oposición, non ousarían invocar a liberdade para por atrancos á lingua de seu. Tampouco Fraga o facía.
Alguén pode afirmar que as manifestacións galeguísimas dos nosos presidentes da Academia e do Consello da Cultura galegas respecto da política lingüística da Xunta actual son desaforadas ou sequera belixerantes?
Non obstante, aquí as obrigadas reaccións dos dous Ramones foron acollidas, alomenos nas fileiras non oficiais, como unha canción de xesta digna dunha saga inmorredoira, mentres algúns outros se pemitiron expresar a súas dúbidas sobre a oportunidade do marco onde foran proferidas.
Somos do que non hai.
É iso que, tamén desta vez, se trata duns acenos de mínimos, nada sorprendente se considerarmos a forza da gravitación a pairar sobre organismos dependentes dos orzamentos.
Onde irmos se o Goberno propio -cores fóra- deixa de pensar en galego? U-la resposta a esta restra de cuestións?
Galicia deixará un día de ser unha historia de bruído e xenreira contada por un mudo?