Cultur.gal. Cultura galega. Cultura de Galicia. Ten Galicia unha cultura? Xaora. Cando menos dúas, coma toda nación que se prece. Unha cultura rural e outra cultura urbana. Unha cultura disque popular e outra cultura seica intelectual. A Unesco define agora a primeira coma "patrimonio inmaterial" da Humanidade. Cultura, esta, que a todas luces está a desaparecer non xa só do noso país senón de tódolos países do mundo, canda os seus principais transmisores: os labregos. Ise é un dos moitos logros da nosa civilización avanzada; do capitalismo brutal, existencial; dos Molochs insaciables, os dirixentes "aparvados" contra os que ouveaba Ginsberg: baleirárennos do noso celme. Diso que fomos transmitíndonos durante toda a nosa historia de seres humanos ata chegarmos a iste punto no que cada vez semellamos máis deshumanizados.

A outra cultura, os membros da outra cultura -nin mellor nin peor, simplemente distinta da devandita- facemos o que podemos pra conservar tanto a primeira coma a segunda. E o Cultur.gal, as dúas edicións desa "feira da cultura galega", foron dúas tentativas altamente positivas nise senso. Sobre todo a última (a derradeira?), organizada pola anterior Consellería de Cultura do anterior goberno bipartito e a Concellería de Cultura d'A Cruña, onde tivo lugar e a onde acudiron trinta e sete mil visitantes! Saben vostedes o que iso significa nun país despoboado e desleixado coma o noso? Un éxito innegable.

Pero iste ano o novo goberno, a nova Consellería de Cultura dixeron NON. Por moito que María Xosé Bravo e tódolos implicados na feira tentaron proseguir tan fermosa iniciativa; por máis que agora mesmo hai unha plataforma chamada "Queremos Cultur.gal" que, á desesperada, esta a loitar pra que ise labor non se eslúa, o señor Roberto Valera NON está por il. A escusa son os cartos, por suposto, mais non hai escusa que valga. E menos a do diñeiro, cando foros iles, os señores do PP os que, por exemplo, nos meteron nise despropósito económico, nesa toleirada amoral que NON vai ser a Cidade da Cultura. Algo que, como o tempo acabará demostrando, devirá máis ben noutro mausoleo máis. Noutro absurdo arquitectónico.

O mesmo pode aseverarse do xeito no que Varela e o seu equipo queren apropiarse (e, daquela, manipular, seguramente, ó seu antollo), o proxecto dos "roteiros literarios" que dende hai anos vén artellando a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Proxecto que, segundo aquiles, queren sacar adiante pola súa conta pero que eu máis ben me temo que rematará nun dises estraños caixóns nos que os gobernos dunha e doutra caste adoitan agochar os seus trapos sucios: quer 20.000 pacientes en suposta lista de espera, quer os expedientes contra as empresas que están a contaminar os nosos ríos e aniquilar a nosa fauna, quer o informe pra transformar Massó noutro "porto deportivo de luxo" roubándolles de novo o pan e o sal ós mariñeiros, como fixo Vázquez aquí.

Do outro tema espiñento, do eterno tema da lingua, do feito de que niste país onde seica non existe nin existiu nunca conflito lingüístico ningún; onde o bilingüismo amable, harmónico reina tanto e tan ben que nin sequera somos quen de outorgarlle ó noso idioma a dignidade paritaria do 50% (e iso pra que nin sequera se cumpra a normativa, como endexamais se cumpriu a do 30%), xa, a verdade, non teño ganas nin de falar nin de escribir máis. Que o diaño nos coma, volvo dicilo. Pois qué podo facer eu, que podemos facer nós, os poucos milleiros de amantes do noso perante a maioría dun pobo que semella disposto a suicidarse como tal? Eu sempre me revelei contra ise lugar común de que "cada pobo ten o goberno que se merece". Mais a esta idade miña, e visto o que teño visto e sentido nos case que once anos que xa lles levo aquí, comezo a coidar que cando menos o noso ter ten o que quer.

Velaí está o exemplo do actual, que, de certo, anda a piar por elas. A Xunta de Alberto Núñez Feijóo apenas vén de principiar o curso e xa ten gañados a pulso tres bos suspensos: en lingua, literatura e cultura galegas. E a iste paso, Dios mediante, seguro que catea en todo.

P.S. Coma exemplo final do interese real do noso elixido Presidente polas demais culturas e linguas da Península Ibérica déixolles aquí esta cita súa pra que matinen nela: "O catalán non debe ser a lingua vehicular do ensino en Cataluña". Ou sexa: os nenos dun pobo non deben aprender na lingua dise pobo. Frase que en calquera país normal -Francia, Alemaña, China- ninguén se atrevería a dicir. Pero, claro: Catalunya non é un país normal, ou sexa independente. Aínda.