EN DIRECTO
asieu

Cabróns

 
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto
Cabróns
Cabróns  

XOAN ABELEIRA Amin, da película colectiva Gürtel, non me estraña nada de nada: nin os produtores, nin os directores, nin os guionistas, nin os técnicos de realización, nin as personaxes principais e secundarias. Nin sequera me estraña que certos cámaras, certos medios de comunicación estivesen no conto da trama e que, por exemplo, aquí en Galicia, non deran nin chío os moi raposeiros, gardando ben o segredo nunha das súas caixas de seguridade pra non desvelaren ise final tan vulgar, tan predicible, denantes das pasadas eleccións. O que me estraña é que se fale desta ruín continuación d'O Padriño coma se fose algo insólito, incrible: o nunca visto.

Eu, cando menos, dende que teño memoria política -ou sexa, dende a chamada Transición en adiante- lembro un mundo de casos semellantes a iste, e en tódolos ámbitos do Poder: gobernamental, autonómico, municipal, xudicial, policial, militar? e, de certo, financeiro. Mafias de toda caste. Irregularidades e ilegalidades a mazo. Corruptelas, subornos, extorsións, manipulacións, vinganzas e mesmo torturas que, no seu día, cando, por fin, algo ou alguén decidiu que xa lle conviña airealas, armaron, xaora, "un lío morrocotudo". Pero que, logo, tras rodar un tempo, en aparencia, entre gargallada e gargallada, algunha cabeza que outra, sempre, sempre, sempre quedaron en augas de bacallau. Peor aínda: moitos dos seus protagonistas, após pasaren algúns anos no cárcere, como Mario Conde, agora van por aí dando conferencias e cobrando entrevistas sobre o inxusta que foi a Xustiza con iles. E iso que algúns daquiles casos -coma o do GAL- foron tan graves que, en teoría, en calquera país democrático, derrubarían ipso facto o Señor X e mailo Goberno que estiveren detrás dil. Pero non: aquí, ó final, á hora de volver votar, xamais se bota a ninguén. E todo segue igual. Seguen igual os mesmos. E os mesmos seguen a mangonear en tódalas democracias.

Unha das máximas incontestables do Anarquismo é que "o poder termina corrompendo a quen o exerce". E, agás a exemplos excepcionais dos que logo ninguén se acorda, coido que pode aplicarse a case que tódolos políticos, de calquera formación, que fixeron carreira, a costa de nós e dos trabucos que nos impoñen, ó longo dos sete últimos lustros. Cata! Trinta e cinco anos de chanchullos, amaños, chafalladas. E algúns a cobraren de por vida polos seus servizos á Patria! Pois a política, coma a relixión, é un negocio caralludo, xa o saben, non si? Unha empresa coa súa boa axencia de marketing e a súa mellor oficina de prensa que o que tenta, coma a súa outra grande aliada, a Banca, é engaiolar o maior número de socios posible pra se enriquecer a esgalla e, abofé, seguir mantendo asemade o Holding. O Sistema. A calquera prezo. Aínda que, pra iso, pra ter contentos ós seus clientes e impedir que deixen de sustentala, haxa de facer certas concesións lícitas?

Así que non me estraña, digo, non me estraña un nadiña estoutra nova película da nosa Serie B que, coma tódalas anteriores, acabará sendo esquecida. O que me estraña de certo é que a xente siga apoiando istes fulanos. O que me estraña é que os españois, as diferentes nacións que conforman iste disparate de nación chamada España, sigan indo votar tranquilamente. E, con respecto a nós, as galegas e os galegos, non é que sexamos, como di o Pablo Crespo, "muy listos y muy finos" tecendo as nosas redes, non. O que somos é uns burráns, ben parvos e ben babecos, por cebar istes cabróns.

P.S. Ó rematar esta columna, bato, indignado, en El Ideal Gallego, cunha foto de Carlos Negreira, candidato do PP n'A Cruña, defensor do fascista Millán Astray a quen ten por "un coruñés de bien", e un dos persoeiros presuntamente relacionados coa trama Gürtel en Galicia, sinalando, todo fachendoso, o "La" dunha alfombra floral na que se le o topónimo ilegal da nosa cidade. E, daquela, comprendo todo. Agora sei que o día no que Francisco Vázquez, obrigado pola cúpula central do seu partido a deixar o cargo do que levaba chuchando varios lustros e liscar a Roma coma alma que leva o Diaño, se despediu de nós entoando o "La La La" de Massiel, non aludía, non, ó artigo feminino castelán que il e os que son coma il tanto defenden, senón, inconscientemente, á primeira sílaba da palabra la-drós. Así, en galego.

COMPARTIR
 
EXTRAS EN LA WEB
 destacados
EL TIEMPO
Consulta la predicción
         meteorológica
EN MI OPINIÓN
Envía tus propios
        artículos
-------------------------------------------------------------------------
AGENDA
Disfruta de tu tiempo
         libre
BLOGS
Sigue las bitácoras
         más interesantes
   CONÓZCANOS:   CONTACTO  |  LA OPINIÓN A CORUÑA  |  LOCALIZACIÓN       PUBLICIDAD:   TARIFAS WEB  |  TARIFAS PAPEL  |  CONTRATAR   
laopinióncoruña.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de laopinióncoruña.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
Adaptado a la Ley de Protección de Datos por
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Faro de Vigo  | Información  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | El Boletín  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas