EN DIRECTO
os camiños da vida

Vin bandeiras do Bierzo

 08:20  

X.L. MÉNDEZ FERRÍN . stivemos na Quintá, como quería Victoriano Taibo que dixesemos, ou na Quintana que hoxe toda a xente, incluíndo Lorca, escribe ou di. Na manifestación Queremos Galego! Habería 50.000 ou seguramente 100.000 humanos. Así como hai Quintana de Vivos e Quintana de Mortos, eu vin todos eses vivos pro tamén unha manifestación innumerábel de mortos. Estaban todos os mortos que nós temos e eles non teñen porque os seus mortos son de lonxe. Mortos e mortas entre os que, por proximidade destacaba a presenza da ánima de Rosalía e a do xenio de Domingos Antonio de Andrade, que na manifestación traducía os seus hexámetros latinos ao galego materno. Non podemos nomear todos os defuntos que estaban na Quintana no corazón e na lembranza dos manifestantes: eran todos os do 1846, os do Banquete de Conxo, cada un dos que votaron si no Estatuto do 36, meu camarada X.R. Reboiras Noia, Martín Sarmiento, Manuel Antonio. Aí, na nación dos finados, é onde a policía municipal non pode facer cálculos nin pór a concorrencia en algarismos. E por que se moveu tanto pobo? Moveuse por valores inmateriais en tempos de crise e de penuria. Todas as medidas gobernamentais executadas e anunciadas estes meses no ámbito da lingua foron dirixidas a anular as positivas para o noso idioma e os dereitos lingüísticos que nos asisten ou frear proxectos destinados a tales fins. Algúns exemplos son o anuncio de derogación do decreto do 50% no ensino en galego (a mal chamada consulta ás familias e todo o seu ronsel de irregularidades); a supresión das axudas á traducción de libros para o noso idioma; ou a contrarreforma da Lei da Función Pública, só para que o galego non sexa igual de necesario que o castelán para acceder a un posto de traballo na administración galega. Así expuñan os motivos da protesta os organizadores da manifestación do 18 de outono.

A política contra a lingua galega da actual Xunta parte dunha mentira unha e outra vez repetidas. Segundo eles, o galego viña sendo imposto e os falantes do castelán víanse asoballados. Calquera espectador alleo do conflicto sabe que o 50% de galego no ensino é o que a dereita chamaba antaño "bilingüismo harmónico". E como pode interpretarse como imposición a esixencia de que os funcionarios que traballen nesta magra autonomía coñezan a lingua que o seu Estatuto declara como propia? E así seguiríamos.

Existe un programa oculto e un plan de actuación contra o galego, idioma que nos laboratorios neofranquistas do FAES se considera un miasma disolvente cuxa restauración só pode conducir as masas ao nacionalismo que, á súa vez, non pode senón dirixirse a romper España. Non queren que Galicia se xeneralice a doenza que avanza en Cataluña e que non retrocede en Euskadi. Logo, a misión que España lle ensixe ao PP en Galicia é a de devaluar o galego e a de sentar os alicerces da súa extinción. E o PP cumpre as ordes dimanantes da rúa Génova, Madrid: demoler o pouco que se leva edificado institucionalmente en favor do galego. Que as medidas reaccionarias contra o idioma noso non son iniciativa de Núñez Feijóo e da súa equipa de gobernó senón da Xefatura Central, é cousa que se demostra coas políticas antigalegas que, poño por caso, na deputación de Pontevedra ou o Concello da Coruña se están a executar cada día. Aínda voltaremos sobre tales extremos.

Vin bandeiras do Bierzo na manifestación do pasado día 18. Elas non nos deixaron esquencer que o noso idioma sofre marxinación máxima na Terra Eo-Navio de Asturias, no occidente das provincias de León e Zamora e nas Ellas de Cáceres. Na Galicia Exterior son tantos falantes do galego se dereitos ningún como eran os manifestantes se fixeron presentes na Quintana.

  HEMEROTECA

Sigue las noticias de A Coruña en:

FacebookTuentiYoutubeTwittertwitter deprotesFlickr Google plus
CONÓZCANOS: CONTACTO | LA OPINIÓN A CORUÑA | LOCALIZACIÓN | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
laopinióncoruña.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de laopinióncoruña.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
Adaptado a la Ley de Protección de Datos por
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Faro de Vigo  | Información  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya