FELIPE SENÉN
Pois por imperativo administrativo o que noutrora era Ano Santo Xubilar Compostelán e convocaba a parroquias, chamámoslle agora Xacobeo, e como paubanos sumá- moslle ó evento o síndrome de international festival a celebrar cando a onomástica de Santiago o Maior, o fillo do Zebedeo e de Salomé, cae en domingo. Endomingamento maiúsculo para a posta en escea da ilustración, da capacidade xestora e creadora do minifundio dos gobernos de turno. Ás costas déixase ensombrecido canto de filosofía, pegadas e cultura hai neste carrefour, encrucillada ou labirinto: que a peregrinación naceu do desexo de saír da casa i entrar na Historia, de seguir o camiño que no ceo marca o sol e a Vía Lactea para chegar ó extremo occidente, onde un sartego dun Apóstolo Íntimo do Mestre, ou a Ara Solis nos religa nos máis fondos misterios da vida, da morte e da inmortalidade... Arredor destas preguntas erguéronse templos, contos e cantos. Ó fin e ó cabo a vida é como un camiño: paso a paso, mirar atrás para facer memoria do andado, mirar adiante, ó porvir. Entre tanta aventura e desventura a vida é aprender a desprenderse. Quéirase ou non eso é relixión... a beatería xa é outra cousa.
Compostela -preferimos este topónimo- naceu arredor das cinzas dun xerarca e do remol do seu sartego. Camposanto sobre do que se construíu unha catedral e polo escintilar dos seus camiños -feitos polos pés da xente, o trepar dos facos e o rodar das carretas- pedra a pedra, erguéronse templos, torres, pontes, fontes... E así, pola tradición, a ansia de saber, a creación e as relacións, a cultura destes confíns, o Reino de Galicia, competiu coa Aquitania, a Provenza, a Borgoña e a mesma Roma. Onde se mostra i se explica eso que fica no idioma e na Arte? E velaí os mellores símbolos, a cuncha de Venus, a Epifanía, a estrela... e mal asunto cando interesadamente se manipulan os símbolos, cando as cousas se degradan, e se atreven a disfrazar ó homilde pescador galileo do lago de Genesaret en feudal cabaleiro matarife, Santiago, Diego, Xaime, Xacobe, en mostrario de monifates... e unha cruz se troca en afiada espada roxa. Mitos e ritos ensarillados dende a saída da casa deica a entrada no templo. Pasaxe, ascese e iniciación: franquear portas, pasar baixo o Pórtico da Groria, pousar a man no parteluz, bater coa testa na imaxe do santo axionllado, do cabelo de croques; a aperta á imaxe pétrea do Patrón, a oración ante o sartego, santiguarse... queimar a roupa na Cruz dos Farrapos... anovación e volta á andaina ate o Fin.
Compostela e Galiza seguen a estar no mapamundi, coas súas esencias identitarias a esvairse no debate global ou neoimperial. Os camiños son un permanente recurso cultural e turístico que axuda a erguer o lastre das rutinas e a desestacionalizar... fender con esa tendencia pouco habilidosa que temos a reducir i endomingalo todo, a gastar os foguetes nunhas horas, o pan para hoxe... e logo a velas vir. Eso de coller a andaina e botarse ós camiños pode facelo un cando poida e queira...non é aconsellable cando mandan os bandos, as propagandas e as desventaxas da masificación, un dos retos. Os fastos poden trocarse en nefastos. Os anos santos son aquí i en Roma un vello recordatorio ás autoridades de que a tradición manda, para facer festa maior e conceder indulxencias, propinas e regalias a quen chegue ós nosos confíns. Pero non abonda eso hoxe, cando se maleduca na tendencia dos novos ricos ós gastos innecesarios, de afeamento, ós revestimentos de bisutería... adornos que respostan a unha certa incapacidade de rebozar incompetencias, incluso diría degradación cultural. As cousas gustan ó natural, na súa esencia, en relación coa paisaxe, a paisanaxe e a súa necesidade: as diferencias entre cultura e aculturación.
E velaí a mímese festivaleira: varias xeracións de arrepiantes mascotas e logotipos, namentres outras multinacionais rouban os tradicionais.... Fanse encargos a la americana de eventos por catálogo, management events, tan propensos ás tramas.... Aproveitando os bolos dos astros e as estrelas do escenario, para traer a un Grammy ou a calquera eventual trunfador. O adral maior do Obradoiro e a Quintana galponizados son síntoma do trauma dun Times Square, un Picadillus Circus, ou unha Postdamer Platz.... O badelo da Berenguela afogado. Non lle aquecen a Compostela somellantes adobios cando ten idioma propio. Nen tan siquera para eso fai falla agardar a estas celebracións, o camiño e a tradición xa moven permanentemente e xeran arte e literatura. Prioritario sería invertir na rehabilitación e revitalización desas infraestruturas de Historia e tradición que busca e que lle compren a quen chega a Compostela: vieiros axeitados para os camiñantes (e ¡ai! si se vai a cabalo, en bicicleta)..., fontes, pontes restauradas, albergues, pousadas, monumentos, centros de información... abertos e coidados nesa harmonía de tradición e innovación, boa atención, educación, con documentación en varios soportes: mapas, guías...e ese souvenir enxebre que, de vez, desterre ós que na actualidade imperan e dan imaxe do zafio e do esperpento, o tópico das meigas de goma (¿?), cando Compostela está na primeira historia do souvenir, dende os máis costosos de ourive e filigrana, acibeches, prata... até as pequenas figuras dos imaxineiros, a simbólica cuncha do Duio fisterrán...
Galiza e Compostela como encrucillada, con tanta prehistoria de mámoas, petroglifos, castros, historia de templos, castelos, aldeas, pontes, fontes, artesanías e pegadas dos camiñantes, merecen unha permanente atención, que implica coordinación entre as diferentes administracións -comenzando pola inmediata , os concellos- na salvagarda dun patrimonio que non debe reducirse a fachadas, que implica tamén mobles e tradicións, saberes, contos, cantos, danzas... festas para fender con esa teima da estacionalización, para reanimar a cultura. Polo demais sempre haberá empresas nosas ás que recurrir para reanimalas na crise, contratarlle unha orquestra, un cantante ou calquera outro espectáculo, que tamén neso da feira e da festa, se facemos memoria, temos camiño ben andado polo mundo. Inversións, non gastos, implican dinamización, atraen xente e movilizan o mercado. Velaí a cuestión, entre o que importamos i exportamos.
Felipe Senén É Museólogo E Técnico De Xestión Cultural