PLÁCIDO LIZANCOS
Quero empezar facéndolle un canto á causa principal da corrupción. Ó diñeiro.
A corrupción institucionalizada, pensei neste título. Déitaste pola noite e érgueste pola mañá. E as noticias da corrupción, cando non as mesmas, son outras aumentadas e renovadas: no Palau da Música, 20 millóns! O alcalde e o interventor no Ejido, 150 millóns de euros! Alá polo sur, no cárcere; Mercasevilla, os asuntos nas Baleares, o Gürtel, Pozuelo, etc. Baixo sospeitas, sen rematar o de Valencia. Sen contar ós tránsfugas, que tamén son corruptos "para votar cando faga falta", moi de actualidade aquí en Galicia. Xa van tres ou catro cambios de alcaldes ou alcaldesas.
Houbo unha época na que se coñecían estas actuacións das corrupcións como pelotazos. O dicionario defíneo así: "Golpe dado con pelota de xogar". Pero do pelotazo do que hai tempo se ten falado é tamén habilidade para facer xogos de mans, moi propio dos prestidixitadores. E a nosa pel de touro estase enchendo destes malabaristas das finanzas. Os millóns desaparecen dalgunhas contas. Di a radio que por colocar unha baldosa, transporte, cemento e man de obra, houbo que facerlle unha factura de 2.000 euros. Como aquel que dicía ter a tixola polo mango e o mago tamén. O que dá o pelotazo vende o crédito, dá crédito para pagar o importe e logo outro para pagar o pago dos intereses e o importe. Estou escaso de palabras para describir mellor estas prácticas. Cos cartos recibidos cómpranse os solares para facer casas. Logo alguén confisca os solares que alguén tamén comprará cun valor centuplicado. Os das cooperativas que puxeron os cartos ven que o terreo desapareceu. O que se ignorou e que volverán a ver algún día os cartos...
O ex presidente F. González dixo hai tempo que quen comete un delito de corrupción remata pagando. El falaba da corrupción vaga e xenérica na que os xuíces non chegan a entrar porque pertence ó reino do sospeitoso, debía referirse a corrupción probada, porque esa sensación atmosférica de que moitos se enriqueceron sen explicación aparente ou aproveitaron unha oportunidade política ou ben por amizade co poder.... eses quedarían fóra do señor González.
Esta é a gran corrupción que debía pagarse en termos políticos cando non penais. A verdadeira corrupción, a grande, a extensa é a protexida, a que non chega a coñecemento dos Tribunais, a que o Fiscal non persegue co seu celo.
A corrupción subterránea, a que non boia, a que o poder político non pode coñecer e non investiga, como non investiga tantas e tantas fortunas sospeitosas de personaxes públicos. A corrupción, é a substancia do réxime.