EN DIRECTO

Carta aberta a Victorino Gutiérrez Aller

 

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO Benquerido Victorino: Esta "Carta Aberta" non é máis que unha pequena homenaxe á túa persoa por tantos anos de admiración que che profeso e por me honrares coa túa amizade e simpatía. Informarei, por se algún leitor ou leitora da Coruña non o souberen, de que, durante toda a túa longa carreira profisional como notario en Lalín e como xurista, fixeches túa a causa da lingua galega e foches un adaíl da mesma nun ámbito que -non lle escapa a ninguén- é de especial importancia e relevo na normalización do idioma de noso. Cando estudabamos, nos volumes de Ferro Couselo, a lingua medieval, a través de escrituras de compra, de venda, de doazóns?, tanto de bens civís como de bens eclesiásticos, ninguén nos informaba de que aquel idioma distante no tempo, en que, con toda naturalidade, os nosos antepasados redixían os seus documentos oficiais, podía, no noso presente, volver recuperar a súa antiga condición de idioma público e socialmente válido para caisquer usos. Tamén ninguén nos informaba de que tal sucedía porque daquela a Galiza era un país con clases dirixentes de seu, con autonomía política, con normalidade, por tanto, na utilización da súa lingua propria que rabuñaba espazos ao incontrovertíbel latín cada vez con máis forza. Mais este é o signo das galegas e dos galegos: inteirármonos da nosa historia tarde, fragmentariamente, ventureiramente?

Ti normalizaches a lingua galega no teu oficio e deches exemplo da súa modernidade nun campo fundamental, por vinculado á auctoritas e á potestas. Hoxe, lembreime de ti, máis unha vez. Cóntoche. En 33 anos que levo felizmente avicindada na Coruña, poucas veces me coubo pasar tanta vergoña allea como neste día, 26 de outubro de 2009. Fun espectadora do Pleno do Concello que, a instancias do Grupo Municipal do PP, debateu sobre unha proposición deste grupo, dirixida a lle dar oficialidade ao termo "La Coruña". Non prosperou, por voto en contra dos dous grupos de goberno, mais o debate previo á votación encheume o corazón de tristura e a mente de indignación. Tiñas que asistir, Victorino, á retesía PP-PSOE, a través dos seus portavoces, para veren cal españoleaba máis e mellor, quen podía pendurar máis medallas na consumación frustrada da ilegalidade. Semellaban xudeus conversos facendo alarde de seren cristianos viejos! Uns, calificando a Lei de Normalización Lingüística de "erro histórico" ("defecto subsanable" chamou, nunha ocasión, á lingua galega unha xuíz?); os outros, apropriándose o mérito igualmente histórico (perdón, histérico) de seren eles os defensores, durante 25 anos!, de "La Coruña", ad maiorem gloriam do ferro con que nos marcaron hai centos de anos. Só a recordación da legalidade, reiteradamente vulnerada polo anterior alcalde e equipo de goberno e agora esmagada de novo polo relevo do arco españolista, salvou da ignominia. Son tan bilingües uns e outros que o único galego que se ouviu foi o do portavoz do BNG, que con razón falou da historia e do lexítimo direito de existirmos como galegos.

Mais non é, o problema da lingua e do seu aparecemento público, cuestión menor nen oportunista pretexto para outros temas non se tocaren. A Coruña, tal cal, supón inclusión da cidade na Galiza; relación horizontal de igual galeguidade cos máis de 33.000 núcleos de povoación que temos; historia vinculada ao resto da nación galega e, por tanto, capacidade de reencontro unitivo con ela. Nada máis e nada menos. Sábeo ben a contra do galego, como o debéramos saber ben os que o queremos, non como peza de museu, senón como algo vivo e útil, xa que logo, usado e usábel como instrumento público. Mágoa que as dúas sucursais dos partidos españois actuantes na Galiza e, en concreto, na Coruña, no canto de se orgullaren da lingua de noso, operen con ela como se fose unha doenza que hai que sobrelevar con cristiá resignación! A primeira "Carta Aberta" que publiquei neste xornal foi mesmamente dirixida ao alcalde da Coruña, para felicitalo polo seu uso do galego nun acto organizado polo Parlamento de Galiza nesta cidade. ¿Acaso houbo de irse ver a un colega otorrinolaringólogo ou a algún internista após cometer semellante falta?

En fin, Victorino, escrebereille en breve a D. Carlos Negrero Castañal (xa te informarei de quen é: coido que é nativo de Santa Comba, mais supoño que el preferirá declararse oriundo de "La Santa Paloma"?), para lle explicar algunhas cousas das que falamos, tan gostosamente, en Lalín, co gallo da apresentación dun meu libro, en que ti tan xenerosamente participaches, e onde fomos tan atentamente escoitados por numerosas persoas, entre elas o señor alcalde, a concellala de Cultura e moitos viciños.

Recebe a miña fonda aperta, como sempre chea de admiración e gratitude.

  HEMEROTECA

Sigue las noticias de A Coruña en:

FacebookTuentiYoutubeTwittertwitter deprotesFlickr Google plus
CONÓZCANOS: CONTACTO | LA OPINIÓN A CORUÑA | LOCALIZACIÓN | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
laopinióncoruña.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de laopinióncoruña.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
Adaptado a la Ley de Protección de Datos por
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Faro de Vigo  | Información  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya