ANTÓN BAAMONDE
Realmente, non sabemos a situación real das dúas Caixas galegas. Sabemos, dende logo, que Caixa Galicia é favorable á fusión e que Gayoso oponse de fronte. Os últimos días houbo unha fervenza de declaracións dende Vigo que deben ser lidas como expresión desa negativa.
¿Significa iso que a solvencia e a liquidez da Caixa viguesa teñen mellores ratios que no caso de Caixa Galicia? ¿ Poderá Caixanova prescindir do FROB? ¿Ou máis ben a idea é tomar diñeiro dese fondo a través dunha SIP con algunha entidade do exterior de Galicia, como parece ser o desexo de Gayoso?
O certo é que a opacidade e a falta de transparencia das dúas entidades -verdadeiros coutos pechados nos que o nepotismo é senón a lei ao menos o hábito- é de tal magnitude que temos moi poucos datos para tomar en consideración. Todo son faladurías..
En todo caso, xa temos montada a lea localista. Xa Caballero, dende Vigo -apoiado por Blanco, ao parecer- e Losada, dende A Coruña, anunciaron a súa oposición a unha posible fusión, no caso do primeiro e só se non se produce un cambio na ubicación da dirección da entidade resultante na cidade herculina, no caso do segundo.
As municipais están aí e ninguén quere perder comba.
E Feijóo ¿qué pensa Feijóo? ¿Forzará a fusión? ¿Chamará aos tres partidos a ter unha posición común sobre este tema que evite a súa manipulación electoral? De ser así, sería algo bo. De paso, poderían aproveitar para negociar unha nova Lei de Caixas que es faiga máis democráticas e lles dea transparencia.