EN DIRECTO
o labirinto do alquimista

Feira de Santos, Santas Compañas e Magostos

 04:21  
Feira de Santos, Santas Compañas e Magostos
Feira de Santos, Santas Compañas e Magostos  

FELIPE SENÉN Ofinal da cola da xerarquía de santiños da corte celestial, os que xa non caben nin nos días do almanaque, moitos dos que non teñen nin templo, nin altar, nin tan siquera imaxe, mesmo dos que se dubida da súa existencia, terán a súa xenerosa concentración parcelaria nun saudoso día 1 de novembre. Festa a granel en feudal terra de vellas, novas, celestiais e terreais devocións caciquís. E sumámonos e celebramos de xeito sacroprofano esta tradicional proposta comunal proletaria. Tempo no que facemos converxer ós vivos cos luceiros das santas compañas dos defuntos, fácemolo arredor das tradicións e da luz da esperanza. Ambente hoxe en contraste cos tanatorios e os novos cimeterios de frío, neón e cemeto, a reproducir o caos urbanístico e a especulación, fronte ós vellos adros dos igrexarios, o corazón da tribu parroquial, os camposantos. Pese ás diferencias uns e outros cóbrense neste par de días coa cor dos ramos de frores e o alampear das lampariñas. Noutrora noite do tanxer tristeiro dos badelos da parroquial, xa en mudecidos; das cabazas ocas, descarnadas e sen pebidas, esféricos microcosmos labrados polo saber de cadaquén, somellando caliveras, iluminadas por dentro para outorgarlle vida de Trasmundo coa luz dunha vela, para ser pousadas sobre o valado do camiño, do adro, a provocar entre as tebras cavilares nos que se conxuga e da reviravoltas ó verbo ser ou estar. Velaí a cuestión. Mañán de Defuntos, cando o instinto leva ó formiguiro humán cara ó cimeterio, o fotógrafo ambulante deixaba pegada para a albumes de historia persoal... a escena almodovariana da limpeza xeral de panteóns pra ramos de crisantemos, oracións e lembranzas. Arrecendo a incienso e de fondo a voz finxida e aganada dos cregos entonando responsos á caida das esmolas nas bulsas de terciopelo mourado: "Ne recordéris peccáta mea, Dómine... Dum véneris iudicáre sæculum per ignem... Dómine, Deus meus, in conspéctu tuo viam meam... Réquiem ætérnam dona ei (eis), Dómine, et lux perpétua lúceat ei (eis)... Kyrie, eléison, Christe, eléison. Kyrie, eléison... Pater noster... A porta ínferi... Erue, Dómine, ánimam eius (ánimas eórum)... Amén.

A paisaxe íspese pra botarse a corpo á invernía: mandan e penduran as esferas como os astros, as mazans roxas do outono sobre ramas sen follas, asoman as cabazas nas hortas e as marelas mazorcas de millo abarrocan as solainas... límpanse eidos, alcéndese borrelas que erguen columnas de fume para dar maior misterio entre ceo e terra a ese solciño outonal, ouridourado, que coquetea coas brétemas. Ruralismo, dirá alguén que perdeu casa e aldea. Cousas que aínda atopamos por algures, tamén no Minho e no Tras os Montes viciños. Parte do que somos, agora en mestizaxe con esa outra rutina de asfalto, burocracias, internáutica, macdonalización, pasotismo, pelotazo e toda gama de desperdicios, de esmolantes a remexer nos vertedoiros de lixo. Dentro e fora deso, dos despachos, dos coches e doutras fundas é este o tempo pra cavilares, barroco de luces e sombras, preferido polos creadores dos nosos confíns. Tradicións cada vez máis adulteradas polo imperativo da uniformidade global. Somella que o choio é meterse, seguir os patróns importados, copiar o alleo i esquecer o noso, deixalo para os libros de antropoloxía, para ós museos e as morriñosas lembranzas dalgún día... e ás veces nen tan siquera eso. Detrás desta cultura está a Historia, un idioma a identidade.

A tradición é un recurso de creación, de negocio e de vida, por algo a tradición non traizoa e pervive a pesar de moitos outros pesares. Agora en tempo de Santos e Defuntos rebózase, a presa, con outras importacións celto-irlandesas, americanizadas, como o Halloweem, ou coa versión bretona do Samaín, diferentes nomes para unha festa coa mesma orixe e semellante: arremedar ós medos da morte e vivir a vida. Cada vez máis carnavalada temática do terror: diaños, vampiros, dráculas, zombies, frankesteins, momias... inspiradas na realidade, no cine, na lenda e no maxín. Venta ó por maior de disfraces e pretexto para un gran botellón, aquelarre de neomeigas e neozombies urbanos entre as primeiras xiadas, a golear o elixir desas mesturas que reventan corpo e a alma para trousalo todo. Novos ritos, novos mitos, novos xeitos fronte ó noso cristianizado tempo de Santos e Defuntos, a paganía dos Magostos, dos magos e das meigas, das grandes fogueiras (magnus ustus), asando no seu remol de frouma as castañas, que son semente e porvir de souto, de madeira, pero tamén alimento esencial de noutrora. Facianas emborralladas, brinde co viño novo. Rematar i empezar.

Igual que uns supermercados ensombrecen a outros, as tradicionais Feira de Santos de Monterroso, no corazón de Galiza, e Chaves, nas ribeiras lusas do Támega poden sobre outras que collen pulo, Betanzos, Carnota, Vilarmaior... Tempo que pon limeiras á invernia, no que pertrecharse e prepararse, días da matanza do porco e de abrir as pitas dos pipotes dun viño que comenza a falar por si soio nas cuncas. Tempo do santo cabaleiro Martiño de Tours, o celebrado padroeiro de Ourense e competidor de Santiago neso de ser imaxe e semellanza dun sempre agardado Rei Arturo redentor. Tempo de memoria e busca, de anovación na espiral da feira da vida.

Felipe Senén É Museólogo E Técnico De Xestión Cultural

  HEMEROTECA

Sigue las noticias de A Coruña en:

FacebookTuentiYoutubeTwittertwitter deprotesFlickr Google plus
CONÓZCANOS: CONTACTO | LA OPINIÓN A CORUÑA | LOCALIZACIÓN | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
laopinióncoruña.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de laopinióncoruña.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
Adaptado a la Ley de Protección de Datos por
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Faro de Vigo  | Información  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya