MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO
Don Carlos: Vosté porta un nome de orixe xermánica, cousa que de sobra sabe, como persoa culta e cultivada que é. O Diccionario dos nomes galegos, de Xesús Ferro Ruibal e outros autores, informa de que Karl, latinizado en Carolus, nun principio "era un nome común que indicaba "un home libre pero sen bens de seu"; logo pasou a designar o cargo de "mestre ou mordomo do pazo" entre os reis francos. Cando o poder destes mordomos medrou, karl pasou a ser un título. Finalmente, chegou a ser nome propio". Desculpe que recorde etimoloxías e pormenores evolutivos do seu nome que vosté xa coñecerá sobradamente. Sei que non lle parecerá mal a quen quer xogar frivolamente co nome oficial desta cidade que brinquemos un algo co seu proprio nome que, como se ve, en sendo nome común, é indicativo dun ascenso social notábel, alá nos tempos medievais. Igualmente, non lle pode causar molestia que me permita traducir os apelidos que ostenta, neste caso galegos-galeguísimos (Negreira Souto), que son antropónimos que, o mesmo que A Coruña, tamén son topónimos (vilas e aldeas, no primeiro caso; abundantísimos topónimos e microtopónimos no segundo, mesmamente por tantos castiñeiros como encheron -noutrora máis do que hoxe- a paisaxe arbórea de noso).
Confésolle que é a mellor maneira que se me ocorre para lle facer ver o disparate e a ofensa que pretenden, vosté, o seu grupo e o seu partido, inflixir á lingua galega e aos seus nomes, como se fosen obxectos intercambiábeis nun comercio, nomenclaturas submetidas caprichosamente a unha vontade político-partidista, ou como se a legalidade minimamente recoñecedora da existencia e dignidade do galego fose auga de castañas, legalidade de novena categoría que pode ser mudada impunemente.
En termos históricos, científicos, legais, A Coruña, señor meu, será "La Coruña" o día en que vosté aceite tranquilamente (supoño que con desgosto de seus pais) chamarse "Negrero Castañal", coa correspondente desidentificación da súa persoa que isto acarrearía, ou o día en que Santa Comba sexa "Santa Paloma", A Sardiñeira, "La Sardinera" ou Carballo, "Roble". ¿Cómo poden atreverse a cousificar e maltratar a lingua de tal maneira, como se ela fose nalgures e algunha vez propriedade de vostés? ¿Tanto medo lle teñen á potencia simbólica da lingua que, en mantendo o topónimo legal e oficial "A Coruña", provocaría que as coruñesas e os coruñeses se sentisen galegos e pensasen como galegos que aspiran a melloraren a sorte colectiva? ¿Tanto autoodio non disolvido poden acumular para falaren impunemente de "imposición" (¡!) na Galiza dos xenuínos nomes galegos que o lexislador autonómico e, despois, o estatal consagraron legalmente, como non podía ser doutra maneira? ¿Por qué non se reconcilian dunha vez coas súas orixes, coa súa nación de nacencia, cos nomes de que proceden e co país que lles paga con cartos de todos?
Permítame concluír co xogo con que comecei. Coñezo e son amiga de varios Carlos galegos que veñen sendo homes libres sen bens de seu. Aventuro que non darían un peso por seren mordomos de pazo alleo ou por pagaren rendas de inquilinato tendo casa de seu. ¿A que se apontan vostés como cargos públicos galegos? ¿Tanto esixe a patronal española da rúa Génova de Madrid como para perpretar asedios ao direito e á lei como o que tivo lugar no Pleno do Concello da Coruña o pasado 26 de Outubro? ¿A que tempos pre-constitucionais, pre-estatutarios, pre-lexislación autonómica, pre-Plano Xeral de Normalización Lingüística... tencionan voltar? ¿Por qué non (re)ingresan na normalidade e na legalidade dunha vez, como xa fixeron tantas empresas públicas e privadas, incluídas varias multinacionais das que vostés adoran? Anímense. Deixen de facer de capataces de negreiros racistas...: somos todos negros, aínda que o sol nos dese, na Galiza, a pel branca, como diría Castelao.