PLÁCIDO LIZANCOS
Bendito mes, que empeza con Santos e remata con San Andrés, isto dise de novembro, tamén chamado Defuntos, tan enraizado na idiosincrasia galega. Falar de defuntos é falar da morte. A morte segue sendo un segredo oculto, tan erotizado como temido. Coñecer a verdade, familiarizarnos cos sete xinetes da morte: cáncer, sida, enfermidades cardíacas, accidentes cerebro-vasculares, alzheimer, vellez, agresións violentas..., axudaranos a nos liberar do medo a ela.
Pois, si señor, o encabezamento non é meu, tomeino dun libro que estou lendo nestes días outonais cuxo título non volo dou por medo a que os defensores da austeridade sen concesións non vaian beber a esas fontes, e se poñan de acordo cos defensores, v.gr. cos da Cidade da Cultura, para parar a máquina destes anciáns improdutivos.
De Estados Unidos tiña que vir, aínda que penso que Obama non está pola idea.
Nestes últimos anos de economía pouco florecente falouse cada vez máis en Washington das desproporcionadas sumas de cartos que van parar a Medicare, a Seguridade Social para os anciáns a expensas dos mozos.
Cando o antigo gobernador de Colorado, Richard Lamm, dixo por primeira vez que os vellos, enfermos ou impedidos teñen o "deber de morrer (se) e quitarse de en medio", a xente indignouse. Pero vexa, o amable lector, que a idea non caeu en saco roto, porque cando Daniel Callahan, director do Center, publicou en 1988 Setting Limits, un plan para limitar a asistencia sanitaria ós vellos, para poder dispor de máis recursos para os novos, as autoridades tomárono moi en conta. A proposta de Callahan de racionar a asistencia sanitaria ás persoas maiores poñería fin a todo desenvolvemento de tecnoloxías para prolongar a vida, e prohibiría o uso dos aparatos de alta tecnoloxía de que se dispón agora para as persoas que superan a súa esperanza de vida natural, os 75 anos, por exemplo, a esperanza de vida para os homes e de cerca de 80 para as mulleres. Ó mesmo tempo, proporcionaríalles ás persoas maiores máis analxésicos e máis servizos nas residencias de anciáns, e na casa, para facer que a súa morte fose máis pracenteira. Se se tratase de se opor a facer operacións de alta tecnoloxía a persoas maiores, cando non hai verdadeira esperanza de darlles máis anos de calidade de vida, iso, din, podería parecer un paso na boa dirección. Que vos parece?
Pero Deus nos colla confesados e non caian estas ideas na preclara mente da ministra Bibiana Aído, defensora da vida. Que pense, por se acaso, que a idea de limitar o coidado que reciben os anciáns é xa unha "pendente perigosa". Unha vez que se abandona o precepto de que un debe facer "todo o que poda" por evitar a morte, e que se fan intentos de fixar unha idade determinada para unha vida completa, ¿por que pararse aí? Se, por exemplo, a economía americana coñece malos tempos, ¿debería reducirse ó máximo de idade ós 65 anos ou algo menos aínda?
Despois da morte cerebral unha persoa non pode recobrar a consciencia. Hai que apagar as máquinas. É unha persoa morta. Pero o que Callahan propoñía agora, para todos que pasan de certa idade, era suprimir esas tecnoloxías, aínda que o tratamento puidese facer que recobrasen a súa plena capacidade humana. Suprimiría a ventilación mecánica, a rehabilitación, os antibióticos, a alimentación artificial e a hidratación. Pero, se hai que racionar a atención sanitaria porque os recursos nacionais para pagar os seus altos custos son limitados, ¿por que o criterio para facelo tería que ser a vellez? ¿Por que non a probabilidade de recuperación a calquera idade? ¿Por que non suprimir todas as intervencións para as que non hai probas que vaian ser beneficiosas como as operacións para facer un bypass? ¿Por que non limitar os fondos para a cirurxía plástica non destinada a salvar a vida, como os lifts faciais? ¿Ou limitar as exorbitantes ganancias das empresas coas residencias de anciáns? E as unidades de diálises? Aínda que eu penso que se cumpren con todos os requisitos poucas vantaxes económicas terían. Pero estas residencias son boas. Normalmente son centros especializados que ofrecen ó moribundo un tránsito tranquilo, confortable e digno.
Dános medo esa perigosa pendente: o dereito á vida é o que ten que prevalecer, o dereito a intimidade na morte pode ser tan importante como o é o traer unha vida ó mundo, creo que existe un verdadeiro perigo en reducilo ó feito de apagar un aparello.