ARTURO LEZCANO
Todos os supostos teóricos a falar das listas de espera de nunca rematar non son simulacións, mais si penosas realidades familiares non só de indesexábeis efectos pecuniarios, moi elevados, tamén psicolóxicos.
Unha familia calquera está formada, xeralmente, por unha nai e un pai, probablemente asemade por algún fillo, sen contarmos avós, tíos, primos?
Se un paciente de Lugo, por exemplo, cunha doenza realmente seria, é chamado a ingresar no CHUAC, supónse que como moito nuns días ha pasar pola sala de operacións.
Pois, non. Entra no gran hospital e pasada a primeira semana nin sequera lle fan as probas preliminares. Pretende marchar a súa casa e dinlle que só lle gardan a cama 3 días. O desenlace? Para non perder quenda pasa as fin de semana no seu fogar, volta a ingresar os domingos, e así transcorre xa máis dun mes.
Neste ínterin a súa muller, con certos problemas de saúde, chega ao borde da depresión. Varios dos fillos do matrimonio, que pediran días libres no choio, áchanse nun calexo.
Estas incidencias, amais, ocasionan non poucos gastos.
Se cadra é que a familia en cuestión descoñece que ten dereito a acudir a calquera centro sanitario privado e lle pasar a factura ao Sergas.
Total abonda con esperar 180 días e como o noso paciente xa leva unhos 40 de retraso, aconsellámoslle precisamente iso: paciencia.
E comprensión. Porque se non aforramos, como imos saír desta crise tan natural como unha pandemia das que nos azoutan hoxe?