ANTÓN BAAMONDE
Para que un país vaia ben é necesario que exista unha moral pública rigorosa, firme, inmune ás melopeas do diñeiro. Esa moral ha de encarnarse nos funcionarios, nos xuíces, na policía, en todos aqueles que están encargados de que se cumpran as regulacións da vida social. Eles han de manterse serenos no medio das tribulacións e evitar que a nave do estado perda o rumbo. Se eles fraquean o enteiro edifico social corre perigo de virse abaixo. Non hai máis que mirar para o sur de Italia, para esa Nápoles na que a Camorra institúe a súa lei, e para esa Roma dende a que Berlusconi goberna dende a trangallada e o desprezo ás regras.
De modo que hai que alegrarse de que nestes momentos estean entrando en prisión toda unha xeración de estafadores enriquecidos a costa do erario público. Esa circunstancia constitúe un serio aviso para todos aqueles que sintan a tentación de imitalos e, nese sentido, ten unha compoñente pedagóxica de primeiro orde. O título de Berlanga Todos ó cárcere vén que nin pintado para un país de novos ricos, no que a moral relaxada dos neo-pijos está tan estendida, e no que a trangallada e a borracheira de poder son o pan noso de cada día. Nun país así, que un lote de xente vaia á prisión a penar os seus delitos fortifica a confianza nas institucións.
Agora ben, non hai que chamarse a engano. Ao que estamos asistindo é, se hai sorte, ao final dun ciclo de irracional exuberancia económica, onde ata hai cinco minutos as fortunas que se facían comprando e vendendo pisos eran espectaculares, e os cartos dunha recualificación municipal podían alimentar xeracións de afortunados descendentes do delincuente inicial. Necesitamos unha moral pública, pero tamén necesitamos non rendernos ante os cantos de serea do capitalismo sen regras ao que lle vale todo, non importa a qué custes sociais.