ANTÓN BAAMONDE
AGalicia e a España que abominan do galego é a que é inimiga da diversidade, da pluralidade, da tolerancia. "A que despreza canto ignora" en frase de Antonio Machado. A que non entende que o bo de España é a súa pluralidade. A que, educada por Franco, segue pensando que o único idioma verdadeiro é o castelán e que hai que suprimir os outros, salvo para a poesía ou para falar na casa. Se realmente quixeran a España, e non estiveran enamorados do seu propio fanatismo, entenderían que a diversidade é un don, e que combatila é un pecado... pero esta xente non entende nada. Non dialoga, só sabe facer proselitismo. Inútil esperar por razóns equilibradas.
A defensa do galego, a oposición ao intento de liquidación que Feijóo e o seu goberno están poñendo en marcha, non é patrimonio dos nacionalistas, coma esa dereita interesadamente quere facer ver, senón que o galego é un patrimonio común de todos os galegos, independentemente da súa profesión, situación social, ideas, ou calquera outra característica idiosincrática que cadaquén poda ter.
Podes querer que o galego perdure se és castelán falante, se és inmigrante, católico, protestante ou xudeu, se che gusta fumar en pipa, ou eres abstemio, se amas o cine de terror ou fártaste de repetir as dos irmáns Marx ou as de Audrey Hepburn, se che da polo heavy, ou aínda andas nos Beatles. Se estás por Xoel López ou por Andres Calamaro. Se votas ou és do PP tamén podes estar pola defensa do galego. E por suposto se es castelán falante. Ao contrario: moitos queren que os seus fillos teñan esa oportunidade de coñecer o idioma do noso pasado e agardemos que tamén do noso futuro. Non se trata dun combate entre comunidades lingüísticas como estes energúmenos pretenden suxerir. Tampouco se trata dun combate entre os que queren a independencia de Galicia e os que queren que España sexa un estado federal, ou aqueles aos que lles gusta a cousa como está -a comunidade autónoma coas competencias de hoxe-. Todos poden querer o galego.Este é un país libre. Alguns tivemos ese entusiasmo: o da liberdade. Aos que pretenden a imposición do castelán non lembro que estiveran do mesmo lado. Moláballes o retrato de Franco. E o de Millán Astray, ao parecer.
Dinnos que o galego é unha imposición. Pero os mesmos que afirman iso de leis votadas por parlamentos democráticos -un detalle que solen esquecer- non teñen reparo en negar o dereito e a liberdade das mulleres a interromper o seu embarazo, nin erguen a voz porque non se poda escoller, nos centros privados e concertados, outra asignatura que relixión. É a Lei do Embudo. Un uso ventaxista dos conceptos. Falacias repetidas que acaban tomando corpo. Tamén nos aseguran que os dereitos son individuais, que non hai dereitos colectivos. ¿Sería bo que cada traballador negociase de modo individual co seu patrón?. ¿Non sería esa liberdade outro modo de consagrar o dereito do máis forte?.
Aqueles que son tan ciumentos dos dereitos dos pais ¿ignoran que a educación é un dereito que busca a igualdade de oportunidades e que os pais comenten un delito se non envían aos seus fillos á escola que é obligatoria e universal?. Ignoran que un pai non é libre para golpear ou maltratar ao seu fillo. ¿Que existe esa cousa, a lei, que regula as relacións sociais? Acaso os cínicos que falan de imposición do galego son anarquistas que pretenden a destrucción do Estado ? Ignoran que, en España, coñecer o castelán é un imperativo legal consagrado pola Constitución?. Non, non o ignoran. De feito, o fondo do seu argumento é ese: que só un idioma sexa de uso obrigatorio, e que os outros sexan optativos, que queden desprotexidos das leis que garantizaban a súa igualdade co castelán.
O que queren é a liquidación dos idiomas non casteláns porque, no seu delirio, razonan como aqueles independentistas que só conciben aos paises cun único idioma. No fondo pensan que o galego é un idioma estranxeiro... son fanáticos que se ignoran a si mesmos.