FELIPE SENÉN
Meteuse tanto a devoción e tanto se lle quere ó San Martín de Tours en Galiza que se fai pequeno, "Martiño", tamén magosteiro maior do comunal e parte íntima da casa. Noutrora venerado santo que xa foi máis do que hoxe é. Agora son os novos mitos e ritos do consumo os que mandan e teñen seus altares en lugar previlexiado. Santo con moita vida, obra, sermóns e milagres tras si, contados e divulgados polo aquitano Sulpicio Severo, imprescindible para adentrarse na cuestión priscilianista. Entre a xerarquía da corte celestial pode ser o San Martiño de Tours o que máis templos e altares teña dedicados no Vello Mundo e as súas reliquias espalladas, cristianizando aras paganas. Benquerido nas dióceses de Braga e de Ourense, cidade da que é padroeiro, celebrado cada 11 de novembro en festa sacroprofana de inciensos e órgano, de borrelas e pandeiros, os Magostos. Santo cabaleiro, patrón tamén dos teceláns, de Francia, de Hungría, de Utrech, Colonia, Bos Aires...
Contemporáneo da cinematográfica Hipatia de Alexandría: tempo de acordos e desacordos, de tribos heréticas, de mandamáis, de concilios, anatemas, queima duns libros e persecucións, para conformar a Igrexa, oficializala e facerse imperio. Parte da que Karlheinz Deschner chamou a Historia Criminal do Cristianismo. Nado nos primeiros anos do século IV na Panonia Húngara, camiños de oriente, de ricos antecedentes dacios, curmáns dos celtas. Como moitos viciños del e tamén como moitos galaicos sometidos polo imperio, fíxose mercenario, soldado romano no norte de Italia e na Galia céltica. No anecdotario da súa haxiografía queda o xesto, que se di acontecido en Amiens, de cando nun frío día rachou e repartiu a súa capa cun pobre eivado i espido... e logo milagre de térselle aparecido Cristo cuberto co anaco do manto entregado. Deixa a milicia pola misión cristiana de Hilario de Poitiers, para polo 370 ser bispo de Tours. Teimundo na persecución do priscilinaismo. Aínda pese a todo e mesmo ós desexos do bispo dos Límicos, Hidacio, co que se incirra por estas transixencias co herexiarca, tenta convencer, sen éxito, ó emperador Magno Clemente Máximo para evitar a execución de Prisciliano en Treveris. Logo conciliado con Hidacio ponlle freo ás persecucións dos priscilianistas. Morre en Candes (departamento de Indre e Loire, Francia), a finais do século IV. Seu exemplo transmítese: a misión de Bieito de Nursia, a quen tanto lle debe Europa, Galiza, e o humanismo, seguirá o exemplo dos seus predecesores.
A aureola nimbada de Ourense, na que aínda aniña o seu genius loci, a que tamén se fai roda de afiar polos camiños do mundo, acolle as reliquias de Martiño de Tours, para celebralo na súa Catedral: a súa imaxe de cadeirádego preside dende a súa cátedra de sabio o antolóxico retabo do século XVI, da autoría de Corniellis de Holanda. Filigrana flamenga en madeira sobreourada entre a que se enredan as oracións, os cavilares e o esplendor do outono. A Catedral de Ourense aproveita ó espíritu, nas súas acolledoras sombras e silenzos acougan ilustres pantasmas de todo tempo.
A devoción ao santo de Tours debeu chegar a Galiza por moitos camiños, mesmo por aqueles soldados galaicorromanos, camaradas que compartían milicia, compango e andanzas en favor dun imperio que mudara o lábaro do Senado e da liberdade de crenzas pola cruz e un monoteísmo seguido dunha ristra xerárquica de serviciales santos. Pero quen lle deu pulo e proveito á súa devoción foi, ó longo do século V, o tamén panonio e tocaio Martiño de Dume, vagamundos, formado nos eremitorios da Terra Santa, camiños que anos atrás andivera e describira a galega Exeria, e pouco despois Hidacio da Limia e Orosio de Braga, tras a misión de San Xerónimo , de San Agustín, Clemente de Alexandría..., Martiño de Dume era coñecedor e divulgador das reglas monásticas da Tebaida exipicia, autor da Sententiae Patrum egipteorum, seguidor do ronsel dos Pais da Igrexa. Así o recoñecerán no século VI Isidoro de Sevilla e Gregorio de Tours. Este noso Martiño vivirá odiseas, navigati , seguirá na tradición das que, polo mesmo tempo, caracterizaron ó irlandés San Brandán, repetindo as que na metade do primeiro século xa fixeran na barca pedra os dicípulos que transladaron o corpo do Apóstolo Xacobe, para arribar e facer misión en territorios de fondos herdos célticos, panteístas. Primeiro Martiño estivo nas Galias e finalmente desenvolve a súa misión na arriana Gallaecia Súevica. Labirínticos confíns de magos nos que escintila o exemplo de Martiño de Tours fronte ó o priscilianismo que sintetiza paganismo, animismo, culto á vida, ás vellas tradicións en relación cos Catro Elementos: auga, terra, lume e aire... cos agoiros e a bruxería, onde a cara de Deus figúrase en cosmogonías e ritmos xeométricos. Perto da cidade romana de Braga, en Dume funda o seu mosteiro que anova o orientalismo. Orientarse é mirar a oriente. Dume adquirirá a categoría de diócese e a súa sona deixa sementeira de humanismo polos vellos camiños que serán ribeiras sacras e vales de silencio. O Dumiense inflúe na conversión do arriano Carriarico invocando a San Martiño de Tours pola curación do seu fillo, i erixirá e consagrará templos para a súa veneración, entre eles basíslica en Ourense apud aquas calidas din os documentos. Polo 560, e poida ser que polas afindades danubianas, orixes comúns centroeuropeas, enténdese e consigue que o rei o suevo Teodomiro deixe o arriarismo e tome o cristianismo. As dióceses de Braga e Dume chegan a centrarse na súa persoa, autor do De Correctione Rusticorum, para acabar cos vellos cultos ás fontes, ós rios, ás penedas, ós astros... persisitirá con teimosía sobre o priscilianismo, en que os nomes da semana e dos astros deixen de levar os de deuses romanos... e así se segue en Portugal, onde levan o nome de "feira".
Martín que veu da Panonia, que pasou polos eremitorios de Exipto, Xudea, Siria... que chegou até a Galia e Galiza, onde fixo nova misión de mago, xa dende aquela era coñecido como o "Apóstolo de Galicia", morre a finais do século VI, para ser enterrado en Dume, Braga. Recentemente un meritorio traballo da Universidade do Minho, dirixido polo arqueólogo Luis Fontes, rescata o interese arqueolóxico baixo o piso da actual igrexa de Dume e aplica un atractivo proxecto museolóxico: restos de época romana, da antiga igrexa sueva, co rescate e recolocación do túmulo, que no 1919 e tras varios intentos de levalo a Mondoñedo pasará a Braga, onde estivo exposto no Museo Diogo de Sousa. Alguén quixo entender seu testamento e labrou no túmulo o expresivo resumo de canto aquí decimos: "Nado na Panonia, cheguei atravesando os anchos mares e arrastrado por un instinto divino, a esta terra galega, que me acolleu no seu colo. Fun consagrado bispo nesta igrexa túa, ou glorioso confesor San Martín!; restaurei a relixión e as cousas sagradas, e habéndome esforzado por seguir as túas pegadas, eu, o teu servidor Martín, que teño o teu nome, pero non os teus méritos, descanso aquí na paz de Cristo".
Cando abre novembro en ouros e viño novo, Ourense i estes confíns celebran a ambos os dous santos martiños e fano con festa sacra e profana de misas solemnes, inciensos e tamén magostos de lume, castañas e viño novo: Sursum corda.
Felipe Senén É Museólogo E Técnico De Xestión Cultural