EN DIRECTO
segunda feira

O poeta das masas

 04:33  

X.L. MÉNDEZ FERRÍN A Academia fixo homenaxe a Ramón Cabanillas e eses días atrás lembráronse do poeta, que fora funcionario municipal, os que hoxe defenden a lingua no ámeto local da administración pública. Unha xeira densa de actos sobre Cabanillas fóronse sucedendo ao longo do ano en Cambados. É o caso que o autor de Da terra asoballada morreu, hai agora cincuenta anos, no 1959. Se volto a vista á miña mocidade vexo que Ramón Cabanillas sempre estivo alí e onde eu estaba sempre había xente que falaba del. No Bacharelato, Juan Vidal Fraga contábame cousas ocultas sobre o nacemento e vida de Cabanillas. Posibelmente o primeiro libro de Cabanillas que chegou ás miñas mans e que merquei cos meus cartos foi Antífona da Cantiga, recén editada por Galaxia. Cabanillas foi coroado de loureiro en Padrón e eu, ben mozo, estiven alí e vin o poeta engurradiño e emocionado, mormente durante a oración xenial de Otero Pedrayo e durante o recitado glorioso de Iglesia Alvariño. O Espolón estaba acugulado de xente e aquilo foi un acto poético e galeguista de masas que nunca esquencerei. O seu enterro constituiu unha manifestación de sentemento popular e foron varios os mozos da nova xeración literaria e política os que se turnaron para levar o caixón dos seus restos. Un ano máis tarde, no 60, volveu o pobo a Cambados para se concentrar na inauguración do monolito que recorda Cabanillas no seu Cambados pobre, fidalgo e soñador. Aquel día reuniuse a Academia Galega nun cine encheito de xente emocionada e a memoria, selectiva, ponme diante a figura ergueita de Bouza Brey a recitar unha elexía memorábel. Agora eu relembro, moi especialmente, a homenaxe a Cabanillas feita por Brais Pinto en Madrid hai tamén cincuenta anos, porque nela participou Xosé Fernández Ferreiro de quen falabamos sexta feira pasada.

En tempos chamóuselle a Cabanillas Poeta da Raza. Eran días nos que Antonio Machado usaba moito de expresións como el macizo de la Raza que logo adoptaría Ridruejo na súa vida antifranquista. O da raza desapareceu da lingua democrática pro o poeta seguiu séndoo de Masas e Nacional. Resulta que Cabanillas é un autor moi querido porque soubo coma ningún darlles forma aos desexos e vivencias de moitos e, por veces, contradictorios sectores e tendencias. Forma que, en todo caso, é nacionalista.

Poeta cristián, por Cabanillas sentíronse representados os crentes capaces de selo ao mesmo tempo que republicanos e homes e mulleres ceibes. Revolucionario agrarista, mesmo traductor da Internacional ao galego, Cabanillas foi e é sentido como propio polas persoas de esquerdas. Patriota, Cabanillas é quen introduciu nas nosas letras a bandeira azul e branca e non hai nacionalista que non vibrase nalgún intre cos seus versos de combate. Xardineiro do idioma, os que estudan este e tratan de aperfeizoalo notan no poeta de Cambados un mestre e un guía. Somos moitos os que cremos que a lingua de Ramón Cabanillas representa o modelo do galego literario contemporáneo.

Nota histórica: Manuel Antonio no seu manifesto vangardista Máis alá toma distancias xeracionais e radicais a respecto de Rosalía, Curros e Pondal, por non falar da aversión que amosa polo Valle-Inclán modernista. Alónxase Manuel Antonio de Ramón Cabanillas dunha forma explícita? Non.

  HEMEROTECA

Sigue las noticias de A Coruña en:

FacebookTuentiYoutubeTwittertwitter deprotesFlickr Google plus
CONÓZCANOS: CONTACTO | LA OPINIÓN A CORUÑA | LOCALIZACIÓN | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
laopinióncoruña.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de laopinióncoruña.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
Adaptado a la Ley de Protección de Datos por
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Faro de Vigo  | Información  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya