Aquí vai haber algo máis que palabras?: ameaza e prólogo de pasar á agresión física que me veu ao recordo, lembrando tempos da miña infancia, ben entendido que a imitación desta linguaxe de adultos non a faciamos as nenas e si os rapaces en fase de autoafirmación masculin(ist)a. "¡Pois vamos á Muralla!": terríbel desafío xa explícito, na cidade de Lugo, que é onde nacín e que estou agora a rememorar: ir á Muralla significaba pelexa a toda máquina, mellor dito, a todo puñetazo... Mais non vou abusar da paciencia das leitoras e dos leitores que espero ter co relato de aventuras infantís. Si vou falar de palabras actuais e de como elas se poden retorcer e tamén inventar.

Comezarei por isto último. Un meu colega e eu somos moi amigos de inventarmos palabras, ou de facermos compostos sofisticados ou de andar a romper a norma convencional. Pura divertición. Os termos que agora propoño xa os defendo (a ousadía non ten límites!) non como divertimento senón como "complemento" semántico, con razón de ser de seu. Vaiamos con eles. Un é desdoer: non é o mesmo que sandar nen é o mesmo que a ausencia de dor. É esa sensación tan agradábel -no físico, no psíquico tamén- que experimentamos cando algo que doeu vai remetendo, vai aliviando a súa presión e xa nos consola a respeito da dor maior que padecéramos. Un outro é desquerer, que non se pode ecuacionar a odiar, nen a detestar nen a repudiar: significa a perda paulatina dun afecto, dun afán. En fin, remato con outra proposta: face ao existente "intemporal", que adoito se aplica ao válido en moitas épocas diferentes ou sempre, postulo o emprego de pantemporal (a poesía de Rosalía de Castro, a música de Beethoven...), porque todo o humano se desenvolve no tempo, nun(s) tempo(s) dado(s), non fóra del(es).

Todo isto, naturalmente, é un xogo inocente. Non ten en troca nada de inocente nen de rotineiro o uso racista (e léase o adxectivo como denotativo, non como hipérbole grandilocuente) que desde cargos públicos españois e desde meios de comunicación igualmente españois se está a facer impunemente do termo "gallego". "Feijóo es muy gallego, en el sentido peyorativo de la palabra", ornea dona Rosa Díez, deputada do Congreso. En artigo recente, Manuel Rivas referíase a esta sentenza, dita con toda a naturalidade, con todo o españolísimo desparpajo que caracteriza os parlamentos desta señora, cuxo cargo pagamos todos nós. Non vou repetir os argumentos do escritor, que disecciona finamente semellante ex-abrupto. Si vou recordar a impunidade con que se poden proferir semellantes barbaridades, sen que o nomeado pareza darse por inteirado nen a institución que preside ou o Parlamento que o investiu como tal. ¿Que barafunda non se armaría se alguén ousase dicer: "O presidente dos USA, negro, con perdón"? ¿Que tal se identificamos a señora Díez como española, no sentido imperialista do termo? Cheira a podre e a vello... Como se non lembrásemos, en tempos recentes, a conversión de Mario Conde de xoia da banca española a "banquero gallego" nas súas horas baixas. Como se non coñecésemos toda a inmunda literatura anti-galega, dunha xenofobia como non se aplicou a nengún outro povo da Península, centenaria, desde o século XVI até os nosos días, como se ve, non casual, perfeitamente funcional a un propósito de exterminio, prologado por burla inmisericorde.

Pouca mágoa me dan "gallegos a la española" (Raxoi, Feixoo), porque cando son alcumados de "gallegos" polos mesmos a quen serven, están a actualizar nas súas persoas a sentenza clásica: Roma non paga traidores... Tantos esforzos por seren españois homologados e, aínda, españois de primeira, para acabaren sendo "gallegos", isto é, fóra do mapa da castiza España cañí, sexa polo seu sotaque, a súa fonética, a súa suposta indecisión ou a súa particular caracteroloxía... E se digo e escrebo Raxoi ou Feixoo é porque son partidaria da ortografía e da ortofonía, en calquer lingua, a comezar, por suposto, pola nosa: mal que lles pese, levan a galeguidade inscrita, insculpida, no seu proprio nome. Quererán ser mulatos: son negros desclasados.

Haberá quen diga: por palabras non imos discutir. Respondereille coa autoridade de Castelao: "Non, non imos tarifar por palabras, mais podemos reñer pola intención que se oculta detrás de cada palabra e nas nosas non hai intención oculta, non hai malicias nen reticencias. Falamos claro e propomos que só se usen vocábulos inequívocos porque se non os ignorantes das cousas de Hespaña poden crer que Galiza é unha rexión de Castela e que o idioma galego é un dialecto do castellano, unha corrupción da lingua oficial de España". De Xullo de 1944, en que estas palabras foron proferidas, en célebre discurso en Bs. Aires, ao outono de 2009 van nada máis e nada menos que 75 anos: ¡dá xenio comprobar canto avanzou España a xulgar por algúns ou algunhas dos que se erixen en portavoces seus! Deus nos libre!