EN DIRECTO
pro domo nostra

A voltas co idioma

 

RAMÓN FARRÉ Avoltas co idioma, lin nestes días senllos artigos de Marina Mayoral e de Xesús Alonso Montero. Ao referir a súa contrariada experiencia nunha recente visita a Vigo, laiábase a profesora mindoniense de non ter atopado naquela cidade a necesaria disposición para atendela en galego cando ela o pretendera. Asemade, remataba o seu escrito cunha imprecisa -e magoada- conclusión pesimista. Coincidimos moitos nese pesimismo, pero non todos tentamos explicalo da mesma maneira. Aínda hai quen fala, con elemental fachenda vaticanista, de antagonismo dos mundos rural e urbano, de autoodio, de diglosia, de linguas A e B, da aleve teima fuxidía dos que se instalan ás carreiras na lingua do éxito? Aínda hai quen así fala, do ben e do mal, da gracia e do pecado, compracido por esquencer -ou por ocultar- que, mesmo expulsada da casa e dos eidos, teríase quebrado a transmisión interxeneracional dunha lingua que en tempos menos propicios resistira por séculos como lingua familiar, do fogar e dos afectos. Periga a vida do galego porque non está asegurada a súa renovación. Morre pouco a pouco, e as teses do franquismo residual ou da inferioridade das linguas campesiñas non parecen hoxendía explicacións dabondo. Malia a discriminación positiva, verdadeiro "oficio de tinieblas" moitas veces, na desafección dos seus, vive o galego unha morte anunciada. Tamén eu son da Mariña, coma a Sra. Mayoral. No meu caso, de Burela, un dos concellos máis desenvolvidos e máis ricos segundo todos os índices que de cando en vez publican as enquisas. Pode que máis que Vigo. Aló fun noutronte e puiden comprobar -por si non o soupera- que, agás a construcción un chisco retraída, na vila, crioula e mestiza, aberta, esforzada e traballadora, mantense a prosperidade e o galego é un idioma vigoroso e habitual en tódalas situacións comunicativas. Fora por ver un amigo. Un amigo que o é dende hai sesenta anos e que se fixo, nese tempo, unha das figuras máis populares da paisaxe que vai de Viveiro a Ribadeo. El é Juan José Jul, un home que, sin moita instrucción escolar, soupo aprender de todo: de motores e de mobles, de nogueiras canadianas, de cas e de farias, de corvos faladores e de perigosas serpes, gravemente melómanas... Ciclista impenitente, campión de tiro? Aos oito anos xa cielorrasaba e sabía que na madeira chántanse mellor as puntas ensebadas? Moi atento ao mundo, ás xentes e aos océanos, anduvo el de aquí para acolá como mecánico mariño: Cádiz, Cartaxena? Nova Iorque? Nas Torres Xemelgas mercara unha harmónica que garda con mimo de virtuoso? Ata que algunha emoción lle entrecortara o alento, con ela interpretou onte para min Adiós Pampa mía? Porque Juan José é tamén un resucitado ao que hai catro meses un despiadado turismo entolecido -a 160 kms/h-, que puidera telo esmagado, soamente lle partira o corpo todo cando, nun tractoriño con remolque que el ensamblara, atravesaba a estrada de Riocobo co propósito de apañar en Castelo a leña que fixera das árbores abatidas polo Klaus. Na compaña da súa familia -muller, fillas, xenros e netos- para a que consigueu o benestar e a formación académica que a vida lle escatimara, a xornada transcurreu enteiriña nun galego fluido e variado, preciso, engaiolador e noso. Auténtico, coma o anfitrión. Isto foi onte, como digo, pero máis antes, no tempo no que eles acadaran a gloria do goberno, os lugrumantes, armados da IDENTIDADE e da LINGUA e da PATRIA -todas elas, unha e súa- deran en ameazar a quen non fixera pública profesión da lugrumancia, a quen non se declarase rendeiro seu. Mesmo ao conselleiro Méndez fóralle moita hora. Pois ben, naquel tempo, cando o asalto institucional era a angueira dos sectarios, a rentes da mesa que ocupaba nun intre de lecer, alguén lle sentira a un deles -prócer moi resolto e recoñecido- pedir calamares fritos para convidar, solermiño e tenro, á súa familia -muller e filliña-. E iso, anque a carta da Bodeguilla de San Lázaro ofrecera "luriñas fritidas". "Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra". E sei tamén que non están os vicios -nin as virtudes- nas linguas senón nas persoas. Elas dignifican as linguas, elas as degradan. E de seguro que non é o meu amigo quen tería máis responsabilidade neste asunto. Non é el un irresponsable, un toleirón, un poucarroupa, un furafollas. Moito menos un arrenegado ou un fascista. Non teño eu varinha de condâo e aínda sin ela sospeito que despois de trinta e tantos anos, han ser outras as causas que levaron ao galego a esta situación dramática que Alonso Montero anticipara. Se cadra, ten moito que ver coa impostura que el mesmo denuncia no artigo ao que me referira no comenzo. Entregámoslles a vida -entregámosllela enteira- a uns inmerecentes "monicreques" que, tendo a obriga de recompoñelo e agarimalo por amoroso respecto, de seducir irresistiblemente, fixeran do galego unha lingua para lamber. Porén non precisaban aprendelo. Non pensaban falalo. Abondaría con algunha consigna rendible. Pode que algunhas preces formularias e campás -moitísimas campás- tamén fosen necesarias para que os cidadáns ficaran nos biosbardos. Os lambós, outra nobreza e outro clero, do galego fixeran despois lingua propia -da súa propiedade-, a un tempo máscara e coartada de falcatruas rituais, rutinaria liturxia que velara a impostura. Se cadra, ese galego inicuo, agochado e lambón, sin pulso e sin verdade, ese galego litúrxico e inauténtico, a nova fe que os presbíteros quixeran impor a cristazos ten sido unha formidable factoría de apóstatas.

  HEMEROTECA

Sigue las noticias de A Coruña en:

FacebookTuentiYoutubeTwittertwitter deprotesFlickr Google plus
CONÓZCANOS: CONTACTO | LA OPINIÓN A CORUÑA | LOCALIZACIÓN | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
laopinióncoruña.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de laopinióncoruña.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
Adaptado a la Ley de Protección de Datos por
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Faro de Vigo  | Información  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya