LINO BRAXE
Desde logo cada día comprendo menos cara onde camiña a nosa civilización. Hai un programa de televisión no que Belén Esteban fala todos os días, xa saben a ex de Jesulín de Ubrique. Ata aí, todo pode ter unha lóxica. A guerra das audiencias e todas esas cousas. O grave é que ese programa reciba un dos Premios Ondas deste ano. A verdade non acredito. Parece un chiste, un mal chiste. E, agora, unha compañeira de traballo dime que xa existe outro programa de televisión no que o protagonista absoluto é Jesulín. Definitivamente, o mal gosto instalouse nas nosas vidas e vai ser moi difícil erradicalo. Belén e Jesulín xorden da nada, aparecen de súbito diante dos nosos ollos porque teñen un divorcio sonado e ponto. Onde están os méritos para a súa popularidade? Tampouco podemos dicir que Jesulín sexa un gran toureiro. Son misterios da condición humana. Lémbranme a eses políticos que proceden da máis absoluta das nadas e acadan nunhas semanas unha popularidade brutal. Do anonimato ao poder. Por non falar dos que, cando cumpren o seu soño de tomar posesión do sillón de alcalde ou presidente, esquecen todas as promesas e boas intencións polas que foron elexidos. Ademais, os políticos xogan con desvantaxe, non saben o que lles agarda ata que xa están metidos na noria do peloteo. Quero dicir, pensaron vostedes algunha vez na cantidade de asesores e achegados que manteñen para co seu líder unha actitud servil e pelota? Estes sambesugas chúchanlle o sangue ao seu superior mentres este permanece no poder. Dedícanlles afagos e agasallos para lograr que a vítima de turno se convirta nun cego. Hai que ter unha pasta especial para non sucumbir aos alambicados peloteos destes cortesanos que levan séculos, de xeración en xeración, exercendo este incalificable oficio. Como di un amigo meu "eu non quero ser o que corta a cinta que inaugura un pantano, eu quero ser un dos que están detrás do que corta a cinta e que, pasados os anos, seguirá saíndo na fotografía, mentres que o que corta a cinta xa estará prexubilado na súa casa". Por non falar de estética. Ver ás súas señorías tomándose algo no bar do Congreso ou do Senado é como ir a unha praia nudista. Na praia nudista todos levan o mesmo bañador e no bar das Cortes todos usan o mesmo tipo de traxe. Falan mal da mocidade e do seu xeito de vestir e non se decatan de que eles non fan nada para influenciar nos máis novos. O seu modelo estético está obsoleto. Porque hai traxes e traxes. Eu son de traxe, pero non dos dese tipo. Poslles gafas de sol e todos parecen da mafia ou da camorra. Pero claro, o asesor de turno xamais llelo dirá porque prefire que a sinfonía do poder siga sonando, aínda que cada día soe máis desafinada e a cidadanía desexe mudar esta orquestra do desatino canto antes. Agardemos que Belén Esteban non fiche por un partido político. Seguro que sae. Xa se sabe que a estética populacheira arrasa como sustituta dos valores, a moral e as ideas. Estamos condenados ao nudismo ou ao traxe de CQC.