AGUSTÍN RODRÍGUEZ CAAMAÑO
F inou recentemente o profesor coruñés que adicou a súa vida ao ensino con salientada vocación, eficiencia e xenerosidade. A súa morte pillounos de sorpresa e mergullounos a amigos, familia, e moitas xeneracións agradecidas de ex alumnos, nunha mágoa común. Foi Miguel Longo Formoso unha persoa singular: boa, intelixente, con vocacional curiosidade intelectual en varias polas do saber; grande tenacidade e seriedade no conxunto do seu percorrido vital. Emporiso a docencia ocupou o tempo meirande, o tempo de máis luminarias, abrindo enriquecedores vieiros que axudaron a centos de discípulos pouco estudosos; se cadra pouco estimulados, a levanta-la cabeza. Don Miguel Longo foi tamén un sensible psicólogo que fixo crer nas capacidades persoales e acadou cambios extraordinarios en moitos estudantes/as; por iso resultou unha verdadeira procesión de ex alumnos anónimos os que acudiron a expresaren a súa dor e agradecemento á familia Longo González. Pero hai algo máis: Miguelón (desta maneira chamáronlle agarimosamente , en privado, algunhas xeneracións), co seu espirito xeneroso, non cobraba aos estudantes necesitados. A outros alumnos convencíaos para aproveitar o tempo baixo control os fins de semana; e por riba convidávaos a xantar, a carón do mar, na ribeira da Santa Cruz oleirense.
Ista solidaridade desinteresada tan humanitaria cecais teña orixe no exemplo de seu pai, Marcelino Longo Goris, maquinista de motores de navíos, republicano de esquerdas; pois durante a sublevación militar incivilizada de 1936, con compañeirismo inquebrantable salvou vidas que rastreaban os vampiros fascistas; supervivencias grazas ás ocultacións no faiado da súa casa de Monelos ( A Coruña) con risco propio da familia Longo Formoso.
Miguel, aquel meniño espelido, viviu aquelas angurias e medos. E fixo de correo nas axudas para sobreviviren as familias dos republicanos demócratas fusilados, paseados, encarcelados, fuxidos e exiliados, na resistencia antifranquista que utilizou a nenos no chamado correo roxo. Por forza estas experiencias infantís tiveron que marcar para sempre unha ánima sensible, afervoada e idealista coma a súa.
Miguel Longo Formoso (1931-2009) era fillo de Marcelino e Manuela Formoso Figueroa, e resultou o benxamín de oito irmáns. O primeiro ensino cursouno na academia de Da Marina Nieto en Monelos; mestra recordada sempre polo noso amigo. (A casualidade fixo que a esta sobresaínte profesora fóralle aberta nestas datas unha rúa co seu nome polo Concello coruñés no territorio de Oza (Monelos) a instancia dos seus discípulos/as). Con doña Marina -da que era axudante e sustituto, Longo decía, anos despois, que o amor ao ensino tal vez lle viñera de esta experiencia da infancia- adquiriu Longo Formo unha sólida base que lle serviría de arranque brillante a partir do 1º curso do bacharelato de 7 anos e examen de Estado final que realizou no colexio Academia Galicia da Plaza Maestro Mateo de A Coruña; sendo o estudante máis admirado, querido, con máis senso, constante e intelixente daquelas xeneracións. Moi novo ingresou como profesor de matemáticas na Academia de onde procedía. E decontado empezaron as boas colleitas nas reválidas naquel centro escolar que dirixía D. Carlos Seoane. Máis tarde foi director da Academia Séneca ata a súa xubilación, onde acadou xusta sona que pervivirá moito tempo.
O autor desta columna coñeceu a M.L.F. hai máis de 6 décadas. Ninguén sabía das súas capacidades. Estouno vendo no enceto do curso primeiro de bacharelato: serio, grande no físico (como o apelido) que sorprendeu e destacou, ben logo, nas oito materias naquel Plan da posguerra civil para uns rapaciños de dez anos. M.L.F. foi dende aquel comenzo o primeiro matrícula merecedor e auténtico.
Mantuvemos sempre unha mutua empatía dende os dez anos. Miguel foi sempre un adiantado; un lector constante, con sutil curiosidade por canto tema esculcaba; un investigador, pois, riguroso, modesto e bohemio. Recordo, nunha pequena biblioteca que tiña meu pai, con doce anos leu a Ilíada e a Odisea, as dúas grandes epopeas homéricas da Antigüidade.
Miguel Longo Formoso é autor de varias biografías: do escritor Max Aub, do poeta Serafín Ferro, da actriz María Casares e outras. Colaborador durante os últimos anos na Revista anual de cultura do Concello da Coruña. E publicou dous ensaios moi demandados polos centros mundiais de investigación histórica: Cornide y la expedición de familias al río de la Plata y Expedición de familia a la Costa de los Mosquitos, merecentes de seren máis divulgadas e dunha versión galega. A nosa irmandade afectiva trascendeu co tempo á nosa familia. Temos compartido festas, moitas ilusións, pensamentos semellantes cando o retorno da democracia; ledicias e decepcións dos fatos políticos.
No meu afastamento de Galicia por razóns profesionais a miña primeira visita era sempre ao amigo e compañeiro verdadeiro. Recordo que vai facer 50 anos cando lle falei baixo a dictadura franquista, de Galicia como conxunto e do seu futuro; do xenocidio espiritual que se estaba a cometer co crime silandeiro da cultura propia. Miguel fitoume atentamente con cara apacible e comprensible, esbozou un sonriso e dende aquel intre o noso vehículo expresivo foi a fala das minorías cultas e a lingua orixinal e popular de todos os nosos ascendentes. A morte hai dez anos de Mari Carmen González Alonso, a súa muller, sumiu a M. Longo nunha pena insuperable. Illouse do mundo pero amortiguou a súa soedade e romanticismo cunha investigación histórica e creadora como un legado importante que demandan de moitas universidades do mundo. Para as súas fillas Elisa, Beatriz e Natacha, o mellor do mundo. Ben sabedes que o noso corazón está aberto esperándovos.