PLÁCIDO LIZANCOS
Venezuela e o seu mesiánico e bolivariano presidente Hugo Chávez están de actualidade. Deume un brinco ó corazón cando o vexo ameazar ó xigante Goliat, EEUU e que ía prender a guerra en todo o Continente americano e non ten sangue luso, que saibamos, andaluza, polo apelido, pode ser... Hoxe xa o vin máis tranquilo cando se referiu á destrución, por parte venezolana das dúas pontes, que unen, non separan, por riba de dous regatos ou regueiros, certas zonas rurais entre os dous países irmáns. Non pensedes que son pontes, por exemplo, coma a internacional de Tui, onde os nosos curmáns portugueses puxeron un letreiro na metade da ponte ó saíren de España, onde di: "aquí acábase o mundo mais empeza Portugal". Chavismo puro, fíxese e verá Ah! Os "irmáns" son os ingleses, segundo eles din.
Esas dúas, pequenas e estreitas, pontes son, chamaríamolles caseiras, artesanais, para non mollaren ós pés ó cruzaren mutuamente as fronteiras, porque existen os famosos "camiños verdes" que o presidente Chávez sabe ós que me refiro. Teño que ter coidado co que escribo del, pois teño un "contencioso" co querido país, e que posiblemente os anteriores cónsules Dr. Marco Antonio Angeli ou un dos ex compañeiros do presidente, o comandante Dn. Jesús Urdaneta, que me honraron coa súa amizade, mo tivesen solucionado, a pesar dos bos oficios que a eficiente secretaria do Consulado vigués Dona Delfina pon da súa parte. Quosque tandem? (ata cando?) Xa sei, presidente, que "aquila non capit muscas". (A aguia non caza moscas).
Creo que, grazas á Televisión Española na canle TVE, os españois saberán un pouco máis dese gran país, que é Venezuela, coa proxección da importante obra da literatura hispanoamericana, Doña Bárbara, levada á pantalla, e que está xa nos últimos capítulos, penso que o goberno venezolano debía solicitar, de novo, a súa reposición, porque, ó meu humilde entender, como estudoso da obra de Don Rómulo Gallegos, Doña Bárbara é un dos libros máis fermosos que perdurablemente vivirán, porque non se dixo sobre a alma rural venezolana nada máis belo. Doña Bárbara é un potente cadro naturalista, que fixo do nome de Gallegos un nome continental. Máis alá do símbolo, da loita da civilización coa barbarie, do tremendo proceso de domesticación e humanización da natureza de América que é, quizais, o primeiro dos problemas venezolanos. Doña Bárbara vén ser coma unha enorme epopea da chaira (os llanos) venezolana, da súa paisaxe implacable, dos seus inmensos ríos, das paixóns que alentan nas súas tremendas almas primitivas.
En 1929 aparece a súa novela Doña Bárbara que o fai famoso entre os escritores de fala hispana. É unha novela do home e da terra. Da civilización e da barbarie. Con Doña Bárbara chega Gallegos á súa creación suprema.
Foi proclamada axiña en España como a mellor novela do mes. En Doña Bárbara Gallegos chega á perfección da sinxeleza. A naturalidade sobreponse a todas as outras calidades da novela. Fai gala nas súas descricións e na pintura dos caracteres dun realismo inxenuo, difícil de encontrar noutro autor americano contemporáneo.
A trama da novela é á vez sinxela e orixinal: Bárbara é a rapaza mestiza e agraciada que viaxa nun bongo entre contrabandistas e salteadores (...) convértese en propietaria dun inmenso hato no que pululan os criminais e os ladróns (...) Poderosa e fermosa Doña Bárbara comete todos os asasinatos e roubos que se lle antollan, como vinganza a aquela sinistra acción na que perdeu a súa virxindade. Convértese nunha "devoradora de homes". E aparece Santos Luzardo que quere impor orde aínda que comprende que a "lei do llano" é outra: a violencia.
Sería extenso retratar aquí a cada un dos personaxes que interveñen nesta gran novela que é á vez novela realista e novela psicolóxica, novela de acción e novela de caracteres, son os caracteres que con tanta forza, con tanto vigor, sabe crear o novelista. Sería extenso describir os seus personaxes, Santos Luzardo, Marisela, Lorenzo Barquero, Ño Pernalete, Mujiquita....etc.
Pero si falaremos dun personaxe da novela, estranxeiro, Mr. Danger. Moitos non entenderían cando o Presidente Hugo Chávez lle chamaba ó Presidente Bush Mister Danger (Sr. perigo) Por que? A nota exótica constitúea esta figura de Mister Danger, americano do norte, con aspecto de típico aventureiro e que, compenetrado coa rexión, eríxese nunha das súas tantas modalidades. A enerxía, a iniciativa que desprega, transfórmao nunha forza do "llano", (da extensa chaira). Ante el xogan o seu destino o complexo de inferioridade dos homes venezolanos e xorde o prestixio do estranxeiro para medrar a costa desa situación. As artes de Mister Danger son as dun típico home de presa, coa vantaxe sobre este da innata protección que recibe das autoridades como estraño. Ante a expresión salvaxe e bárbara da rexión, Mister Danger aporta toda a súa, que é máis forte. El mesmo é unha forza na que se explican mil e un problemas venezolanos. Ante a ignorancia e as bondades do home venezolano, Mister Danger ten a dureza da súa ambición e a solercia (astucia) da súa intelixencia.
Gallegos ten aquí un enxuizamento crítico a ese complexo venezolano que se empequenece ante o estranxeiro Mister Danger. Esperta na ficción unha reflexión dunha imaxe moi familiar na América. Comprende agora por que chamaba Hugo Chávez a Bush?
Outro personaxe Ño Pernalete é outra admirable creación de Gallegos. É a figura do mandón fronte ó intelectual, instrumento e azote da civilización.
E nos nosos días aparece o providencial presidente Hugo Chávez para liberar de tantos Mister Danger unha terra irredenta "onde unha xente boa ama, sofre e espera", como remata a novela, e segue esperando.