Das noticias máis desacougantes dos últimos tempos -descontando a torpeza da ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde, que aínda que sexa para estremecerse, non é noticia- son as informacións sobre corrupción urbanística, desde a presunta de Santa Coloma de Gramenet, que cada día incha máis, ata a que parece estar detrás do asasinato do alcalde de Polop, parece ser que inducido polo responsable de urbanismo que o sucedeu na alcaldía. Contra o que di Zapatero, que as corrupcións urbanísticas que saen á luz proban que o sistema funciona, o único que proban é que o sistema é incapaz de impedir as corrupcións urbanísticas. E menos cando as medidas que se propoñen por un lado chaman á ética, e por outro supoñen un reforzo da discrecionalidade municipal.

"Os corruptos saben moi ben que as súas operacións non son éticas, o que lles pode é a súa paixón por gañar diñeiro. Quen falta á ética non necesita un curso teórico sobre ela: só o medo aos xornalistas e aos xuíces evitará a corrupción", dicía xa hai quince anos o banqueiro Luís Valls Taberner. Desde entón, non parece que teña medrado nin a ética, nin o medo á prensa ou aos xuíces. No que se refire á prensa, reparen no que este periódico vén publicando sobre as operacións urbanísticas na zona que ben poderiamos chamar o Triángulo dos Apaños. Como saberán, quitado que coñezan este xornal porque lle veu cun cartucho das castañas, o goberno local, socialista/nacionalista asinou hai uns días un convenio cos promotores A, B e C polo que un millón de metros cadrados de solo rústico pasan a ser urbanizables, e de valer catro euros o metro a valer 222 euros. A pesar de que A, B e C aseguran que son propietarios de máis da metade dos terreos, non teñen rexistrado todo, circunstancia que non impide crelos, de entrada porque é xente seria, e de saída porque moito debérono comprar hai pouco, por exemplo cando no PXOM que o Concello que enviou á Xunta as terras soamente tiñan aproveitamento e prezo agrícolas. A cambio, A, B e C farán un parque e unha cidade da tecnoloxía que meterá medo (e que se ignoraba que se necesitara).

Xusto ao lado, o anterior goberno municipal, socialista/lerrouxista, xa lle outorgara en 2003 ao citado empresario A a concesión para executar de forma privada o polígono de Vío, 700.000 metros cadrados que, segundo destacaba entón o alcalde Vázquez, esgotaba a bolsa de chan comercial da cidade. Non era así, claro, porque en 2007, os devanditos A e B, xunto co irmán de C, obtiñan permiso municipal para erguer, na Grela, neste triángulo fértil e eréctil, un macrocentro comercial, Marineda Plaza, nunha superficie duns 100.000 metros cadrados adquirida en parte coa familia política do alcalde como intermediarios. O concello declarou os terreos zona urbana consolidada, a pesar da rusticidade evidente de boa parte dela e dunha sentencia que negaba tal carácter a unha parcela colindante, co que A, B e o irmán de C aforráronse os gastos de urbanizalos. Ata conseguiron que se desviase a Terceira Ronda. A oposición non piou en ningún dos casos, pero resolverá todo en canto logre a imprescindible recuperación do L.

Non digo que nada disto sexa ilegal, e menos que, de selo, se fixese a cambio de cartos. O curioso é que o libre mercado será libre, pero sempre ganan os mesmos. E, como pasa nese conglomerado Pocomaco-Vío-Novo Mesoiro-Coliseum-Carrefour-ExpoCoruña-EspacioCoruña-e-o-que-veña, todo cun carril como único acceso, logo hai atascos e hai que esixir que se fagan rondas e rotondas con fondos públicos. Como di un coñecido meu, habitual dos preitos, de gañar xa non digo nada, pero polo menos empatar algunha vez.