Aínda que non serva de nada, ou serva de ben pouco, escribo hoxe a palabra hurria (independencia, en saharauí). Escríboa pra amosarlle a Aminetu Haidar e ó seu pobo a miña solidariedade coa súa talab (reivindicación), a miña admiración pola súa tam-ma (perseveranza), e o meu desexo de que o seu helem (soño) se cumpra.

Mais tamén quero matinar hoxe sobre a actitude dalgúns dos colectivos, dalgúns dos persoeiros que están a apoiar a súa causa. Unha actitude nobre, abofé; loable, abofé, pero que, dende o meu punto de vista, entraña unha certa contradición: a do distingo que fan entre os pobos que, segundo iles si teñen dereito a conformarse coma nación e os que non a teñen.

Non falo por falar. Sei, por experiencia propia, que aló no Centro, pra alén da Raia, hai un tema ben espiñento que é mellor non traer a colación: o da posibilidade de que, algún día, Galiza, Euskadi e Catalunya rexan cadanseus destinos sen ningunha atadura. Os máis dos creadores, dos intelectuais, dos políticos, dos activistas da suposta esquerda española apoian abertamente a causa do pobo tibetano, a do pobo irlandés ou a do pobo palestino igual que apoian a do pobo saharauí. Pero, ai: non se che ocorra amentarlles a dos galegos (ises burricáns), nin a dos cataláns (ises aproveitados) e moito menos a dos vascos (ises terroristas). Pra iles os casos dos uns e dos outros non son parangonables, cando o certo é que, de seu, calquera pobo cunha historia, unha lingua e unha cultura propia ten o mesmo dereito innegable a independizarse e conformar outro país, se así o decide a meirande parte da súa poboación. Ou mellor aínda: calquera outra clase de comunidade humana que non sexa nin un Reino nin unha República: ningunha caste de Estado.

Un país invadido éche un país invadido, e abure. E o feito de que xa pasaran cincuenta, cen ou catrocentos anos dende aquela non lexitima a súa colonización. Un proceso que, ademais, como se viu centos de veces ó longo da Historia, sempre segue o mesmo patrón: ocupación do territorio "anexionado"; usurpación dos poderes e dos cargos dos invadidos polos invasores, e prohibición da cultura, da lingua, da relixión, etc. dos explotados polos explotadores. Así que, vistas así as cousas, como realmente cómpre velas, explíquenme vostedes: Qué diferenza hai entre a "doma e castración" á que está sendo sometido o pobo tibetano ou o pobo saharauí e a que impuxeron os reis de España ó pobo galego ou ó pobo catalán? Ningunha, xaora, agás a do tempo transcorrido. E aínda que a houbese. Se algún día -insisto- os galegos, os vascos e os cataláns deciden por maioría e, por suposto, de maneira pacífica e democrática, separarse de España, quén terá daquela a lexitimidade moral de impedírllelo? Qué Lex poderá negarlle ise dereito que, na miña opinión, está por enriba de calquera lei? A Constitución Española de 1978, creada, efectivamente, só coma norma de transición (xa caduca, xa inservible), e que se entón saíu aprobada foi, precisamente, porque os galegos, os vascos e os cataláns a votaron pra evitaren un mal aínda mor?

Non, digan o que digan o Rei ou a FAES, o PSOE ou o PP, El Mundo ou La Razón, nada nin ninguén pode coutar a arela de liberdade de ningún pobo. E se poden, se, chegado de novo o momento, volven vir por nós e mandarnos o seu exército, daquela berraremos o que Haidar e Castelao: Denantes mortos que escravos.

P.S. En rematando iste artigo, e pouco antes de reenviarllo ó xornal, sei, por unha banda, da frustrada tentantiva do Goberno español por devolver a Aminetu Haidar cas súa, onda a súa Familia (que, en realidade, é todo o seu pobo), e temo seriamente pola súa vida. E, por outra, leo, sen o menor abraio, os resultados da enquisa que publica hoxe El País, os cales demostran xusto o que veño de aseverar.

Case que oito de cada dez españois está a favor de que se modifique a Constitución, mais, sobre todo, a prol dunha emenda rotunda pra "regularen" o uso do galego, do éuscaro e do catalán (ou sexa, pra evitaren a súa "obrigatoriedade") xa que, a diferenza do Sahara, do Tíbet ou de Nunavut, Galiza, Euskadi e Catalunya non son "nacións históricas", e, daquela, os seus habitantes non teñen ningún dereito a coñecer, falar, aprender, difundir, defender ou (no noso caso concreto, o dos galegos, salvar) as súas culturas e os seus idiomas. Xa o ven.