X.L. MÉNDEZ FERRÍN
Amediados do século XX era cousa corrente que estudantes galegos de brillo, ao se licenciaren escollesen o camiño da emigración apremidos dun certo noxo polo estado de cousas vixente en España. A BBC de Londres, as organizacións internacionais, as universidades norteamericanas ou as Nacións Unidas eran destinos habituais destas persoas que escollían á súa maneira a liberdade e un certo exilio voluntario. Algúns deles desconectáronse da súa patria orixinal pro outros, coma Xohán Anllo ou José Ángel Valente, permaneceron fieis á realidade orixinal e mesmo políticamente activos na disidencia antifranquista. Entre estes últimos encontrábase Fernando Pérez-Barreiro Nolla, que acaba de finar.
Licenciado en Dereito pola universidade compostelá, Pérez-Barreiro, logo de dubidar entre as oposicións en turno libre ou licenciarse no exercicio da avogacía seguindo os pasos do seu pai, colleu o camiño da emigración e foi dar aos programas da BBC e á Organización Mundial do Café. Casado coa escritora galega Teresa Barro, ambos arraizaron en Londres, cidade desde a que participaban nas tarefas do nacionalismo avanzado e nas angueiras da literatura en lingua galega.
Pérez-Barreiro pusuía pensamento propio e orixinal e tiña dotes de excelente prosista (e poeta) e orador galego. A súa condición de políglota levouno a exercitar arreo a traducción ao galego, incluíndo a traducción desde o chinés. Con todo, o seu labor de ensaísta e escritor de ficicións foi máis ben secreta. Teño entendido que deixou inéditas unhas voluminosas memorias que supoño que non tardarán en poder ser lidas e gozadas por nós. Pérez-Barreiro acumulaba en si todas as propiedades que debe reunir o bon memorialista: capacidade de lembrar con detalle, ideas propias desde as que xulgar o tempo vivido, independencia, distanciamento, intelixencia, ampla cultura e estilo persoal. Pouco antes de morrer, Pérez-Barreiro publicou, no tomo de homenaxe consagrado pola Facultade de Filoloxía de Compostela á figura histórica de Ramón Piñeiro, un ensaio crítico que todos os interesados na historia contemporánea do galeguismo deberían ler. Teño a impresión de que o exposto por Pérez-Barreiro en tal texto forma parte dalgún dos capítulos das súas memorias inéditas.
Coñecín a Pérez-Barreiro cando el andaba moito na compaña de López Nogueira, home da antropoloxía filosófica e inesquencíbel camarada, polas rúas e cafés da Compostela de 1956. No conxunto da xeración literaria chamada por Borobó "de La Noche", Pérez-Barreiro e López Nogueira, ambos ferroláns descaban e constituíanse en personalidades directoras e suxerentes. Especialmente para min, que era algo máis mozo ca eles. Cando entramos en contacto Pérez-Barreiro e máis eu, nun paseo pola Alameda de Santiago, fíxolle moita graza que eu lle falase dun libriño de fábulas galegas escrito polo seu pai, tamén chamado Fernando Pérez-Barreiro. Libro que, se mal no me lembro, levaba prólogo de don Ramón Otero Pedrayo.
Hai pouco tempo disertou Pérez-Barreiro no IEM, Gondomar. O seu discurso foi un modelo de precisión veraz e de elegancia oratoria. El achábase en plenitude das súas potencias intelectuais e o seu aspecto físico semellaba excelente. Eu sinto moito a morte de Fernando Pérez-Barreiro, non agardada.