ANTÓN BAAMONDE
Chega as miñas mans Represalia e desagravio dun médico lucense republicano, libro editado por Edicións do Castro a fins do ano que acabou e que narra as peripecias e a fidelidade á II República de Manuel María Díaz González, médico do concello lugués do Incio, galeguista e militante de Izquierda Republicana no momento en que foi asasinado polos fascistas -pola Escuadra Negra de Eirexalba- o 11 de setembro de 1936. O libro é unha vindicación e unha homenaxe, unha forma de recuperar a memoria por parte non só da sociedade en xeral, senón por parte da súa propia familia.
Todos sabemos que a transición foi produto dun pacto, dun acordo entre un franquismo que non tiña forza ou poder para perdurar e unha oposición democrática débil que tampouco podía forzar unha ruptura co réxime. Iso determinou que a memoria das atrocidades fose reprimida. Ademais, aínda que tiveran pasado corenta anos, en moitos casos os autores seguían vivos. A relación de forzas e a prudencia se aliaron para producir unha censura que nos últimos anos parece estarse levantando grazas a aprobación da Lei da Memoria e a unha sensibilidade social menos condicionada polo medo aos vellos fantasmas.
De feito, o libro parte dos recordos da familia reunidos polo autor, José Luís Díaz, médico mexicano especializado en Psicobioloxía, e sobriño do paseado. Resulta especialmente lacerante o relato dos últimos momentos do pequeno do Incio -ese era o alcume do deputado por Lugo- coas mans atadas á cola dun cabalo, exhibido en público coma un trofeo coa intención de aterrorizar, que solicita poder rezar e que realicen a descarga no momento de dicir "Xesús", presente e desesperada a súa irmá Lola. Non é raro que os descendentes dos agraviados contrasten os axustes co pasado de franceses e alemáns con España "onde os nomes dos que actuaron na ditadura seguen reptando a volta das esquinas".