XOÁN ABELEIRA
De onde provén a crueldade? Cal é a súa orixe? Por que ises dous irmaos ingleses, de apenas once e doce anos, torturaron e abusaron salvaxemente doutros dous rapaces, aínda máis pequenos ca iles, hai tan só unhas semanas? Por que ise oficial da cidade siberiana de Tomsk mallou brutalmente a un compatriota xornalista e, insatisfeito con iso, o sodomizou cun pau denantes de que finase dunha hemorraxia interna?
Os humanos, coma os demais seres vivos, coma a propia Natureza, temos as capacidades de crear e de matar, de construír e de destruír. Mais só nós somos quen de concibir unha crueldade. As torturas que, ó noso xuízo, infrinxen ás súas presas algúns animais (poñamos o picanzo vermello) non son senón o método que atopou a súa especie pra se alimentar e sobrevivir. E os desastres naturais, as calamidades que, cada vez con mor frecuencia, nos envía Gaia non son senón o seu xeito de auto regularse e/ou de restablecer o equilibrio universal que levamos séculos rompendo. Pero os homes e as mulleres que conformamos a Humanidade, por que cometemos tantos crimes, tantas barbaridades contra todo o que existe, incluídos nós mesmos/as? Por que A fita branca que os pastores alemáns lles poñían ós cativos pra lembrarlles o senso da inocencia e da pureza deveu trinta, corenta, cincuenta anos despois no brazalete vermello coa esvástica negra? Esa é xusto a pregunta que se fai e nos fai Michael Haneke coa súa película.
"Xogo ruín" titúlase un dos mellores poemas de Luís Pimentel: ise que fala daquil neno que lle pinchaba os ollos ós paxaros "e ríase de velos/ topar contra o valado"; aquil rapaz que "creceu e foi daqueles". Ben, pois diles, daquiles nenos que logo deviñeron en nazis, e do ambiente no que iles e os seus pais e os seus avós medraron, é do que trata esta fita.
Non estamos, secasí, perante a Novecento ou O a caída dos deuses do director austríaco. Non creo que Haneke pretenda explicar coa súa obra os motivos que provocaron as dúas guerras mundiais e a nacenza dos fascismos europeos. De feito, os espectadores saímos coas mesmas dúbidas coas que quedou o profesor/narrador "despois daquilo", sen resolver de todo o misterio de "tan desacougantes sucesos". Repito, en troques, que a auténtica cuestión desta auténtica obra mestra (comparable ás vellas películas que aínda nos recordan en qué consistía o cine) é de índole metafísica. E a resposta de Haneke non pode ser máis clara: "Ben infeliz has ser -dille a amante/ama de chaves/cadela do seu dono ó médico da aldea- pra tratarme diste xeito tan miserable". E a baronesa ó barón: "Marcho diste lugar dominado pola maldade, a envexa, a hipocrisía, o fastío", e maila pobreza, a inxustiza e a carraxe xeradas por iles -engadamos nós-.
A nosa ignorancia: ela é, consonte o Budismo, a causa da nosa desgraza. E, asemade, o noso dó, o noso mal-estar con nós mesmos e coa Vida, a nosa aflición é a causa de tódalas aflicións que, levados polo apego e pola aversión, pola cobiza e polo odio, lles transmitimos ós demais. Consonte Haneke (e o rapaz ou a rapaza que deixa esa nota con esa tremenda pasaxe bíblica) de xeración en xeración. Por iso non avanza a "civilización" como cómpre: non só material/mente senón tamén, e sobre todo, espiritual/mente.
Non podo nin debo desentrañarlles aquí a estrutura artística, os elementos estéticos, as claves fílmicas desta peza marabillosa. Limitareime a dicirlles que o incrible do caso é que Haneke nos formula esa cuestión sobre a orixe da crueldade sen recrearse nunca nesta (unha adicción tan propia dos pseudoautores de hoxe). Loxicamente, endexamais nos amosa ós responsables dos maltratos, xa que, se non, saberiamos quen foron. Mais tampouco se recrea nos intres nos que os pais, igual cós seus pais, castigan ou abusan dos seus herdeiros. Ó contrario. Abonda con ollarmos a escena na que o pastor azouta as dúas ovellas descarreiradas do seu propio rabaño pra nos decatar da extrema sutileza á que recorre Haneke. E -cousa aínda máis chocante- da beleza que emprega pra subliñar o horrendo, con ise estilo nitidamente influenciado por Dreyer, por Bergman, por Truffaut, por Antonioni.
Con todo, o peor de todo -parece dicirnos o austríaco- non eran os trastornos que padecían os fillos e os netos daquela sociedade dominada polas "teorías educativas" do "doutor" Daniel Gottlieb Moritz Schreber. Non. O peor era o silencio cómplice, ise "ollar pró outro lado" que caracterizou ós habitantes da Alemaña nazi pero que xa viña de moito antes e que aínda se dá arestora.
Nota 1: A policía inglesa descubriu que ises dous rapaces eran fillos dun pai alcohólico e, daquela, maltratador. En canto ó policía ruso, argüíu que estaba sometido a un forte stress debido a graves "problemas familiares"?
Nota 2: A nosa ignorancia, tal e como a entende o Budismo é, como pouco, dupla: por unha banda, ignoramos o "camiño óctuplo" que conduce á Iluminación, e por outra ignoramos o mal que nos facemos a nós mesmos causando mal ós demais.
Nota 3: Daniel Gottlieb ("amor de Deus") Moritz Schreber: autor dun dos mores best sellers do século XIX. Un "manual hixiénico" que era máis ben un tratado sobre cómo torturar ós nenos (ver ilustración quitada do tal), pero que, pásmense, aínda se vende por Internet (!). Os descendentes daquil xenio da Pedagoxía remataron un suicidándose (Daniel Gustav) e outro (Daniel Paul Schreber, xuíz e presidente xurisconsulto de Dresden) primeiro nun psiquiátrico e logo na consulta de Freud, como poden comprobar vostedes consultando calquera destas ligazóns: http://www.galeon.com/remolinos26/index_p81.htm, http://www6.ufrgs.br/psicopatologia/schreber/bruna%20seibel%20texto.html ou http://chiabai.zarcrom.net/psidic/index.php?a=term&d=5-roudinesco-plon&t=3-schreber-daniel-paul. Após lelas, comprenderán mellor esta película, e por qué André Breton, vítima tamén daquil sistema educativo e testemuña directa e indirecta dos horrores da Primeira e da Segunda Guerra Mundial, berrou nun dos seus libros: "Mais ante todo que a Terra se trague o concepto de familia!".