Hai tempo, na época do presidente Reagan, dos Estados Unidos, modelo de democracia, o señor William Clark, se a memoria me é fiel, fora nomeado polo devandito presidente Reagan subsecretario de Estado... é dicir, o segundo home de a bordo do temible e temido Xeneral Haig.

Levado, como é de rigor.... nos Estados Unidos... ó Comité de Política Exterior do Senado, para que alí evidenciase diante dos senadores a súa sapiencia nas materias que lle confiarían; fixéronlle preguntas como estas... ¿Pode vostede dicirme quen é o ministro de África do Sur? ... Non señor, non podo. ¿Pode vostede dicirme quen é o primeiro ministro de Zimbawe? Tampouco. ¿Sabe vostede cales son os países da NATO contrarios á modernización do seu arsenal atómico?... Non, estaría adiviñando si contestara. ¿Pode vostede dicirme, con base ó que sae publicado nos xornais, que está sucedendo no Partido Laborista Británico?... Non sei especificamente, que está sucedendo nese partido político.

A prensa americana e europea estouparon ¿Cales son as cualificacións deste señor para un cargo tan importante? E a resposta, non tardou en producirse, é amigo do presidente. E punto. Ó parecer, cando don Manuel Fraga leu a noticia... amigo tamén dos seus amigos, sorriu, e dixo "en todas partes se cocen fabas".

Escriben os reporteiros do desencanto, da decepción, do desengano, en fin, da desilusión... que causaron, que causan certos nomeamentos polo nepotismo, polo enchufismo, pola recomendación, que non só se respira no ambiente, senón que se palpa, se comproba. E isto crea desánimo entre os/as que se senten preteridos, burlados, e inxustamente tratados/as, nas súas xustas aspiracións. Expliquemos os termos, como dín os filósofos: Nepotismo, se nos remontamos a etimoloxía da palabra, procede do latín de "ne" e "potis". Cicerón emprégaa como neto, fillo da filla e co poeta latino Horacio, úsana como "o que disipou o seu patrimonio", en cambio outro poeta, Virxilio, defínea como "a posteridade", "os descendentes". Tamén se usa como alcume, de aí vén Cornelio Nepote, o gran escritor veronés.

A Igrexa foi paradigma disto, triste modelo, a través da Historia. Fixo verdadeiros estragos, sobre todo certos papas, favorecendo sistematicamente a súa familia, mediante títulos, doazóns e sinecuras. O papa español Borgia foi papa co nome de Alejandro VI, nomeou ó seu fillo cardeal. Por iso hoxe chámase nepotismo a calquera abuso de poder a prol de parentes ou amigos. A sinecura é un emprego ou cargo retribuído que ocasiona pouco ou ningún traballo, como dicir un enchufe.

Hai distintas modalidades do enchufismo. O dereito de pernada era dos abusos dos señores feudais, segundo a Historia, practicado en diversos lugares; o señor pasaría a primeira noite, despois da voda (sic), coa muller do servo. Isto máis tarde desapareceu.

A historia do Papado, como dixen antes, está salferida de nepotismo. Seguramente o presidente Zapatero, que nos citou o capítulo 24, versículo 14 do Deuteronomio, coñecerá tamén esta cita bíblica, no Evanxeo, (Xoán 5,1-15), onde nos dá a entender a necesidade de alguén que nos bote unha man, que nos dea un empuxón. Nárranos que na piscina de Bezsazá, en Xerusalén, había unha chea de enfermos, cegos, coxos, tolleitos, agardando o movemento da auga (pois de cando en vez baixaba un anxo á piscina e remexía a auga; entón, o primeiro que entrase despois da axitación da auga, quedaba curado de calquera mal que tivese)

Había alí un home que levaba trinta e oito anos enfermo. Xesús, ó velo deitado e sabendo que levaba xa moito tempo, pregúntalle: -Ti queres ser san? Respondeulle o enfermo: -Señor, eu non teño a ninguén que me bote á piscina cando se remexe a auga; e, mentres eu veño, sempre baixa outro máis axiña ca min.

Xesús díxolle: "Érguete, colle o teu leito e anda". No intre púxose bo aquel home, colleu a súa padiola e botou a andar.

Coma este paralítico hai moitos, que non levan trinta e oito anos, pero si tres, catro, cinco anos ou máis, facendo oposicións, ou esperando unha comisión de servizo por méritos propios e con rigorosa antigüidade no traballo, e probada capacidade para a función a que aspira, para a que se fai a garatuxa (o paripé) de convocar un "concurso de méritos", se se fai, e ás veces nin iso, cando está outorgado o cargo "dixitalmente", con escándalo de todos os aspirantes. E pregúntanse e ¿que méritos ten esa persoa escollida? A resposta é: "é amiga ou amigo do presidente ou doutro alto cargo", os méritos serán a amizade. Triste realidade. Esquecen estes gobernantes aquilo de que "a muller do César non só ten que ser honrada senón parecelo". E hai casos que nin en aparencia son defendibles.

Intelligentibus pauca (A bos entendedores, bástanlles poucas razóns).